Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Honesta homenaxe

«Non vale parar!», o novo disco de Bule

Os membros de Bule.

Os membros de Bule. / Alex Bravo

V. Neira

Vivimos nun curruncho musical no que devén evidente que sempre se mira moito para unha beira e moi pouco para a outra. No que se lle fai moito caso a algunhas propostas e moi pouco a outras. No que decote o idadismo, por un lado, e a aposta polo «moderno», polo outro, fai que proxectos ben potentes e tremendamente interesantes non teñan case ningunha atención mediática neste sistema tan en mans da moda e da tendencia. Todo pasado polo funil do que, en teoría, xa funciona, sobrevalorando o que acontece en redes sociais, con gurús sentando cátedra e aceptando aquilo que os festivais máis tendenciosos teñen a ben xestionar e programar nos seus multicartaces tan ben deseñados para enlearen a plebe na romaría de turno.

Hoxe tentamos remediar esta eiva, pola parte que nos toca e ainda que sexa nada máis un pouco, falándovos do novo disco dos Bule, o cuarteto de Pontedeume que estes días están a presentar o seu novisimo Non vale parar!, publicado nun fermoso vinilo de dez polgadas que agradecemos a máis non poder toda a xente que amamos ese indestructible vello formato que, ademais agora, está de volta e vixencia plena.

Así pois, chegan outra volta os Bule cunha quinta entrega na que pouco mudan do seu plan de ruta iniciado no 2017: punk que bebe do 77 e que estoupa en Ponteareas coa enerxía e mais a melodía dunha banda que en directo é pura crema.

Adrián (batería), Pablo (baixo e voz), Óscar (guitarra) e Jetu (guitarra) son unha especie de homenaxe honesta e persoal a un xeito de entender o rock que traspasa incluso o estrictamente musical para adentrarse nese territorio das emocións no que o underground e o amor polo que se fai gaña por goleada a calquera outra cuestión.

Non vale parar!, segundo eles mesmos contan, trátase do lema ou berro de guerra que leva acompañando os integrantes de Bule dende tempos moi pretéritos. Podería referirse tanto a unha partida de futbolín coma a unha actitude ante as adversidades da vida e así foi escollido de título para empaquetar unha pequena colección de cancións gravadas e mesturadas nos estudos Rio Records de Ferrol, da man de Melo e Danny Abeledo mentres o masterizado quedou en mans de Kadizfornia Mástering.

Visceralidade, riffs do punk que máis nos presta, coros que quentan máis que unha augardente no Touporroutou, algo de fantástico power pop e, se se nos permite, certa excitación, ritmos trepidantes, actitude e letras de pura existencialidade nuns anos 20 do século que habitamos que se arrepoñen contra os nosos soños: velaí, entón, as marcas da casa neste Non vale parar! no que se fai difícil escoller unha canción preferida.

Coa axuda dos selos galegos Ferror Records e Radix Records e do madrileño Snap!! Records, asemade da marca galega de roupa Death or Glory e co deseño gráfico de Revolta Creativa, xa estás tardando en achegarte a un dos vindeiros concertos dos Bule para gozalos en directo, facerte cunha copia e poñela a xirar no teu prato ata que a agulla pida papas, ou proia, que para iso estamos en Pontedeume e a receita téñena ben testada.

Concierto de Dr. Salvaje.

Concierto de Dr. Salvaje. / FdV

Sr. Salvaje, fin de xira

A semana pasada viviuse en Compostela un deses concertos verdadeiramente máxicos e intensos. Foi nunha Sala Capitol ateigada de xente para acompañar no seu concerto de fin de xira un grupo local que, desde o underground, soubo tocar as teclas xustas e necesarias para converter unha sala, e unha noite, nunha marabillosa cerimonia popular de rock and roll e amizade.

Sr. Salvaje celebraron o final dunha xira que os levou por escenarios de todo tipo e pelaxe ao longo de todo o estado e onde, ademais de conquistaren público, tamén o fixeron cun monllo de xente da música que non quixeron faltar na cita da capital.

Así, alí pasaron polo escenario acompañando o Sr. Salvaje xente como Mr. Cool, David Regueiro, Isma Cabaleiro, Brais Morán, Laura Solla, Indy Tumbita, Mer Cardoso, Igor Paskual (Loquillo y Los Trogloditas), Benja Biribirlocke, Gabriel McKenzie, Nuno Grande Amore, Santi Capillo (ex M-Clan) ou Oneida James, baixista do desaparecido e sempre añorado Joe Cocker.

Quen non estivestes alí, imaxinade a dimensión dun concerto que foi tan único como extraordinario polo territorio emocional no que se desenvolveu. Noite inesquecible e con momentos máxicos a altura dun «with a little help from my friends» que remexeu corazóns arriba e abaixo do escenario. Agora axiña virá disco novo e quen sabe se dentro de dous anos repetir algo tan fermoso como o acontecido na Capitol a semana pasada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents