Unha recuperación necesaria
Francisco Asorey no Centro Gaiás

Exposición de Francisco Asorey no Museo Centro Gaiás / Antonio H. Ríos
A importacia da exposición Asorey. Unha recuperación necesaria radica no indubidábel valor da obra do escultor de Cambados mais tamén en que o proxecto curatorial -realizado por Miguel Fernández-Cid- consegue visualizar unha ollada global á obra do artista.
Francisco Asorey tivo unha importancia fulcral para a arte galega desenvolvendo unha obra que afonda as súas raíces na tradición do noso país: desde a arte medieval até as formas esgrevias da arte popular. Lonxe da pura arqueoloxia ou de mimetismos académicos, Asorey consegue -como a mostra permite percibir con claridade- renovar a talla en madeira, ligada á vontade de reelaborar unha iconografía que conecta co sentido fondo da cultura galega desde o popular.
Igual vontade se percibe na súa reformulación da obra pública, na escultura relixiosa e no retrato, algo que a presenza na exposición de obras chave de todas estas liñas e de ampla documentación visual dos monumentos permite percibir con claridade.

Unha das pezas de Asorey expostas no Centro Gaiás. / Antonio H. Ríos
Asorey enche coa súa extraordinaria personalidade a escultura galega da primeira metade do século XX, superando os estereotipos costumistas ao dotalos dun simbolismo renovador por medio dun tratamento formal que se afasta dos modelos decimonónicos.
Foi chamado o «Escultor da Raza» nun momento de auxe cultural nacionalista porque a súa obra se consideraba prototipo dunha arte nacional, fortemente ligada á tradición, pero ao tempo renovadora, como podía ser o papel de Ramón Cabanillas na poesía –ao que o uniu unha fonda amizade- ou o dos intelectuais do grupo Nós (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao), para a narrativa ou o pensamento.
A principios dos anos vinte comeza o noso escultor a desenvolver un realismo expresionista e primitivista de intensidade expresiva e forza telúrica coa muller galega como tema e como mito, convertida en arquetipo da Terra Nai, sempre con maiúsculas na linguaxe da época. A influencia románica e popular é evidente. Son figuras que portan exvotos e que se converten en si mesmas en ofrendas, e que o artista talla e policroma, pintando directamente sobre a madeira e engadindo fragmentos metálicos.
Sobrancean obras como Ofrenda a San Ramón (1923), O tesouro (1924) e o San Francisco (1926); nesta última crea unha imaxe do santo de inxenuo primitivismo cunha coidada policromía e unha técnica expresionista. O hieratismo de todas estas obras lembra a escultura exipcia, formas de arte popular ou mesmo as ríxidas poses fotográficas das clases populares do seu tempo, como as de Ksado.

Público e obras na exposición. / Antonio H. Ríos
Neste terreo cómpre subliñar obras como Nai de dor (1931) que é case o compendio das procuras do autor ao longo da década dos vinte e comezos dos trinta. É, alén diso, unha peza de tamaño monumental, de máis de dous metros de altura de madeira policromada. Preséntasenos como unha auténtica Mater Gallaeciae, que dialoga con obras fundamentais da arte galega desta altura como a Muller sentada (1930) de Carlos Maside.
ercibimos, como en Maside, unha fascinación plena polo popular, pola súa corporeidade, semellante á que se produce noutros contextos artísticos pola definición dun canon que combine o popular e o moderno. Asorey esculpe non cunha actitude distanciada senón desde unha presenza ligada á súa experiencia vital e á súa vida cotiá, un mundo que é enxergado cunha vontade de comprensión fonda.
Obra pública
O Monumento a San Francisco de Asís (1926-30) de Santiago de Compostela culmina este ciclo, sen dúbida o período máis valioso de toda a súa arte. Francisco Asorey deseña un enorme cruceiro, situando no pedestal o inframundo –inspirado no Pórtico da Gloria-, na parte superior presenta a sociedade medieval estamental (guerreiros, monxes e labregos), culminando o conxunto San Francisco, as virtudes e sobre todos Cristo.
Outra obra relevante é o Monumento a Curros Enríquez da Coruña (1929-1934), onde utiliza unha simboloxía inspirada nunha atenta lectura do poeta de Celanova. Enmarca a obra entre antas abertas, recorrendo ao oco. O poeta está situado nunha porta aberta, simbolizando a súa ligazón co pasado. Debaixo aparecen outra volta os monstros –como no San Francisco-, mais agora son as lacras sociais denunciadas por Curros: a usura, o caciquismo... como se dun novo bestiario se tratar, ligado ás ideas de progreso e redención social do poeta ourensán.
Os monstros son sometidos pola lira combativa do vate, en canto, após el, unha masa humana loita contra a opresión. O monumento culmina coa personificación de Galiza, unha muller forte e decidida que ergue as mans.

Outra perspectiva da mostra. / Antonio H. Ríos
Entre as obras posteriores pódese destacar o Monumento ao aviador Loriga (1933), realizado en Lalín, no que dominan as liñas rectas e as interseccións, evocando a unha cruz, de esquema máis simple e que asume certos modos lenemente poscubistas, moi de moda na escultura monumental desta época.
Na súa obra serodia destaca o Cristo de Moià (1952) que é, xunto co Altar da Chacarita, realizado en 1943 para o Centro Galego de Buenos Aires, a culminación da súa arte relixiosa
Suscríbete para seguir leyendo
- Marcos, el niño de 6 años que acertó a última hora con el primer premio del sorteo del Niño
- Argentina autoriza la entrada en sus aguas a barcos chinos por un fuerte temporal; pesqueros gallegos, a la capa
- Una familia lituana-holandesa compra una casa en Santa María de Oia que convertirá en alojamiento para turistas y peregrinos
- Un ingeniero vigués diseña el primer chip capaz de funcionar al filo del cero absoluto de temperatura: -268 ºC
- Familias que deciden no celebrar Papá Noel: «Hay que pararse a pensar qué queremos en vez de dejarse llevar por la corriente»
- Lluvia de millones en Galicia con un repartido primer premio y un segundo casi íntegro en O Porriño
- La Armada Argentina intercepta un pesquero de Freiremar dentro de sus aguas nacionales
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo