Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Falar con elegancia

A luz en Santa María de Canaveses

A igrexa de Santa Maria de Canaveses, obra de Álvaro Siza.

A igrexa de Santa Maria de Canaveses, obra de Álvaro Siza.

Lois Alcayde Dans

Ao entrarmos na igrexa de Santa María de Canaveses, no norte de Portugal, poderíamos estar ao pé dunha minúscula e elegante catedral dalgún inspirado manierista de tempos románicos. Algo da mellor arquitectura de hoxe está en recoñecer a simboloxía e a forma na cal a invención e os novos materiais peneiran para ofrecernos, nun marco recoñecible, un espazo agradable, e esta igrexa á outra beira da fronteira é tal.

Álvaro Siza (1933, Matosinhos), gañador do Pritzker (o premio internacional de arquitectura máis recoñecido e mediático) en 1992 e, máis recentemente, do Premio Nacional de Arquitectura (2019), foi -e é- díscolo no seu ronsel, xa dende os anos 70, do cal beben en Europa unha cantidade infinda de creadores a esta beira do Atlántico. É tamén un arquitecto sensible. Digo sensible porque Siza non precisa de reiterar o símbolo, o explícito e o tótem como único mecanismo para expresar a espiritualidade, tampouco á hora de entrar no relixioso, terreo que na arquitectura secularizada do XXI sempre xera debate.

Santa María dos Canaveses, situada nun terreo algo irregular, ben próximo na orografía para os galegos, preséntase como unha nave branca que reproduce con honestidade o espazo a ocupar. Recoñecemos nas formas, nos edificios, certos arquetipos; neste caso aprezamos unha igrexa que é, no esquema, un templo clásico: aparece diante de nós coa silueta de nave en forma case paleocristiá, en forma de basílica tomada pola luz.

A fachada principal desta está flanqueada por dous corpos macizos que funcionan como torres: un alberga o baptisterio; o outro, o campanario e acceso vertical. No frontal o edificio incorpora, sen ningún tipo de fronteira coa nave principal, as dúas torres e un espazo que non está retranqueado da fachada, senón que nese concepto de templo-nave ofrece á modernidade un encontro coa esencia que, na obra do portugués, quer unha facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela, quer un museo de Arte Contemporánea na mesma capital, é de pulcritude; é de querenza polo espazo liberado.

A igrexa de Santa Maria de Canaveses, obra de Álvaro Siza.

Interior de igrexa. / FdV

Este templo de Siza, como a súa outra igrexa na localidade francesa de Saint Jacques de-la Lande, abofé que está dotado do puído e dos materiais que coñecemos no século XXI. Siza é manierista en como entende o espazo e esencial no obxectivo principal do edificio que é o de acoller a parroquia e os servizos anexos, como a reitoral. O arquitecto habita nesa tensión, a mesma que é capaz de transmitirnos pureza e contacto cos sentidos máis abertos ao mar en proxectos que son todo o contrario, de formigón á vista e de transparencia non xa discursiva, senón construtiva, en casos como as piscinas de Marés en Leça de Palmeira, nos arredores de Porto.

A maneira de Siza en Santa María de Canaveses é unha resposta, tamén, ao aburrimento. O arquitecto faise contemporáneo na súa impresión do templo non dentro do discurso da fortaleza inexpugnable, da planta surrealista ou de densidade esmagadora, senón de enorme espazo e lixeireza, case pagá, no interior do templo.

Álvaro Siza.

Álvaro Siza. / .

Siza é como os bos artesáns, traballa case en silencio, coa súa voz rouca e o sempiterno cigarro na man, e nese escribir entre liñas que nos ofrece en cada proxecto hai tamén unha unión de ideas: honestidade e transparencia. Elementos que leva á delicada cruz do alto que se erixe como altar e a toda a platea de cadeiras, que converten a nave nun grande espazo escénico, branco e no cal as roupas sacerdotais cobran a relevancia do rito A norma marca a forma.

A norma marca a forma

Esta igrexa é, no fondo, un diálogo co Concilio Vaticano II e a vocación de utilidade, fermosura e firmeza da vella herdanza clásica que se extende a un elemento moitas veces esquecido en certa arquitectura modernista e individualista, de caixas-obras-ovos de Fabergé desconectados da contorna: a praza pública.

Santa María de Canaveses non só dota a fregresía dun templo cristián, senón que tamén configura un espazo de reunión cívica, de encontro. Siza empraza, deste xeito, os lugares de culto no arquetipo que temos conformados en sociedades rururbanas como a galega, como puntos nodais da trama urbana, sexa como cousa insospeitada no horizonte, como ermida ou espazo de recollemento. Así temos en Álvaro Siza un construtor de espazos e provocador de situacións, de encontros e de maxestuosidade na forma do detalle da altura de dúas inmensas portas de entrada á camara do tesouro da Fe que se abre neste.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents