Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Carraxe e alegría
O prezo da mala educación
Pilar Ponte
Cerras a contracapa de Mulleres que viven xuntas e invádeche a roda toda das emocións, dende unha carraxe histórica ata a alegría de pensar que hoxe as cousas son, ou poden ser, ben diferentes. Abril Camino, pseudónimo de Rocío Otero, vén de gañar o Premio Xerais de Novela 2025 con esta obra que retrata a realidade de moitas parellas de lesbianas agochadas socialmente como «amigas».
A novela constrúese a través da alternancia entre un hoxe e un onte ao longo de 21 capítulos breves. No hoxe atopamos unha das protagonistas que nos conta de maneira demorada e en primeira persoa as súas vivencias chegado «este momento» en que acaba de morrer a outra e se atopa no velorio e enterro de quen foi o seu grande amor. Si, unha e outra, porque tardaremos en saber cal delas é esa anciá e cal, a finada. Será a imaxinación de quen le a que decida ata ben avanzado o texto. Na outra metade da novela, os capítulos dedicados ao onte será unha voz narradora en terceira persoa a que nos vaia dando conta década a década das traxectorias vitais de Isabel e Chus especialmente a través dos máis de 50 anos en que permaneceron unidas.
A autora, mediante breves pinceladas, sitúanos temporal e socialmente nas etapas da historia de España en que viven as protagonistas dende mediados do século pasado ata hoxe, dándonos así unha perspectiva histórica en que nos amosa a lentitude da evolución social para conseguir a xustiza de poder vivir en liberdade sendo lesbiana.
Isabel e Chus son asemade representantes de dúas maneiras de vivir na España e na Europa do momento; a Isabel a pobreza familiar lévaa a ser criada en Londres por uns tíos seus e vive a modernidade da capital inglesa dos setenta. Fronte a ela, Chus foi criada na riqueza dunha familia ultracatólica, no sentimento da culpa e na obediencia o que a levará a ter que pagar moi caro no seu futuro o prezo da mala educación.
Fronte ao que acontece no mundo, esta historia agóchase nunha casa pequena nunha aldea próxima a Santiago onde conseguen a aceptación social grazas ao engano de disfrazar a súa relación amorosa baixo a aparencia dunha amizade entre mulleres. Camino ispe esta relación e converte a novela no retrato da invisibilidade do lesbianismo que lles permitiu sobrevivir, non sen dor, a tantas e tantas mulleres sen deixar de amosarnos tamén como os avances na conquista legal dos dereitos tarda en ir acompañada do verdadeiro avance social.
As máscaras dun home
Para alén da normalidade
Estro Montaña
Osamu Dazai (Kanagi, 1909-Tokio, 1948) fixo fortuna na literatura xaponesa coa súa última e tráxica narración, publicada en 1948 cando o país padecía unha profunda crise dos valores imperiais. En plena devastación da identidade colectiva, o autor desta novela curta presenta un narrador que se serve de tres fotografías e varios documentos autobiográficos para nos entregar a confesión dun home incapaz de se sentir parte do mundo e que, de xeito fragmentario e desde unha óptica existencialista, conta como se serve dunha máscara cómica para sobrevivir ao medo. O resultado será que cada vez se illará máis da normalidade.
Nun horizonte marcado pola culpa nacional, a perda de valores e a sensación de fracaso de Yozo Oba, o protagonista, é cada vez maior. A novela avanza como a propia vida de Dazai, marcada pola imposibilidade de conectar co mundo: amantes, alcohol, morfina, prostitución e o suicidio son características dun protagonista que se parece moito ao autor da novela. Este naufraxio, que lembra a fraxilidade e a alienación dos personaxes de Kafka e de Camus, está contado cunha precisión extrema. Menos que humano é a segunda novela máis vendida no Xapón, tras Kokoro de Soseki, e podemos considerala un modelo de desarraigo, desesperación e sinceridade brutal. A inutilidade do protagonista convérteo, diante dos seus propios ollos, nun ser indigno, co que está abocado a unha espiral de autodestrución.
Realidades paralelas
Cos poderes das palabras
María Navarro
Unha nena, o momento Hora do Conto pola noite, a avoa Merliña e os libros velaí os ingredientes do texto que Elena Gallego Abad vén de publicar na Colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia e no que a maxia das palabras feitas historias cobran un significado especial creando realidades paralelas nas que neta e avoa se acubillan para vivir a emoción das verbas e conectar as mentes que permiten o entendemento, a empatía e a comunicación de ideas coas que ámbalas dúas se enriquecen.
O libro de Borboligón constitúe en si unha aventura na que Elba se mergulla, engaiolada polo feitizo da cor das letras, da forma das palabras, das atractivas personaxes de modo que cumprirá o seu soño de ter todos os contos nun que realmente sexa máxico.
A escritora constrúe a través da sinestesia un universo ficcionado onde todo é posible. Todos os domingos despois de xantar avoa e neta len contos na biblioteca onde abren frascos que conteñen letras simpáticas, cheiran o recendo das palabras, tocan as súas formas e saborean os significados que intensifican a experiencia da lectura e que invitan o lectorado a converter en comestibles as palabras que alimentan o ánimo e o espírito.
O texto acompañado das ilustracións cálidas e encantadoras de Chus Rojo achegan o elemento visual que fala tamén de aprendizaxe, de maxia e do poder das letras e das palabras capaces de transformar calquera frustración nunha descuberta fascinante.
As cores da celaxe
Un caderno de observación
Oriana Méndez
Alicia Fonteboa, impulsora dos estudos da lingua galega no Bierzo, publica Celaxe na editorial Galaxia. A través das súas páxinas transcorren poemas que teñen moito de xogo de formas: fragmentación, disposición visual dos versos, pausas, repeticións. É recorrente o desenvolvemento de imaxes orgánicas –terra mollada, lirios no xardín, raíces, substancias naturais– para dar conta dunha identidade en tránsito. Materia da natureza que se converte en espazo da memoria, negativo da cegueira e da destrución, metáfora da identidade individual e colectiva.
Destaca, na primeira metade, un ton de exilio interior ou desazón existencial («paxaro / desterrado das illas do corpo»). Avanzada a lectura, contraponse un movemento de retorno e un desexo de reconstrución: unha rexeneración simbólica, «corazón en xerundio». No conxunto do libro, moitos poemas funcionan como anotacións ou impresións inmediatas, case pequenas escenas, que buscan fixar un pensamento antes de que desapareza; outras pezas traballan sobre unha acumulación de imaxes que actúan como capas e que rematan por conformar un discurso íntimo sobre a vulnerabilidade.
Celaxe constitúe un libro heteroxéneo con algúns poemas nos que a lingua e a visión atopan o seu encaixe, instante no que emerxe a imaxe poética. Trátase dun poemario cunha continuidade temática clara —a identidade, o corpo, as percepcións— que aposta máis pola suxestión ca pola construción dun sistema propio. O resultado é unha obra que se le como un caderno de observación. Sen pretensións innecesarias, o libro abre espazos de lectura que permiten recoñecer unha voz atenta ao mundo, disposta a seguir explorando novas formas de nomear aquilo que, por un intre, se acende.
Suscríbete para seguir leyendo
- Dos viajeras que perdieron un avión de Madrid a Bruselas por una avería del tren en Ourense no serán indemnizadas por el coste de los billetes adicionales para llegar a Bélgica
- Mueren dos hermanos de Salvaterra en un accidente frontal en Porriño
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- Pilotos a ciegas y un tripulante asfixiado: urgen revisar el protocolo de seguridad por humo en algunos aviones tras el susto con un buitre en Madrid
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- «La dieta y el ejercicio son fundamentales en la menopausia y, para las que aun así tienen síntomas, hay tratamientos»
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota