Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

As estatuas do Mestre Mateo

O retorno ao lar de dous profetas

As dúas estatuas do Mestre Mateo recuperadas do espolio da familia Franco.

As dúas estatuas do Mestre Mateo recuperadas do espolio da familia Franco.

Desde hoxe mesmo xa se poden contemplar no Museo do Pobo Galego as estatuas do Mestre Mateo, felizmente recuperadas para a propiedade do Concello de Santiago de Compostela despois de 70 anos de espolio e oito de litixio coa familia Franco e dunha intensa campaña tendente á recuperación para o patrimonio nacional galego de tan importantes obras, procedentes da desaparecida fachada exterior do Pórtico da Gloria da catedral compostelá.

Como é ben coñecido, o Mestre Mateo encargarouse de culminar a realización da sé de Compostela na segunda metade do século XII, asinando nos linteis do Pórtico da Gloria o remate da súa obra en 1188. O conxunto mantívose no esencial inalterado até inicios do século XVI cando o cabido da catedral decidiu, en 1519, facer unhas portas no Obradoiro -antes a catedral estaba sempre aberta- o que supuxo desmontar esculturas e relevos que o Mestre Mateo e o seu obradoiro colocaran no pórtico, entre eles as estatuas-columna agora de plena actualidade.

O seguinte banzo na axitada historia destas pezas acontece no século XVIII. A finais desta centuria, o conde de Ximonde Pedro María Cisneros de Castro e Ulloa leva para a súa morada algunhas destas esculturas que chegaron ao século XX en mans dos herdeiros desta familia. En 1933 o escritor e membro do Seminario de Estudos Galegos Fermín Bouza-Brey publica un traballo no Boletín de la Real Academia Gallega co título de «Dúas obras escultóricas do Mestre Mateu», fornecendo información sobre estas dúas pezas; este texto sinala que son propiedade do conde de Ximonde, Santiago de Puga e Sarmiento, estando na casa desta persoa na zona da Ulla -no concello de Vedra-. Literalmente Bouza-Brey di que están «á entrada da casa petrucial mentada, dando frente ao patio de armas que ten diante».

Unha nova volta no destino das esculturas prodúcese en 1947 cando o conde de Ximonde propón a venda das estatuas ao Concello de Santiago. Previamente o concello nomeara unha comisión para estudar o valor das obras que foran ofertadas. Nesta comisión estaba o sacerdote, arqueólogo e antigo membro do Seminario de Estudos Galegos Xesús Carro García. Co informe favorábel desta comisión, na cal estaban tamén Antonio Asorey e José Daporta, o concello compra as pezas por 60.000 pesetas, explicitando o documento de venda que as esculturas non deberán saír da cidade xa que teñen como finalidade acrecentar o patrimonio municipal de Santiago de Compostela. En 1948 son finalmente compradas as obras, sendo instaladas nas escaleiras do Pazo de Raxoi.

En 1961 celébrase unha grande exposición sobre a arte románica, so o patrocinio do Consello de Europa, con seccións en Barcelona (Pazo de Montjuïc) e Santiago de Compostela (Pazo Xelmírez). Neste contexto, as esculturas son expostas como propiedade de ditador, sinalándose como lugar de localización das mesmas é o Pazo de Meirás de onde pasarían á Casa de Cornide da Coruña, tamén en mans da familia do xeneral golpista, chegando na mesma situación de propiedade até o pleito que fixo posíbel a súa devolución este mesmo ano.

En 1988 son expostas entre setembro e novembro na mostra «O Pórtico da Gloria e o seu tempo», organizada pola Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, figurando no catálogo as seguinte información de propiedade: A Coruña, Casa Cornide (Propiedade de Duquesa de Franco) (sic).

Identificación

A respecto do tema e valor destas estatuas só lembrar que son parte da obra dun autor senlleiro e dun dos conxuntos máis relevantes do medievo europeo. Cómpre sinalarmos que a escultura do Mestre Mateo no pórtico é excepcional na súa concepción da figura e extraordinariamente avanzada, caracterizándose por un marcado naturalismo nas estatuas-columna, un camiño en boa medida non seguido na arte europea inmediatamente posterior, xa que o gótico francés tenderá a unha representación máis idealizada.

Tamén sobresaen as figuras polo tratamento do movemento e pola reprodución precisa de pregues e panos. O Pórtico da Gloria supón unha obra prima da arte occidental, que terá continuidade en calidade e complexidade estrutural nos grandes pórticos do gótico francés, Reims, Chartres e París.

A respecto da identificación iconográfica, en 1988 estas dúas esculturas foron parte -como xa se sinalou- dunha mostra realizada por mor do VIII centenario do Pórtico da Gloria. Nesa altura o profesor Serafín Moralejo identificounas como Abraham e Isaac, o que foi amplamente aceptado. Hai poucos anos, en 2013, outro investigador, Francisco Prado-Vilar, propuxo identificalas como Ezquiel e Xeremías.

Rematamos reiterando o gozo pola feliz restitución ao Concello de Santiago e polo lugar elixido para a súa contemplación, na mesma cidade onde foron realizadas e nun museo referencial para toda o cultura do noso país como é o Museo do Pobo Galego.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents