Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Illas coma cárceres

A filmación dun Lugar de Memoria

Fotograma do film «San Simón» de Miguel Ángel Delgado

Fotograma do film «San Simón» de Miguel Ángel Delgado

Iago Fernández

San Simón, o novo filme de Miguel Ángel Delgado, ten a peculiaridade de ser o primeiro retrato cinematográfico que se realiza dun campo de concentración español presentado como tal. Céntrase no caso da célebre illa da Ría de Vigo, cuxo pasado represivo podería ficar definitivamente emborranchado pola amálgama de actividades lúdicas e turísticas que alí se celebran. O filme asume, pois, unha urxente tarefa de reparación e restauración memorialística pendente dende a Transición, e faino, ademais, cunha boa proposta cinematográfica.

A historia comeza en outubro do 36, pouco despois de que as forzas golpistas tomaran o control de Galicia e converteran o vello lazareto da illa nunha colonia penitenciaria. Narrada pola voz en off dun dos cautivos, recrea episodios carcerarios máis ou menos prototípicos nos que se van implicando os personaxes. A súa vez, os episodios intercálanse cunha gran cantidade de escenas de carácter documental que atenden ás dinámicas de funcionamiento interno da colonia. Esta alternancia converte San Simón nun collage no que a costura de compoñentes narrativos integra no conxunto un dos factores imprescindibles da vivencia do encerro: o paso do tempo.

O que determina a seriedade da proposta é que, malia tratarse dun filme de ficción, non procura desencadear unha empatía lacrimóxena nin un arrepío gratuíto. Máis ben subliña as distancias que separan o público dos contidos representados para xerar unha conciencia crítica dos mesmos. Como? A través da forma cinematográfica. Miguel Ángel Delgado non recorre á transparencia do realismo, como faría un documentalista convencional, senón ás complexidades do modernismo: o filme está rodado en branco e negro, as actuacións son veladamente antinaturais, mecánicas, e a fotografía e as composicións teñen pretensión de embelesar.

Fotograma do film.  Abaixo: outro fotograma de San Simón; o director  da película Miguel  Ángel Delgado.  |  FOTOS: ARQUIVO

Outro fotograma de San Simón / Arquivo

Malia todo, o director non está a distraer a nosa atención da realidade histórica da illa para redirixila cara a cuestións meramente estéticas. O máis atinado de San Simón é, precisamente, que a estetificación se combína con remedios documentais. Penso, por exemplo, na viveza coa que se captan os sons naturais ou a resonancia dos pasos dos cautivos e dos gardas nos corredores do complexo penitenciario. Deste xeito, A dimensión do fóra de campo lémbranos que tanto a ficción como a historia están ancoradas nun ecosistema vivo e nunha arquitectura material. Algo semellante ao que consegue Lav Díaz (un dos mellores cineastas do mundo) cando filma nas selvas e nas costas filipinas.

Con todo, tamén cómpre sinalar as limitacións inherentes a esta proposta cinematográfica, sobre todo se consideramos que aborda temas dun alto interese sociolóxico, político e historiográfico. A máis evidente é que o filme fica lonxe de facilitar unha comprensión minuciosa da realidade concentracionaria da illa e das experiencias vitais dos presos. Como dato a ter en conta, o marco temporal abrangue dende 1936 ata 1939, cando a colonia penitenciaria non se pechou ata 1943. En puridade, San Simón é unha achega pioneira a un Lugar de Memoria da barbarie bélica e da represión franquista que segue por explorar, coma tantos outros ao longo de Galicia, o estado español e o norte de África.

Illas coma
cárceres

O director da película Miguel Ángel Delgado. / Arquivo

Esperemos que o seu merecido recoñecemento no Festival Internacional de Cine de San Sebastián incite a novos creadores e creadoras a emprenderen iniciativas semellantes dende perspectivas complementarias.

Como é posible que, cincuenta anos despois da morte de Franco, aínda non dispoñamos dun imaxinario coherente diso que o historiador Paul Preston denominou o Holocausto español? O único que delata este inxente oco na nosa memoria colectiva é que aínda vivimos baixo os efectos demoledores de máis de corenta anos de adestramento no silencio.

Unha polémica insular

Actualmente, a illa de San Simón conta cunha hospedería, un salón-comedor e un Centro de Documentación e Interpretación, e admite visitas en barco non especialmente económicas. Boa parte do ano emprégarse para acoller cerimonias e actividades culturais de distinta índole, dende un obradoiro de tradución ata un festival de música. A polémica ten que ver, claro, co cariz dalgunhas das actividades (entre elas, un congreso sobre bachata...) e coa pertinencia dos usos recreativos que se lle conceden á illa.

Dende os noventa, varias administracións e colectivos civís levan tomando medidas para salvagardar a integridade histórica e o patrimonio natural do enclave. En última instancia, o Goberno de España iniciou hai uns meses os trámites para que a illa pasase a se considerar Lugar de Memoria Democrática. Con este cambio de nomenclatura obteríase unha maior cobertura legal, pero, aínda así, poderíanse producir novos abusos de xestión. O ideal sería dotar a illa dunha gobernanza propia, conformada por expertos que, libres de inxerencias partidistas, sometesen a consideración ás actividades formuladas.

Mentres tanto, filmes coma o de Miguel Ángel Delgado lémbrannos que non todos os lugares están predispostos ao disfrute hedonista e á explotación económica.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents