Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Harmonías e primavera

Saibran debuta con «Atardecer harmonioso con gotas de primavera»

Fiz García, Cibrán García e Julián Goicoa, os tres membros do proxecto Saibran.

Fiz García, Cibrán García e Julián Goicoa, os tres membros do proxecto Saibran. / @divinatraxedia

V. Neira

Cibrán García constitúe a metade de Boyanka Kostova, dúo que remexeu, e ben que o levou a cabo, as augas xa quentes de seu do ecosistema das nosas novas músicas contemporáneas. Boyanka levaron ou, máis ben, trouxeron ao país unha nova volta de parafuso a un trap que maridou como nunca con toda a retranca galega e así mesmo coa mestura perfecta entre a esencia das novas músicas urbanas e mais os elementos chantados a lume e ferro na nosa identidade.

Xunto con Chicho do Funk (Ortiga), Cibrán move marcos e desafía chamando ao baile e tamén a ese certo humor intelixente no que socialmente nos vemos reflectidos moitas e moitos aínda incluso coa diferenza xeracional enriba da mesa. Agora Cibrán está a presentar un novo proxecto baixo o nome de Saibran e desta vez con dous socios ben cercanos a el e xa baqueteados en moitos palcos baixo marcas tan acaídas como Mundo Prestigio: Julián Goicoa (baixo) e Fiz García (batería).

Xuntos veñen de publicar Atardecer harmonioso con gotas de primavera (Tremendo Audiovisual, 2025), disco que, ademais, presentan como a primeira parte dunha triloxía que se dispón a percorrer todas as emocións e experiencias vitais, e cotiás, que envolven a existencia humana dende o solpor até o mencer.

Trátase, pois, de tres discos para achegarnos esa mirada tan persoal e cargada de encontros, desencontros, horas de compartir, días e noites, momentos solitarios e todo ese ineludible ritual das nosas rutinas nunha cidade galega. Este primeiro da entrega foi gravado polo propio Julián Goicoa e composto por Fiz e Saibran e nel atopamos sete cortes (máis unha pista extra que propoñen como enlace para cando publiquen o segundo volume da triloxía) nos que atopamos un abano de sons e cores que van dende o rap máis evidente ao trap máis urbano, pero tamén con moitas pingas funk, soul, pop e incluso, e por momentos, rispando con certa psicodelia.

Con letras cargadas de referencias sociais, culturais e musicais este Atardecer harmonioso con gotas de primavera lévanos da man polos carreiros da existencialidade máis común e por territorios que, por deviren humanos e recoñecibles, se fan altamente gozosos e sanadores. Atopamos, daquela, cancións que, aínda coa electrónica no seu sitio, xorden tamén con moito peso orgánico, a falaren da vida, do paso do tempo, das teimas que temos e de como somos quen de respirar no medio do vórtice.

Cortes cargados de xeito e tirando honestidade a caldeiros con títulos como «O quinto mundo», «Cubata en vaso de tubo», «Puretismo» ou a nosa preferida «Durmir é para covardes» chegan para facer de Saibran un dos proxectos rapeiros máis recomendables e gozables da nosa escena.

Coa colaboración dos Mundo prestigio e do DJ Mil nun par de cortes, prometen os Saibran unha xira para presentar esta primeira entrega mentres se nos poñen os dentes longos á espera dos dous seguintes discos que, en breve e segundo anuncian, axiña estarán a caer. De momento podemos ir gozando destes temas en todas as plataformas e tamén nun valorable formato en vinilo deseñado por Maru Astray.

As listas

Nada hai nada máis espantoso que as listas dos mellores discos do ano que decote lemos en decembro en todo canto medio se publiquen. Son detestables, polo menos ao entender dun servidor, por varias cuestións a ter en conta: a primeira, polo implícito carácter competitivo que denotan, atrevéndose a ditar sentenza sobre o mellor ou peor, todo no criterio deses «expertos» de turno que teñen a ben erixírense como xuíces.

Por outro lado, polo gusto sesgado e case sempre de cortísimas miras, baseadas na pura tendencia do momento. Cansamos estes días de mirar as devanditas listas como ese pequeno castigo, igual merecido, que temos que carrexar todas aquelas persoas que gostamos dos espazos musicais nos medios de comunicación mentres a vea se nos incha e os nosos tempos de amor e paz caen en claro perigo de extinción. A música présta toda no seu conxunto e sempre a expensas do gusto de quen escoite, faltaría máis, pero postos a facer listas polo menos tomarse a molestia de escoitar todo o que se publicou na escena e, dende logo, mirar un pouco máis aló do que apuntan as liñas do éxito comercial que todo o compran e todo o venden.

O 25 foi un ano cargado de calidade e diversidade na nosa música, foi un ano xeneroso no que se fixo de todo e cunha nota media ben notable e para este 26 que comeza o noso desexo é que veña igual ou mellor e agardemos que non quede un galego nin unha galega sen coñecer os centos de proxectos diversos e xeniais que aquí se fan. Igual para o vindeiro decembro facemos unha recensión das mellores, e peores, listas do ano.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents