Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Un caso de vudú

Simpatía e reservas

Iago Fernández

No ano 1945, Castelao envioulle un telegrama a Ramón Piñeiro para solicitarlle unha cita en París, a onde viaxaría proximamente. Piñeiro non respondeu nin compareceu á cita, dando por feito que era moito máis importante coller un voo de urxencia a Madrid. A partir de entón, segundo a proposta de Suso de Toro, as correntes do galeguismo encabezadas por cada un deles bifurcáronse de xeito definitivo: cara á dereita, o galeguismo do interior, futuramente coñecido como piñeirismo; cara á esquerda, o galeguismo no exilio, responsabilidade lexítima de Castelao.

Décadas despois, o narrador de Terra de Sacrificio decide entrevistar a Piñeiro para preguntarlle polas razóns que o levaron a desmantelar aquela cita crucial. E, coma o entrevistado leva décadas morto, recorre a unha app que lle permite resucitalo nunha sorte de Metaverso. A entrevista acontece na recreación dixital dunha casa de Piñeiro na que o narrador, alá polos anos noventa, xa o entrevistara en vida.

Ata quí, Terra de sacrificio semella un divertido dispositivo retórico co que interrogar o trasfondo humano dunha anécdota especialmente significativa para o devir do galeguismo. O problema fundamental é que Suso de Toro se dedica a ridiculizar sistemáticamente a figura de Ramón Piñeiro, xa sexa mediante as aportacións do narrador ou mediante as respostas que se lle atribúen.

A nivel persoal, podemos acordar en maior ou menor medida coas posicións políticas de Suso de Toro; pero iso non debería condicionar a independencia dos nosos xuizos literarios. O único logro destacable de Terra de Sacrificio é o de chantar agullas no bandullo dun boneco de trapo, como nunha vella cerimonia vudú. Máis aló diso, ofrece algunhas anécdotas elocuentes sobre a vida de Ramón Piñeiro e a oportunidade de rírmonos cruelmente da caricatura de trapo. Dubido da súa trascendencia literaria e, sobre todo, de que estea á altura de Suso de Toro.

O mellor xeito de revalorizar Terra de sacrificio é presentalo coma un panfleto encuberto ou, no mellor dos casos, coma un ensaio sui generis. Así podería distribuirse de man en man coma unha explosiva introducción á eterna discusión entre os partidarios de Piñeiro e os de Castelao.

O propio Suso de Toro xa se encarga de poñernos en situación de tomar partido lembrándonos as nefastas consecuencias políticas de que aquela cita nunca se chegara a producir.

Imagen

Terra de sacrificio (2025)

Autor: Suso de Toro

Editorial: Xerais

Precio: 17,95 euros

Tenrura e ironía

Gozo para os sentidos

Xosé Feixó

Granford é obra máis popular de Elizabeth Gaskell (Londres, 1810-1865), quen con este retrato tenro e irónico da vida cotiá nunha pequena vila inglesa inspirada en Knutsford, lugar da súa infancia, fainos asistir aos pequenos e grandes acontecementos do lugar. A través das irmás Jenkyns e outras mulleres solteiras, vivimos os pequenos e grandes acontecementos da comunidade: casamentos, mortes, estreiteces, amizades, decepcións... fráxil microcosmos rural, cos seus costumes e valores tradicionais, abaneado polas mudanzas da Revolución Industrial.

A narradora ofrécenos unha sucesión de episodios sen fío argumental aparente, pero que compoñen un mosaico amplo e realista das relacións humanas, que, xunto con moitos datos, como cartas, conversas e descricións, danos a coñecer un elenco de personaxes femininos que revelan o esnobismo da vella clase acomodada e a súa capacidade de resistencia.

O humor, a paisaxe e a ambientación converten a novela nun gozo para os sentidos, co valor engadido da innovación dunha estrutura fragmentaria que rompe co estilo narrativo habitual, conquistando axiña aos lectores vitorianos, tamén traducida a outros idiomas e adaptada múltiples para teatro e televisión. Moito do seu éxito reside en describir con encanto a vida doméstica inglesa, convertendo vivencias sinxelas —amor, perda, amizade, dignidade na vellez— nun legado universal atractivo aínda hoxe.

Imagen

Cranford (2025)

Autor: Elizabeth Gaskell (tradución de María Ramos Salgado)

Editorial: Galaxia

Precio: 20,50 euros

Aprendizaxe vital

Diversidade e intransixencia

María Navarro

Varios son os premios que acreditan a traxectoria literaria de An Alfaya e que lle valen un oco no eido da literatura infantil e xuvenil. O raíña Lupa, o Xosé Neira Vilas de Novela Curta, o Manuel Lueiro Rey, o Jules Vernes ou o Merlín son algúns dos galardóns que ten recibido e que van forxando un camiño nas nosas letras.

Agora un novo título, Irracionais, vén engrosar a listaxe de novelas publicadas e que debido á compoñente de aprendizaxe vital serviralle á mocidade para reflexionar sobre os posíbeis perigos que sobrevoan os entornos reais e virtuais. Ademais introduce o ingrediente da diversidade e a intransixencia de quen considera que posúe a verdade absoluta e é incapaz de ver máis alá do se propio eu.

De entre un grupo máis amplo, cinco son os elixidos para unha formación en Perfect Models, unha axencia cuxos directivos queren executar un plan que ten que ver coa intención de «endereitar as condutas consideradas desviadas».

Agora ben, na novela dito plan descoñécese totalmente, diríase que se nun comezo o texto pretendía ser un canto á pluralidade, o resultado é o relato dos enredos dun psiquiatra que é quen de convencer a outros para que o axuden a executar o seu plan de limpeza, un médico que se debe á súa ética profesional e unha nai preocupada pola súa filla. Non faltan tampouco os clixés de casualidade moi casuais que converxen na última páxina e que ben poderían coñecerse nunha continuación se a houbera.

Imagen

Irracionais (2025)

Autor: An Alfaya

Editorial: Galaxia

Precio: 17,50 euros

Existencialismo, lirismo, reivindicación

Unha exemplar edición

Héitor Mera

Falar de Franco Grande é falar de memoria: lembrado polo seu dicionario, que tantas dúbidas solucionou ou as dúas edicións do seu Os anos escuros, texto fundamental para entendérmonos o contexto e ambiente dos Bernardino Graña, Méndez Ferrín..., nomes que encheron de verdadeiras regalías os andeis dos lectores sensibles. Quedando claro o anterior, coidamos que xa chegaba a hora de que os estudosos se fixaran no seu legado literario.

Nesta edición, torna canónica a introdución de Teresa Seara que vén dar luz arredor da poesía e contexto. Se expandimos máis o ámbito de estudo, Teresa Seara entra na nómina de investigadores como Miro Villar, Millán Otero, entre outras que nos sitúan nun tempo e unha poesía con grandes poetas nunha especie de «Idade de Prata» das nosas letras.

A poesía de Franco Grande navega entre o existencialismo propio daquela Escola da Tebra, gran lectora de Kiekergard, Sartre, Camus…, representativa dun tempo de depresión na ditadura intelectualmente castrante e as ramificacións filosóficas propias dunha erudición importante que o levou a reivindicarse como un poeta fondamente lírico e filosófico. A ontoloxía, a reflexión sobre o Ser son trazos comúns na súa obra. A poesía reivindicativa e política tamén teñen a súa importancia, mais algúns somos máis gozosos da poesía filosófica.

Nun País no que temos que ir cubrindo ocos aos poucos, a iniciativa de persoas como Seara de recompilar, ordenar e editar estudos coma este son sempre unha boa nova na medida en que estamos xa en posición de analizar os autores e autoras desta xeración cunha certa perspectiva e, ao tempo, cunha cercanía cronolóxica (algúns deles seguen aí) que nos facilita acceder a fontes primarias e reflexións que, doutra maneira, non sería posible poñer enriba da mesa.

Imagen

Un intre no tempo (2025)

Autor: X.L. Franco Grande

Editorial: Galaxia

Precio: 21,76 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents