Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Os antecedentes dun proceso

A Transición española (I)

Proclamación de Xoán Carlos I (1975).

Proclamación de Xoán Carlos I (1975).

Alfredo Iglesias Diéguez

A Transición é o proceso que marca o tránsito dende o final da ditadura franquista até a plena restauración democrática, polo que os seus límites simbólicos habería que situalos entre o 20 de novembro de 1975, data da morte do ditador, e o 6 de decembro de 1978, data da aprobación da Constitución española. Con todo, en tanto que é un proceso, pódense atopar antecedentes nos anos anteriores, do mesmo xeito que a aprobación da Constitución non detivo algunhas das dinámicas que se desenvolveron noesa mesma etapa.

O filósofo Santiago Alba Rico argumentou nalgunha ocasión que a Transición, entendida como unha forma de disciplinar o pobo español no seu sentido do voto e os partidos obreiros na súa submisión ao capital, comezara co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, sucedido por unha guerra de exterminio do «inimigo de clase» e unha longa ditadura que se caracterizou por practicar a «pedagoxía do terror».

Sen ánimo de chegar tan atrás na busca de antecedentes, o certo é que moitas das dinámicas que van determinar os feitos que se desenvolverán durante a Transición comezaron nos anos anteriores. Velaí están, por exemplo, os seguintes feitos: en primeiro lugar, o establecemento dunha xefatura do goberno diferenciada da xefatura do Estado, cargo que ostentou Luis Carrero Blanco (1973) e, logo dunha interinidade de Torcuato Fernández Miranda (1973), Carlos Arias Navarro (1974-1976), o autor do famoso «espírito -aperturista?- do 12 de febreiro de 1974».

En segundo lugar, o desenvolvemento de estruturas parapoliciais organizadas na sombra por José García Hernández -o ministro de Gobernación responsable da execución de Salvador Puig Antich e do decreto-lei antiterrorista polo que se procesaron os cinco derradeiros fusilados do franquismo, entre eles Humberto Baena Alonso- e Blas Piñar, que tras a morte de Carrero Blanco, atentaban con total impunidade contra sacerdotes progresistas, líderes estudantís e sindicais e libreiros «rojos».

En terceiro lugar, a constitución de plataformas políticas que xiraban arredor das dúas principais organizacións políticas de oposición ao franquismo: a Xunta Democrática de España, organizada arredor do PCE, e a Plataforma de Converxencia Democrática, organizada entorno ao PSOE, que xa renunciara ao marxismo.

En cuarto lugar, o xurdimento dun feixe de organizacións políticas que apostarían por unha liña rupturista, como a Liga Comunista Revolucionaria -fundada en 1971-, o Movemento Comunista de España -fundado en 1971-, o Frente Revolucionario Antifascista y Patriota (FRAP) -constituído como organización armada do PCE (m-l) en 1973- e o PCE (r) y los GRAPO -fundados en xuño de 1975-, alén doutros grupos que xa xurdiran con anterioridade, entre eles ETA.

En quinto lugar, o xurdimento de tensións no seo das institucións afíns ao réxime, como a Igrexa, na que bispos como o monseñor Araújo Iglesias, Añoveros ou Tarancón mantiñan unha postura claramente distante con respecto ao réxime franquista, e o propio exército, coa constitución da Unión Militar Democrática en 1974.

E en sexto lugar, a consolidación dunha oposición ao réxime cada vez máis presente na rúa, velaí están as mobilizacións obreiras en cidades como Ferrol ou Vigo no ano 1972, que se xeneralizan por toda España a partir do ano 1974.

O punto de partida da Transición: «Toda a historia da sociedade humana [...] é unha historia de loitas de clases [...], velada unhas veces e outras franca e aberta», sinalaban Marx e Engels no Manifesto comunista (1848). A Transición é a expresión «franca e aberta» desa loita de clases... e comeza cun triunfo das elites que seguindo o plan previsto polo ditador, o 22 de novembro de 1975 proclaman rei a Xoán Carlos de Borbón, quen ratifica a Arias Navarro na xefatura do goberno.

Dos límites

Nos últimos anos, a historiografía propuxo diferentes periodizacións para definir os límites da Transición. Velaí están as propostas de autores como Preston e Paniagua, que propoñen como inicio o ano 1973, coincidindo co comezo da crise do petróleo e o atentado perpetrado por ETA contra Carrero Blanco (20/12/1973).

No extremo final, tanto Maravall como Preston, coinciden en propor o ano 1980 como data de remate da Transición; mentres que Paniagua fai coincidir o final da Transición co ingreso de España no Mercado Común Europeo -hoxe UE- e na OTAN -logo dun referendo no que se aprobou pola mínima a permanencia-, feitos que tiveron lugar no ano 1986.

Non obstante, considerando que a Transición é un proceso político que, como titulaba no ano 1977 José Vidal Beneyto, consiste no tránsito dunha ditadura de clase, o franquismo, a unha democracia de clase, resulta evidente que os límites dese período hai que establecelos entre o 20 de novembro de 1975, data na que morre o tirano, e o 6 de decembro de 1978, data na que se aproba en referendo a Constitución da monarquía parlamentaria española.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents