Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O proceso», sainete-documento

Curros, Deus e as cerdeiras

Jouse García e Marcos Orsi nun momento da representación de «O proceso».

Jouse García e Marcos Orsi nun momento da representación de «O proceso».

Manuel F. Vieites

No acto de presentación da peza que hoxe comentamos, na Librería Mendiño de Vigo, o profesor Xesús Alonso Montero lembraba aspectos rechamantes do proceso ao que foi sometido o poeta Manuel Curros Enríquez por mor da publicación dos Aires da miña terra en 1880. O libro foi denunciado polo bispo de Ourense, Cesáreo Rodríguez, prohibido polo clero e secuestrado polas autoridades, e nese mesmo ano o xuíz Manuel Mella Montenegro, condenou a Curros a dous anos e catro meses de cadea amais dunha multa de dúas centas cincuenta pesetas por un delito contra o libre exercicio de cultos, ao conter algún poema proposicións heréticas, blasfemas ou escandalosas.

Un ano despois, a Audiencia da Coruña, en segunda instancia, absolveríao. Non foi o primeiro nin o único caso de denuncias que cuestionaban a liberdade de pensamento, expresión ou creación artística, pero o de Curros tivo moita sona. No ano 2001 o Consello da Cultura Galega en parcería co Ilustre Colexio de Avogados de Ourense publicou un volume, con prólogo de Benito Montero Prego, con documentación relevante que axuda a comprender a transcendencia social e política do dito proceso penal. Os paralelismos con outros procesos xudiciais actuais, inducidos por motivacións políticas, saltan a vista.

Con esa manchea de vimbios, Cándido Pazó arma una peza dramática, O proceso, que vén de publicar Editorial Galaxia. Leva como subtítulo «un sainete pouco divino», e o autor sinala que tamén podería reclamarse como sainete-documento, pois amais de estar baseada en feitos históricos, aquí e acolá utilízanse citas legais ou edictos da época, como aquel que inicia a ficción, cando un crego nunha parroquia calquera do sur de Galicia dá lectura ao escrito polo bispo de Ourense, prohibindo a lectura do libro de Curros e pedindo aos fregueses que, de teren copias, as entregasen de forma inmediata aos seus párrocos ou na sede episcopal ourensá.

O divino sainete (1888) é outro libro de Curros que, amais das moitas interpretacións que se teñen dado e recollidas por Xosé Ramón Pena no tomo segundo da súa Historia da Literatura Galega (Xerais, 2014), ben se podería considerar unha sorte de réplica mordaz e satírica a Mi romería (1888), libro no que Emilia Pardo Bazán conta a súa viaxe a Roma con motivo do xubileo sacerdotal do papa León XIII en 1887.

A visión sumamente crítica da situación da Igrexa católica en España e dunha parte dos seus fieis, en termos de valores e conduta, que aparece en ambos libros de Curros, constitúe un reflexo moi fidedigno da realidade daqueles tempos, nos que prevalecía a vella orde da sociedade estamental, dominada pola nobreza, o clero e a monarquía, que controlaban con man firme as institucións todas, e así o facían coas propias da administración da xustiza.

Por iso, ao mellor, Pazó, lembrando aquela frase do poema «Mirando ó chau», que tanto utilizaron os defensores da causa contra Curros, na que Deus afirma «si eu fixen tal mundo / que o demo me leve», considera que o seu sainete nada ten de divino, pois a conduta daqueles que se din servidores e seguidores do tal Deus máis ben parecen servos do tal Demo, pois o seu comportamento, como acontece hoxe, en nada segue o exemplo de Xesús de Nazaret. Para Curros aquel proceso foi un calvario verdadeiro, inmerecido.

Todo se volve pois un sainete ridículo, perverso, grotesco, endiañado. Na perspectiva de Curros, que en nada era ateo, máis ben cristián de verdade e católico convencido, só cabía ser anticlerical ante unha igrexa que abandonara o principio da «imitatio Christi». Pois no poema aquel no que Deus mira ao chan, Curros non nega a súa existencia, senón que, amais de confirmala, explica a súa verdadeira esencia, a dun ser que aborrece as maldades que se cometen, aínda hoxe, no seu nome.

Ítem máis: na peza Manuel Curros Enríquez vén afirmar sentir a presenza de Deus nesa marabilla das hortas e das aldeas que chamamos cereixas. Se tal fixo, ben merece o noso cariño e respecto, malia o demo!

A comedia vernácula

No mundo teatral é habitual gabar o modelo compositivo da comedia da arte italiana esquecendo que na Iberia occidental houbo e aínda hai patróns igualmente relevantes, dos que deron conta Lope de Rueda, Cervantes ou Gil Vicente, en pasos, entremeses, farsas, sainetes... con tipos de personaxes ben marcados.

Cándido Pazó, bo coñecedor desa tradición popular, que aquí reivindica, bota man do xogo teatral no que por tras dunha saba poden aparecer todo tipo de personaxes e realizarse todo tipo de transformacións, a veces mesmo á vista do público, para desvelar precisamente o brinquedo e mostrar que o teatro non é máis que convención e aparencia.

Na peza, tres actores e unha actriz, van recreando un total de catorce escenas nas que se presenta a peripecia xudicial de Curros a través do que van contando diferentes personaxes que representan a escala social daquela época, co que tamén se dá conta da vivencia daquel periplo e das diferentes posicións que suscitou nas xentes do país. Un retrato social aplicable igualmente ao que hoxe tanto nos perturba, incomoda, indigna e inquieta.

Un volume moi recomendable, en todos os sentidos. Non deixen de lelo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents