Homenaxe a Balenciaga
130 anos dun creador senlleiro

Cristóbal Balenciaga. / Archivo
Román Padín Otero
Cristóbal Balenciaga Eizaguirre (1895-1972) foi o máis grande modisto do século XX e deixou unha herdanza que non arrecia de regalarnos novas. A última delas é un libro que se presenta arestora e que aparece como continuación dunha notable mostra que se celebrou no Museo Palazzo Morando de Milán.
Trátase dun proxecto iniciado dende a Federación de Industrias do Calzado Español que tivo o primeiro paso coa mostra «Cristóbal Balenciaga: Shoes From Spain Tribute» acontecida no Museo della Moda de Milán do 21 de febreiro ao 2 de marzo deste 2025. A exposición era una celebración do xenio de Balenciaga e reunía media centena de traxes máis accesorios e documentación, procedentes de diversas coleccións públicas e privadas.
Os traxes expostos eran todos creacións de Cristóbal Balenciaga, confeccionados nalgún dos seus catro salóns. Os de París baixo a etiqueta Balenciaga e os dos salóns de Madrid, San Sebastián e Barcelona baixo a etiqueta EISA (redución do apelido materno do modisto Eizaguirre, escrito con fonética vasca).

Libro editado co gallo da mostra «Cristóbal Balenciaga: Shoes from Spain Tribute» / .
Reuníronse modelos de todas as épocas de Balenciaga, mostrando as siluetas dos anos trinta, outras de inspiración en Goya ou Velázquez e referenciais traxes evocadores de Zurbarán. Tamén a louvanza do negro, un color fetiche para Balenciaga se puido ver en moitos dos modelos expostos. Outras propostas do creador vasco inspiradas nos saris de India e nos kimonos xaponeses estaban tamén nas vitrinas desta marabillosa mostra comisariada por Javier Echeverría Sola.
A exposición foi tamén unha homenaxe a Sonsoles Díez de Ribera y de Icaza, unha das grandes clientas e amiga de Balenciaga, quen coñece de primeira man moitas das cuestión esenciais do creador de Guetaria. Entre outras pezas, mostrábase o traxe de noiva de Sonsoles, que é una beleza cunha lixeira silueta de pavo real que está totalmente bordado de flores en cores prateadas.
O éxito desta mostra foi da man dunha brillante acción comercial dos fabricantes de calzado español que mostraban creacións contemporáneas inspiradas nos modelos de Cristóbal Balenciaga. Ese matrimonio de conveniencia entre calzado e alta costura do pasado resultou sen dúbida un suceso total e foi aplaudido por público e prensa.
Certo é que Balenciaga non creara zapatos nos seus cincuenta anos de actividade pero deixou una gran pegada na historia da moda que agora, con este proxecto, se recupera para outorgar novas perspectivas de mercadotecnia a outros creadores de indumentaria, específicamente de calzado.
A mostra e mais o libro celebran o 130 aniversario do nacemento do creador vasco e celebran tamén o talento do primeiro dos grandes modistos españois que acadaron o éxito en París. A capital de Francia foi ao longo da historia o epicentro da moda, así que era doado tentar de facer carreira na cidade do Sena.
Balenciaga triunfou dende a década de 1930 en París. Nos anos 40 entra na escena Antonio del Castillo, outro modisto español nado en Madrid que colaborou en París con Schiaparelli, Chanel e Patou antes de ser director creativo de Elizabeth Arden, en Nova York. Nos anos 50 retorna a París para ser director creativo da casa de Jeanne Lanvin que nesa época se chamaba Lanvin-Castillo.
Foi asemade relevante a colaboración de Ana de Pombo con Chanel nos anos 30 e a dirección de Chanel durante una colección 1973-74 do navarro Ramón Esparza. E moi relevante foi a creatividade de Paco Rabanne no París dos anos 60 e 70.
Metal, coiro e papel
O traballo de Balenciaga era excelso no seu diálogo cos tecidos, chegando mesmo a inventar una tea que tiña en exclusiva, o gazar. Era un tecido cun corpo e unha rixidez únicas que permitía acadar grandes volumes nos vestidos.
O traballo de Paco Rabanne, outro español en París, conforma a singularidade na historia da moda: construír vestidos con pezas de metal. Mesmo chegou a chamar ao seu primeiro perfume «Eau de calandre» ou «Auga de radiador de automóbil».
No caso dos fabricantes de calzado españois que promocionan esta homenaxe a Balenciaga, os materiais máis relevantes tradicionalmente eran o coiro e o esparto: o coiro no caso do zapatos e o esparto ou o cánabo no caso das alpargatas.
Na actualidade outros materiais coma o coiro vegano, os tecidos impermeables e materiais tecnolóxicos con acabados diversos son moi relevantes nos mercados. E no volume que se presenta aparecen reflectidos estes materiais en forma de deseño de calzado nun diálogo cos tecidos de Balenciaga con fermosas fotografías dos modelos máis senlleiros do modisto. Todos eles se poden ver sobre papel coas magníficas fotografías de Juan Carlos Vega no libro Cristóbal Balenciaga Tribute: shoes from Spain.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marcos, el niño de 6 años que acertó a última hora con el primer premio del sorteo del Niño
- Argentina autoriza la entrada en sus aguas a barcos chinos por un fuerte temporal; pesqueros gallegos, a la capa
- Una familia lituana-holandesa compra una casa en Santa María de Oia que convertirá en alojamiento para turistas y peregrinos
- El despido de una trabajadora con la que se casó dos meses después termina en sanción por fraude
- Un ingeniero vigués diseña el primer chip capaz de funcionar al filo del cero absoluto de temperatura: -268 ºC
- Lluvia de millones en Galicia con un repartido primer premio y un segundo casi íntegro en O Porriño
- Muere Mabel Montes, histórica periodista de la TVG
- Retiran la incapacidad absoluta a un camionero con agorafobia al poder realizar «teletrabajo»