Aresipé, o pobo xitano
600 anos da chegada á Península Ibérica

Celebración do Día Internacional do Pobo Xitano. / Arquivo
Están entre nós pero raramente están connosco. Podemos admiralos nas artes ou mercarlles uns calcetíns nun mercado ambulante pero non rematan de seren dos nosos. Son os xitanos, cos que convivimos hai seis séculos no conxunto hispánico. Procedentes da zona do Panxab e Utar Pradesh, fuxiron do rigorismo que os musulmáns de Afganistán querían impoñer.
Foi o inicio (Teljaripé) que os levou cara a occidente (Nakhipé), por terras de Persia, Armenia e Grecia ata chegar á Europa católica, onde callaron como pobo (Aresipé). Xa no continente, expandíronse por diversos reinos (Buxljaripé) con diferente fortuna. Sempre cara a poñente, sen refaceren nunca o camiño andado: uns quedaban e outros seguían. Daquela peripecia, o Museu d’Història de Catalunya presenta a exposición El poble gitano de Catalunya: història i cultura.
Coincide coa primeira noticia que temos da súa chegada a terras hispánicas: un salvoconduto que o rei Afonso V de Aragón deu en 1425 a un tal Xoán de Exipto Menor para ir a Compostela. Seguiu camiño, e Branca de Navarra, uns meses despois, pagoulle 24 floríns. Non temos máis noticias desa viaxe, pero o Camiño era garantía de poder viaxar sen atrancos. Que a presenza de xitanos pasou a ser significativa foi unha cita documentada en Coímbra en 1462.
Aqueles primeiros xitanos chamaban a atención polos seu exotismo, música e dotes de adiviñación. Ben axiña adoptaron oficios artesanais como o trato de gando equino (venda, ferradura, rapa), caldeirería, vimbio, aprendidos no seu nomadismo. Malia as diversas ordes de expulsión (xa en 1499 o edicto de Medina del Campo ordenaba o seu asentamento), a ausencia de mouriscos permitiulles quedar e pasaren a formar parte do imaxinario da novela picaresca do Século de Ouro.
Xa cos Borbóns e a súa teima unificadora, a vida dos xitanos pasou dificultades como as provocadas pola chamada Gran Batida (Baró-Estaripen) ordenada polo marqués da Ensenada en 1749, que afectou uns 9.000 xitanos: homes e mulleres foron separados. Carlos III ordenou a súa liberdade e recoñecíalles certos dereitos pero precisaban de domicilio. A Constitución de 1812 recoñeceulles o dereito de nacionalidade se estaban «aveciñados» e a de 1837, o pleno dereito.
A Lei de vagos e malfeitores, aprobada en 1933, que despois da Guerra Civil pasou a Lei de perigosidade social, foilles aplicada se non tiñan domicilio coñecido. O franquismo creou a figura do «xitano bo» (artistas) fronte aos outros. Non foi ata a aprobación da Constitución de 1978 (co concurso, por certo, de Juan de Dios Ramírez Heredia, o primeiro deputado xitano, daquela pola UCD) cando comezou o recoñecemento do pobo xitano, da súa cultura e dos seus dereitos lingüísticos.
En paralelo, polo mundo adiante, e despois do xenocidio de 1939-1945 (Samuradipén), en 1971 celebrouse en Londres o Primeiro Congreso Mundial Xitano, que adoptou a bandeira azul e verde coa roda de dezaseis radios do nomadismo que lembra a Ashoka Chakra india.
A fundación da Garda Civil en 1844 instaurou unha constante do imaxinario español recente: a súa rivalidade cos xitanos. En paralelo, persoeiros como George Borrow, «Jorgito el Inglés», expandiron a imaxe tópica de persoas libres, apaixonadas, exóticas, que culminaron coas figuras románticas da Esmeralda de Victor Hugo e da Carmen de Bizet.
Como toda minoría perseguida, os xitanos foron moi conservadores en canto á súa identidade colectiva. E unha das súas manifestacións é a relixión. En España, despois de 1967 houbo unha conversión masiva á Igrexa Evanxélica de Filadelfia, doutrina pentecostal chegada de Francia, que lles permitía rezaren e cantaren á maneira xitana. Con todo, houbo desercións posteriores como a do coñecido artista catalán Peret, despois de abandonar actuacións e negocios para ser pastor.
De noso
Non temos constancia de se aquel Xoán do Exipto Menor chegou a Compostela. O certo é que Felipe V en 1717 ditou unha Pragmática pola que se autorizaba o establecemento de xitanos en Betanzos e Ourense. No entanto, en 1746 os correxidores reais comunicaron que non había presenza de xitanos constatada. Non chegarían ata 1749 cando, durante a Gran Batida, algúns xitanos foron trasladados ao arsenal da Graña (Ferrol). En 1783 a Real Audiencia da Coruña non rexistraba xitanos pero si algunhas mulleres que ollaban as mans con intención de adiviñación.
No século XIX comezaron a instalarse xitanos en vilas galegas. ata uns 11.000. Pódense distinguir entre xitanos galegos (os máis antigos) e casteláns (o 85%), zamoranos (chegados despois da guerra civil, 3%), húngaros (fuxindo da guerra mundial, 2%) e, máis recentemente, portugueses de Tras os Montes.
A estrutura económica galega conduciu a que os xitanos instalados en Galicia non se dedicasen a tarefas agrícolas e gandeiras e fixérono en oficios temporais vinculados á industria naval e ao marisqueo e, xa recentemente, coa venda ambulante.
A diferencia de Cataluña ou Andalucía, non houbo moitos artistas xitanos galegos. Cabe salientar a Luís Barrull, «El Luís», coruñés emigrado á Arxentina, e aos pontevedreses Los Potros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los profesores rechazan participar en las excursiones por el mal comportamiento del alumnado
- El virus sincitial releva a la gripe como principal causa de ingreso en Medicina Interna
- Argentina identifica a un barco gallego por un posible caso de «pesca ilegal»
- ¿Por qué Marruecos complica cada vez más las cosas a la conserva gallega y Chile compromete a los bateeiros?
- Prohibida la circulación de camiones por la A-52 entre Ourense y Ponteareas desde este viernes y hasta nuevo aviso ante la previsión de nevadas por Ingrid
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Juan Taboada, coordinador de Meteogalicia: «Hay indicios de que en la segunda quincena de febrero podría dejar de llover»
- La prórroga de la suspensión de los desahucios dispara la contratación de desalojos exprés
