Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

De Joyce e dos brigadistas

Memoria de Simone Téry

Simone Téry, a xornalista que conectou a Guerra Civil coa literatura irlandesa e a cultura galega a través das súas crónicas e encontros con figuras como James Joyce e Michael Collins.

Simone Téry, a xornalista que conectou a Guerra Civil coa literatura irlandesa e a cultura galega a través das súas crónicas e encontros con figuras como James Joyce e Michael Collins. / Geminieli

Aínda hai materiais pendentes de rescate para restaurar a memoria da nosa Guerra Civil. Velaí o traballo de Bernardo Díaz Nosty Lo contaron al mundo (Renacimiento). Este libro, que recolle a presenza de xornalistas estranxeiras, deu motivo a unha efémera exposición na sede da Unesco en París. Estas xornalistas -como os seus colegas masculinos pero estes en mellores condicións- informaron polo mundo adiante da traxedia española.

Entre estas mulleres, cabe salientar a Simone Téry. Esta xornalista francesa e comunista, nacida en Carcasona (1897), foi o trampolín involuntario dun dos feitos máis publicitados da cultura galega de hai un século, como logo veremos. Veu a España para informar da revolución asturiana de 1934 (foi detida durante cinco días) e volveu como correspondente de Messidor e L’Humanité en 1937, froito do cal foi o libro Front de la liberté: Espagne 1937-1938.

Xa viaxara a Irlanda en 1920 por conta do xornal do seu pai, L’Œuvre. Alí cubriu o tempo que pasou ata o acordo anglo-irlandés para a creación dun estado libre. Tivo ocasión de entrevistar a líderes unionistas e republicanos, entre eles Michael Collins, quen lle confesou que en certa ocasión escapara vestido de monxa (feito confirmado por recentes pescudas nos arquivos da intelixencia británica). Destes feitos publicou En Irlande: de la guerre d’indépendance à la guerre civile (1923). Aínda en terras irlandesas, falou tamén con e de diversos escritores, froito do cal foi L’île des bards, tamén publicado en Flammarion en 1925. Nesta obra aparecen as lendas antigas, W. B. Yeats, A. E. (George Russell), J. M. Synge, James Stephens, George Moore e James Joyce, o autor do momento, de quen escribiu polo que del dixeran outros. Un exemplar desta obra, con outro da sétima edición do Ulysse de Joyce, enviados por Valéry Larbaud, chegaron, a finais de 1925, á casa de Ramón Otero Pedrayo (en bibliotecas españolas só hai tres exemplares máis: na BNE, no Ateneu Barcelonés e na Universidad Europea de Madrid; eu posúo outro).

Simone Téry

Simone Téry / Arquivo

Otero deixoulle o libro de Téry a Vicente Risco, quen literalmente o fusilou nas páxinas de Nós en tres entregas entre febreiro e maio de 1926. Celoso pola fama de Joyce (e non sendo feniano), Risco reproduciu con desdén o que Simone Téry escribira e para confirmalo, citouna sen mencionar o libro en cuestión: «Hai moito escrito encol de Joyce, e seica o que mais val é o que fixo Valery-Larbaud [sic]. (...) Simone Tery, que falou con el, di que tendo (...)». Risco quixo redimilo en Dédalus en Compostela (1929): o obsceno e descrido Joyce (o seu alter ego de Retrato do artista cando novo) volvía ser celta e católico, quixese ou non. Dáballe a volta á expresión de Téry «Méphisto blond» que para Risco era «soberbo como o Demo, nin estivo cos renacentistas irlandeses, nin cos seus inimigos», como escribira en Nós en 1926. Risco seguiu batallando con Joyce en Misión (1944) ou no suplemento «La Noche» de El Correo Gallego (1954).

No fondo da biblioteca de Trasalba, que eu saiba, non hai rastro do envío feito por Larbaud desde París agás do libro de Téry e do exemplar do Ulysse. Nin tan só do artigo de Simone Téry aparecido en Les nouvelles littéraires (14, marzo de 1925), que diversos críticos citaron sen decatarse que é un fragmento longo do texto contido en L’île des bards, polo que o envío resultaría inútil.

Que pouco sospeitaban aqueles ourensáns que a Simone Téry que escribira daquel Joyce contrario a ingleses e fenianos, entrevistara anos antes aos líderes da independencia irlandesa e que, uns anos despois e sen perder a súa condición de comunista, escribiría sobre a guerra española desde o bando republicano, con especial atención aos brigadistas franceses do batallón Comuna de París.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents