A cidade de pedra
Citania de Sanfins, Paços de Ferreira

Vista parcial da citania de Sanfins.
A Citania de Sanfins, no concello luso de Paços de Ferreira, ten unha área amurallada de 15 hectáreas e case 200 construcións ao descuberto. É unha das estacións arqueolóxicas máis importantes da península, declarada Monumento Nacional, cunha zona escavada que mostra unha apreciable organización xa no século II antes de Cristo, con patios, barrios e baños públicos que destacaban por seren auténticos enxeños da época.
Os primeiros indicios de ocupación datan aproximadamente do século V a.C., en pleno apoxeo das comunidades castrexas. Os seus habitantes atoparon no outeiro de Sanfins un punto estratéxico entre os vales atlánticos e o interior montañoso. O castro crecería ata converterse nun dos maiores de todo Portugal, protexido por tres liñas de murallas que hoxe aínda impresionan pola súa robustez.
As vivendas, moitas delas circulares ou ovaladas, conformaban unha rede de barrios, patios e corredores nunha comunidade que, segundo os arqueólogos, estaba lonxe de ser un conxunto de chozas primitivas senón unha importante cidade fortificada.
Entre os séculos I a.C. e II d.C. o Imperio romano expandiu a súa influencia sobre a rexión. Sanfins non foi destruída, senón integrada paulatinamente. Os romanos introduciron novas técnicas e, sobre todo, a súa particular visión do urbanismo. Próbano restos de calzadas, estruturas rectangulares e utensilios que evidencian unha convivencia prolongada. O castro non perdeu a súa identidade senón que se foi adaptando aos cambios. Durante a romanización e aos poucos, a súa poboación foi trasladándose a zonas de maior chaira ata que a actividade diminuíu definitivamente.
Nas proximidades da citania sitúase o museo arqueolóxico dedicado a este poboado, instalado no Solar dos Brandões, un fermoso edificio de traza barroca outrora habitado pola nobreza local, tamén chamado Casa da Igreja. A exposición permanente mostra o legado das escavacións e materiais arqueolóxicos recollidos na área do concello de Paços de Ferreira, ademais de documentar numerosos vestixios das comunidades situadas na rexión desde o Neolítico.
Entre os achados representativos do lugar atópase a figura do guerreiro ao que competía velar pola seguridade do poboado. No centro do castro atópase a estatua deste xefe militar que protexía os habitantes. O guerreiro orixinal pode verse exposto no referido museo. As escavacións iniciáronse en 1944 e desde entón foron retomadas por diversos arqueólogos en sucesivas campañas.
En Sanfins destaca tamén un balneario abastecido por un manancial. Podíanse tomar baños de auga fría e de vapor grazas a un forno que quentaba a auga que xurdía do nacente.

Perspectiva da citania. / FdV
Os numerosos vestixios atopados no poboado van desde cerámica da Idade do Ferro á época romana, pasando por muíños de man, moedas, utensilios domésticos ou pezas de adorno, tanto en ouro como en prata. Tamén aras con inscricións e a emblemática imaxe do soldado de pedra. Todo este legado pode verse no vello Solar dos Brandões, reconvertido en museo arqueolóxico de Sanfins. O edificio barroco, xunto á igrexa e a antiga casa parroquial forman un conxunto arquitectónico de grande interese.
Ademais desta impresionante citania, Paços de Ferreira ten numerosos puntos de visita. Paga a pena subir ata o Monte do Pilar para admirar a contorna. O cumio alberga unha pequeña ermida e unha imaxe de Cristo Rei, reconstruída nos anos corenta con fervor popular tras o paso dun ciclón.
Da cultura megalítica queda –entre outros– o dolmen de Leira Longa, tamén coñecido como Forno dos Mouros. A súa construcción data do III milenio antes de Cristo. Trátase dun monumento de gran tamaño, con preto de vinte e cinco metros de diámetro e tres de altura, de cámara poligonal con nove columnas e unha laxe como cuberta.

O Museu Arqueológico da Citânia de Sanfins. / FdV
O legado dos séculos
O chamado Solar dos Brandões é un vello pazo construído en 1722 en granito local, dotado con pedra de armas en 1775. Situado a pouco máis dun quilómetro do xacemento, o museo foi fundado como tal en 1947, ocupando inicialmente unha sala cedida polos propietarios do inmoble. Oficialmente foi inaugurado en xaneiro de 1984, tras a compra do edificio pola Câmara Municipal de Paços de Ferreira.
O espazo museístico reformulouse en 1995, cunha área de exposición que ocupa a construción principal; a sección de investigación e administración alóxanse na antiga residencia parroquial e o vello templo serve de auditorio e de zona para exhibicións temporais.
No concello de Paços de Ferreira -ademais do museo dedicado á súa máis xenuina artesanía, a do mobiliario- atópase un dos monumentos máis expresivos do románico portugués, o mosteiro de San Pedro de Ferreira, edificación do último cuarto do século XII dunha soa nave e máis de quince metros de altura. De notable factura, a orixinalidade da igrexa de Ferreira é reunir fachadas e motivos escultóricos provenientes de diferentes orixes xeográficas e obradoiros de canteiros.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marcos, el niño de 6 años que acertó a última hora con el primer premio del sorteo del Niño
- Argentina autoriza la entrada en sus aguas a barcos chinos por un fuerte temporal; pesqueros gallegos, a la capa
- Una familia lituana-holandesa compra una casa en Santa María de Oia que convertirá en alojamiento para turistas y peregrinos
- Un ingeniero vigués diseña el primer chip capaz de funcionar al filo del cero absoluto de temperatura: -268 ºC
- Familias que deciden no celebrar Papá Noel: «Hay que pararse a pensar qué queremos en vez de dejarse llevar por la corriente»
- Lluvia de millones en Galicia con un repartido primer premio y un segundo casi íntegro en O Porriño
- La Armada Argentina intercepta un pesquero de Freiremar dentro de sus aguas nacionales
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo