Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Labirinto sen minotauro

Os soños non son de ninguén

Pilar Ponte

Para quen traballamos coa lingua, o nome de Ramón Beltrán (Camariñas, 1963) é ben coñecido por publicar manuais de gramática e aprendizaxe, mais agora este profesor de Historia en Muros abandona o xénero instrutivo e abre a porta da creación novelesca a través de Edicións Morgante (Rinoceronte Editora) coa novela As palabras de Morfeo, se ben a literatura xa era para el un territorio previamente explorado a través da publicación de relatos curtos.

O detonante da trama é un soño recorrente que ten o protagonista principal, un home de mediana idade, sen necesidades nin dependencias e que leva unha vida sen ilusións nin sobresaltos. A reiteración da ensoñación lévao a recollela por escrito para inmortalizala polo miúdo, tal é o seu ensimesmamento que ata superar o cento de páxinas do texto non repara en que está a reproducir un idioma que non entende. A trama vai avanzar a partir desta necesidade de lle dar unha intepretación a esas palabras dun código descoñecido.

A través do seu único amigo, o mundo social do protagonista é ben reducido, entra en contacto cunha especialista en linguas romances que logo de ler o texto vai ditaminar que se trata dun exemplo de friulano antigo, unha lingua retrorrománica alpina que ela non domina á perfección, e ofrécelle poñerse en contacto co seu vello profesor, Vicente Neira, para o cal emprenden unha viaxe xuntos a Madrid.

A decisión do personaxe principal de chegar ao final tal cal o mito do minotauro pero cunha personalidade e unha determinación que xogan ás veces na súa contra, vaino embarcar nun periplo que nos vai levar por escenarios da Coruña, Santiago (o Derbi, Lavacolla), Ortigueira, Madrid e mesmo Udine en Italia. O intento de traducir o seu soño embarcarao nunha aventura que mestura o pasado e o presente, o onírico e o real, e deste xeito, mediante flash backs coñeceremos a súa singular personalidade así como a historia das relacións entre o resto de personaxes para pechar un círculo de conexións necesarias e así chegar a un final que mesmo podemos intuír pero que garda un elemento sorpresivo co que non contamos.

Constrúe Beltrán así unha narrativa áxil sostida sobre poucas personaxes onde as figuras secundarias (Dolores, Marimí, Franco, Aróstegui) van chegar a ser as verdadeiras determinantes do desenlace e de como as relacións humanas, tamén as máis triviais, poden ser cruciais no destino.

Imagen

As palabras de Morfeo (2025)

Autor: Ramón Beltrán

Editorial: Morgante

Precio: 14,25 euros

Elegante e musical

O universo feminino de Stefan Zweig

Estro Montaña

Co título de Tres mulleres publica Galaxia tres novelas curtas de Stefan Zweig, escritor austríaco que no período de entreguerras era un dos máis populares do mundo e que en O mundo de onte deixou constancia da escala que fixo en Vigo en 1936 e do ambiente bélico que se respiraba na cidade.

Autor de estilo elegante, musical e depurado, Zweig nestas narraciónste presenta tres conflitos emocionais . En Medo, unha muller da alta sociedade vienesa por mor dun adulterio vive acosada polo chantaxe e pola culpa. Carta dunha descoñecida indaga nun amor non correspondido, mentres que en Vinte e catro horas na vida dunha muller o eixo temático é a paixón devastadora que unha señora respectable vai experimentar cun mozo que descobre no casino de Mónaco. O desacougo paralizante de Irene Wagner, unha burguesa que vive asfixiada pola extorsión e polas normas dunha sociedade asfixiante; o amor secreto e absoluto dunha moza que se converte en modelo da invisibilidade, e a paixón arrebatada e inesperada dunha dama inglesa, maior do que o seu amante, que descobre os límites impostos pola necesidade de manter unha reputación, tales son os territorios onde se moven con ansia estes personaxes.

 Zwieg amosa aquí a súa capacidade para crear tensión dramática e para explorar a psicoloxía dunhas mulleres que, dentro dun contexto social tradicional, vivirán momentos de grande intensidade vencellados ao desexo e á angustia, á paixón e á renuncia.

Imagen

Tres mulleres (2025)

Autor: Stefan Zweig (tradución de María Alonso Seisdedos)

Editorial: Galaxia

Precio: 15 euros

O cotián filosófico

Agradable perplexidade

María Navarro

Vostede está aquí de Antía Marante é un poemario sorprendente en sentido literal, o sufixo de axente colle por enriba o lectorado causando unha agradable perplexidade. A poeta é quen de transformar ou revelar o que xa coñecemos dun xeito singular; converte o cotián en filosófico, o drama nun obxecto trivial ou a distancia nunha ilusión tridimensional na que o foco vai mudando co tempo, co ánimo ou coas circunstancias vitais e todo facendo uso dunha linguaxe que oscila entre a precisión rítmica e sonora e a ambigüidade que crea a asociación aparentemente inconexa dos termos que emprega «fermenta a cidade baixo as pedras» remata con «definide as vosas loitas» na composición M1200 para mergullarnos nun espazo urbano cheo de arestas e cavidades nun labirinto no que as persoas son formigas.

A autora móvese nun contraste poderoso que conmove polo que di, polo que suxire e polo que silencia. O título semella situarnos nun punto concreto para dende aquí desprazarnos polo espazo e obrigarnos a pensar o pasado, o presente e mesmo o futuro.

As ilustracións realizadas por Olalla Castro-Klich invitan a unha lectura tamén singular ao contrastar formas estáticas como as paredes da casa con elementos de enerxía e espontaneidade como as salpicaduras, mesmo o relevo que achega a escrita Braille fala de inclusión, acollida e comunicación. A luguesa xoga tamén coa ambigüidade das pezas que permiten varias lecturas e falan igual ca o texto de percepción, de construción, de memoria e de fogar, de pensamento fragmentado, dunha idea incompleta ou dunha voz interior que se escoita a medias.

Imagen

Vostede está aquí (2025)

Autor: Antía Amarante (Ilustracións de Olalla Castro-Klich)

Editorial: Cuarto de inverno

Precio: 16,50 euros

Animais nocturnos

Anovador e esixente

Oriana Méndez

A poeta e editora Branca Trigo afonda en Mundo Carne (Malafera, 2025) no desenvolvemento do seu imaxinario: un territorio interespecie onde a fronteira entre humano e animal perde relevancia. O libro ábrese cun xesto de ficción —«Estes documentos foron atopados no estómago fendido dun raposo»— que sitúa a lectura nun espazo de restos: informes apócrifos, confesións, testemuños imposíbeis. O que se pon en cuestión é a autoridade do documento e a capacidade do poema para reconstruír aquilo que a historia non rexistrou.

Desde a voz que declara «Eu, que son Carne, abro un ollo», Trigo deseña unha identidade mutante: humana, can, cobra, reliquia, territorio. A Corda, o Porco chamado Pig ou a nena «Filla única» forman unha mitoloxía propia onde o humano e o animal se interpenetran. A relación coa carne —o sacrificio, a fame, o peso, a ferida— convértese nunha lectura política da violencia contemporánea.

O libro constrúese como un artefacto híbrido: cápsulas narrativas, prosa poética, fragmentos documentais, subtítulos en xaponés ou inglés. As ilustracións vibrantes de Octavia Russo engaden unha capa visual que intensifica a lectura e reforza a súa dimensión física. No seu conxunto, a proposta dialoga co «posthumanismo crítico», a perspectiva que, segundo Rosi Braidotti, nos convida a asumir que «somos visitantes de paso, sempre un pouco feridos».

Ler Mundo Carne fainos entrar nunha anatomía expandida entre corpo humano, corpo animal e corpo-territorio. Trátase dunha poesía anovadora e esixente que deseña un ecosistema propio no que o suxeito humano xa é unha parte máis dun mundo en tránsito: corpos que mudan, linguas que se cruzan, arquivos que se reconstrúen para nomear o que quedou fóra.

Imagen

Mundo carne (2025)

Autor: Branca Trigo

Editorial: Malafera

Precio: 17 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents