No Pazo da Raposeira
Memoria de Amador Montenegro

Vista exterior do Pazo da Raposeira.
Pancho, amigo de amizade irrompible, cóntao entre xustificadas ínfulas: «A miña rúa leva o seu nome». Refírese á ruela Amador Montenegro Saavedra, paralela a esoutra humilde canella do Pondal autor do Himno galego e desoutros poderosos textos como «Campana de Anllóns» ou «O dolmen de Dombate».
Moito habitante de Vigo descoñece a localización. Sitúense Vdes. por riba do parque de San Roque en dirección ao Couto de San Honorato, onde foi feita a feituca capela de Santa Rita, patroa dos imposibles que non impediu a súa propia destrución a mans de gargantúas urbanísticos. Ao saír por San Roque, dicía, atópanse cunha baixada a uns adosados rentes do Colexio Hogar, do cal sempre lembro, cando xogaba no CD Coia, a bóla do seu equipo de fútbol: os dolorosos Mikasa.
A rúa Montenegro Saavedra é un espazo de nulo tránsito agás para os moradores e visitas a recibir. Mais a exaltación de Pancho ten razón de seu. El sábeo pero case todo o mundo o ignora, incluso máis xente da que pisou esa rúa ao longo dos anos. A el dedicarémoslle este artigo co gallo da recuperación do Pazo da Raposeira (sito en inhóspito enclave de fábricas, almacéns e supermercados varios) pois alí residiu en tempos de verde campiña e camiños andados.

El renacimiento del Raposeira, el pazo más desconocido de Vigo / Ricardo Grobas
Amador, compostelán por nacenza pero lucense por terra, integrouse na inacabada historia da nosa lingua. Por que? Por ser o primeiro en falar galego nun discurso de ingreso na RAG, no cal recoñece o papel das mulleres na literatura popular, que é asunto das presentes Letras Galegas.
O acto presidíao Murguía nunha sala do Ateneo León XIII de Santiago en ano de 1909. A nai, Pilar Saavedra Costas, era de Vigo cun pé no Pazo do Rosal (Moaña). Ela pertencía a unha estirpe fidalga con propiedades en Sanxenxo, Vilafranca do Bierzo, Lugo ou Láncara. Por esta liña materna, Amador herdará o Pazo da Raposeira que habitará a partir de 1891 despois de casar na Colexiata de Vigo coa súa curmá, Mª Concepción López Saavedra.
O pai, Siro Montenegro López, era un fidalgo oriundo de Castro de Rei con residencia no centro urbano de Lugo. O trato coas xentes do campo permitíalles manter un contacto directo coa cultura popular. Siro inculcou no seu fillo as inquedanzas polo folclore nacional.
Alén de xestionar os lotes familiares, Amador cultivou a cultura con artigos de prensa, novelas e poemas tanto en castelán como en galego. No eido asociativo fixo parte da directiva do Orfeón Gallego de Xoán Montes, compositor da música da «Negra sombra» de Rosalía, que badala no reloxo da caixa no cruce de Colón entre o lusco e fusco.
Na fraga amurallada, como Darío X. Cabana dixo de Lugo, Amador funda e dirixe con Manuel Pardo Becerra A Monteira (1889-90). Este xornal, totalmente en galego, significa unha aposta pola lingua e unha significativa conciencia lingüística. No período da Restauración avivárase deica puntos descoñecidos o debate sobre a identidade dos pobos peninsulares. Un elemento acreedor do carácter nacional era ter unha lingua propia. Por esta razón, publicar un xornal só en galego supoñía romper barreiras para o idioma pero tamén trincheiras de prexuízos. Fidalgos de cómoda vida recibiron insultos só por usar o galego en prosa (había máis permisibilidade para a lírica segundo cales temas).
A formación culta e unha miga leguleya levárono a interesarse por xeórxicos asuntos e combater o caciquismo. Un feixe de artigos xuntounos en Causas generales de la decadencia agrícola en Galicia (1903).
En Vigo frecuentou círculos sociopolíticos: concelleiro, socio de honra da Cámara de Comercio, dinamizador do Círculo Católico, colaborador de FARO DE VIGO... A redacción escribiu á hora da súa morte: «El resurgimiento literario gallego le debía una parte importantísima». Concordo e pediría que na Raposeira houbese libros del a disposición. Oxalá fose escoitado; senón irei pedirllos a Santa Rita, alá onde estea.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marcos, el niño de 6 años que acertó a última hora con el primer premio del sorteo del Niño
- Argentina autoriza la entrada en sus aguas a barcos chinos por un fuerte temporal; pesqueros gallegos, a la capa
- Una familia lituana-holandesa compra una casa en Santa María de Oia que convertirá en alojamiento para turistas y peregrinos
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Un ingeniero vigués diseña el primer chip capaz de funcionar al filo del cero absoluto de temperatura: -268 ºC
- Lluvia de millones en Galicia con un repartido primer premio y un segundo casi íntegro en O Porriño
- Muere Mabel Montes, histórica periodista de la TVG
- Retiran la incapacidad absoluta a un camionero con agorafobia al poder realizar «teletrabajo»