Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Nas ruínas de Santa Leocadia

Tras as pegadas de 1000 anos de historia

Perspectiva das ruínas de Santa Leocadia de Guillade.

Perspectiva das ruínas de Santa Leocadia de Guillade.

O documento máis antigo do Tombo do mosteiro de Santa María de Melón é un manuscrito do ano 963 relativo á fundación da domus Sanctae Leocadie polos homines de Guillade (Ponteareas). Precisamente as ruínas deste templo foron obxecto dunha intervención arqueolóxica este pasado verán dirixida polo arqueólogo Mario Pereiro que tiña como obxectivo a súa limpeza e prospección. Segundo os achados, a igrexa de Santa Leocadia semella pequena, apenas 7X4 metros, na que os arqueólogos distinguen tres fases construtivas diferentes: a primeira no século X, cunhas reformas nos XVI e XVIII. Xa nos anos 60, o crego Xoán Martínez de Tamuxe fixera unha pequena excavación da que extraera unha pía bautismal, un canzorro decorado e unha base de altar que hoxe están en Ponteareas. A actual intervención arqueolóxica pretende demostrar ademais como as parroquias do rural tamén se foron transformando e reconstruíndo co paso do tempo e que este non é un proceso que afecte unicamente a vilas e cidades. De feito, nun lugar moi próximo está o Castro de Castromao, hai restos dunha capela visigótica que implicaría unha antigüidade maior da prevista, na Idade Media pasaba por alí un importante camiño que se unía con Tui e Ourense cara á Meseta; en 1528 aínda existía a parroquia de Santa Leocadia de Guillade e que por algún motivo posterio acabaría desprazándose cara á actual ubicación.

O documento de 963 ten datos interesantísimos que fan pensar que a igrexa de Santa Leocadia tería unha orixe comunitaria; isto é, que sería unha igrexa financiada pola comunidade da que serían alleos nobres, bispos e autoridades eclesiásticas. A esta conclusión chegan investigadores como Miguel Romaní e Pablo S. Otero no seu estudo sobre a autenticidade do manuscrito. Houbo autores que teñen afirmado que era un mosteiro pero parece que, á luz do documento, a vida monacal non está confirmada e semella máis ben que se está a falar dunha igrexa fundada polos veciños da vila. Tense dubidado da orixinalidade do pergamiño pero hoxe sábese que é unha copia do século XII. É un documento grande, pregado con tres dobreces verticais e unha horizontal, escrito en minúscula diplomática e non en visigótica cursiva como correspondería á época, se fose orixinal. Que sexa unha copia debe facernos pensar que tivo bastante importancia no seu momento e que pola antigüidade do orixinal, mala conservación ou dificultades na lectura, séculos despois consideraron que era importante duplicalo para conservalo mellor. Pero a ollos dos investigadores parece que si se trata dun documento que fai referencia a outro real, xa que as alusións, invocacións e referencias son características dos documentos solemnes do século X.

Alén dos elementos formais, é interesante repasar o seu contido. Asinan o escrito vinte e seis persoas, nas que abondan as relacións de parentesco, entre eles un xuíz e varios presbíteros. Probablemente o máis curioso aos ollos actuais sexan os donativos, que dan boa mostra da sociedade altomedieval e dos valores da época. Entre as doazóns están elementos litúrxicos: tres libros relixiosos, un da liturxia total, outro desde a Coresma a San Pedro e un libro de Salmos e elementos coma unha campá, un cáliz e unha cruz. Como o crego ten que vivir, aparece tamén un enxoval doméstico completo, con todos os obxectos «que debe haber nunha boa casa»- cubas, sella, barrís, arcas, lagar de mesa, cadeiras…; cabezas de gando porcino, ovino e caprino, colmeas, múltiples leiras; obxectos agrícolas que incluian unha rotea; moitos castiñeiros e mesmo 1/5 parte «das mazás que naquelas terras se obtiveran.» Hoxe en día apenas quedan vestixios, pero a sabedoría popular mantén vivo aínda aquel lugar hoxe misterioso.

Traballos arqueolóxicos no lugar.

Traballos arqueolóxicos no lugar. / Arquivo

Tradicións orais

Escoitar a voz do pobo é un dos mellores camiños para comezar unha investigación, pois é unha boa transmisora da memoria colectiva dunha sociedade. No caso que nos ocupa, os veciños de Guillade afirman que non é recomendable achegarse pola noite ata as ruínas da igrexa de Santa Leocadia se non queres atoparte coa Santa Compaña, pois é desde ese lugar de onde parte a súa procesión nocturna. Esta lenda forma parte dunha tradición oral compartida, transmitida de xeración en xeración e foi unha das pistas seguidas polo equipo de investigadores para o desenvolvemento do seu traballo. Indicaba que o lugar das ruínas tivo un pasado importante que se mantiña dalgunha forma na memoria, que podía ser un lugar de culto pasado que nalgún momento se abandonou pero que se seguiu venerando dalgún xeito.

Os vellos do lugar tamén falan de romarías antigas celebradas no lugar ás cales se lles perdera a pista. Foi esa mesma voz dos maiores a que resultou moi útil para o seguimento da toponimia. De feito, os investigadores teñen recoñecido moitos nomes de lugares que se manteñen similares desde hai polo menos un millar de anos: campos de mámoas, nomes de terreos, antigas granxas que hoxe dan nome a campos de cultivo e que perviven vivos na memoria da poboación de máis idade

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents