Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A beleza do efémero

Arte xaponesa no Museo do Mar

O Museo do Mar de Galicia (Vigo) presenta, na sede de Alcabre e en colaboración co Museo de Artes do Gravado (Ribeira), unha ampla escolma de estampas xaponesas da colección de José Daniel Buján, datadas nos períodos Edo (1603-1868) e Meijí (1868-1912), ámbitos de conformación e esplendor do gravado nipón. Ao mesmo, na exposición pódense contemplar un conxunto de extraordinarias pezas da colección Pardo-Mitsunaga, que presentan o contacto histórico da cultura xaponesa con Occidente, en concreto co mundo portugués e holandés.

Para a precisa comprensión da evolución deste fenómeno de contacto cultural cómpre termos en conta que o coñecemento, apropiación e definición do que en Occidente denominamos «oriental» foi extremadamente subxectivo e abondo ateigado de prexuízos. Un proceso obxecto de estudo pormenorizado polo intelectual palestino Edward W. Said, que no seu libro Orientalism (1978) demostrou como a nosa visión histórica do Oriente está alicerzada en clixés etnocentristas.

No mundo da historia da arte as referencias máis frecuentes á arte desta procedencia facíanse (e fanse) en función de variábeis interpretativas ou reflexións xeradas no noso contexto cultural: a pegada que a arte oriental deixou na occidental, como é o caso da estampa xaponesa; a relación con fenómenos históricos vividos polos pobos europeos, velaí a arte Nanbán do Xapón do século XVI -que tamén se pode ver en exemplos da mostra- ligada á presenza comercial e/ou misioneira portuguesa ou holandesa; ou o consumo de obxectos orientais que se pon de moda a partir do século XVIII, as chinoiseries que se impoñen no ámbito do gusto rococó e que manterán a súa vixencia a medida que os contactos comerciais e a presenza colonial occidental se acentúan no século XIX. Non debemos esquecer que no século XVIII en toda Europa se vivía un gusto polo exotismo de xeito que as residencias nobiliarias se ven enriquecidas con porcelanas orientais, móbeis de ébano, lacas, figuras de marfil e nácara, vaixelas, tapizarías e biombos... todo froito da atracción pola idea dun Oriente que nas relacións dos viaxeiros adoptaba un perfil utópico.

Diversos momentos da exposición que se está a celebrar no Museo do Mar

Diversos momentos da exposición que se está a celebrar no Museo do Mar / @eliregueira

Neste cadro é onde xorde o interese europeo pola estampa xaponesa, que chega a Europa nun momento, mediados do XIX, de forte mudanza nos fundamentos estéticos da arte occidental e vai ter unha influencia decisiva na configuración da arte da segunda metade do século e de inicios do XX, cunha pegada central no postimpresionismo, no modernismo e na Art Déco. A inicial influencia desta arte no París desta altura (Manet, Toulouse Lautrec, Van Gogh, Monet...) vai dar lugar ao chamado xaponismo, que no contexto galego se detecta a inicios do XX en artistas como Carlos Sobrino, Álvaro Cebreiro ou Castelao, velaí o álbum Nós como exemplo senlleiro.

Mais, tornando á mostra do Museo do Mar, podemos ver variados formatos e temáticas diferentes: desde a paisaxe, o retrato de actores kabuki, o mundo feminino e os guerreiros até as imaxes de fantasmas, espíritos ou seres míticos. A calidade notabilísima dos diferentes autores atinxe as máis altas realizacións en artistas como Kitagawa Utamaro (1753-1806), Katshushika Hokusai (1760-1849) ou Ando Hiroshige (1797-1858), mestres indiscutíbeis do ukiyo-e (que en tradución literal significa «imaxes do mundo flotante»). Estamos dainte dun tipo de traballos que fan uso dun vocabulario ornamental que potencia unha gramática expresiva da liña, proceso que se trasladará á arte europea pouco despois. Mesmo certas estilizacións e sutilezas, ben evidentes nas obras xaponesas, fanse, pouco máis tarde, asimilábeis ao espírito sofisticado e elegante da art déco xa en pleno século XX.

Título: A beleza do efémero. A arte xaponesa a través das coleccións de Daniel Buján e Pardo-Mitsunaga.

Comisariado: Xoán Pastor Rodríguez Santamaría e Vicente Caramés Moreira.

Local: Museo do Mar de Galicia, Vigo.

Desde o 5 de novembro de 2025

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents