Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

David Delfín, a mostra

Os tránsitos dun creador

Perspectiva da mostra en Valladolid de David Delfín

Perspectiva da mostra en Valladolid de David Delfín / ZIPI (EFE)

Román Padín Otero

O museo Patio Herreriano de Valladolid acolle até o vindeiro 11 de xaneiro a mostra David Delfín: En tránsito. Trátase dunha exposición que celebra un dos máis senlleiros creadores contemporáneos de moda e arte por medio dunha selección ecléctica dalgúns dos máis significativos traxes do autor andaluz.

Comisariada por Josep Casamartina i Parassols e Ismael Núñez Muñoz, quen son ademais os responsables da Fundación Antoni de Montpalau, institución adicada á conservación de moda e indumentaria española e internacional, a mostra preséntase ao mesmo tempo que o documental David Delfin: Muestra tu herida. A cinta está producida por RTVE e dirixida por César Vallejo de Castro, Ángela Gallardo Bernal e Rafael Muñoz Rodríguez. Coa exposición e o filme recordamos, entón, a David Delfín (1970-2017) un visionario creador que soubo mesturar o rigor da arte coa popularidade da moda.

Falar de David Delfín leva aparellado falar de Bimba Bosé (1975-2017), pois os dous constituían o núcleo duro da firma homónima de creación contemporánea que era David Delfín. David e Bimba deixáronnos demasiado cedo pois ambos faleceron antes de cumpriren os cincuenta anos. Malia a brevidade das súas vidas, a pegada que deixaron na cultura e na sociedade foi fonda, toda vez que eran creadores de gran talento, solvente formación e rotunda expresión. Tamén nesta factoría de ideas estiveron moi presentes o fotógrafo Gorka Postigo, o músico Diego Postigo e o creador Pelayo Díaz, todos eles configuraron un dos máis salientables proxectos de artes intertextuais das últimas décadas.

David Delfín, en la pasarela MBFWM.

David Delfín (1970-2017) / RTVE PLAY

Houbo accións artísticas de David Delfín que se celebraron no ámbito da galería de arte Soledad Lorenzo. No ano 2004 a acción Extimidad mesturaba arte e moda dun xeito visionario pois acercaba a sensibilidade e significado das linguaxes artísticas aos significantes de moda. Noutras accións Delfin empregaba a pasarela, como no caso da polémica colección «Cour des miracles» que se celebrou na Cibeles Fashion Week. A colección estaba inspirada en varias teimas, entre outras a famosa pintura de René Magritte «Les amants». No cadro aparecen dúas personaxes en efixie de busto con xesto de se bicaren, mais as dúas testas están cubertas enteiramente por panos anodados ao pescozo. Na colección de moda, Delfín presentou vestidos que deixaban o peito ao descuberto e cabezas cubertas por panos que ían anodados ao pescozo con grandes cabos. A polémica non se fixo esperar e mesmo no momento do desfile houbo voces protestando polo que parecía una alegoría do burka e una violentación das mulleres. Nada máis lonxe do interese de Delfín, quen pretendía citar o surrealismo e as obras de arte das vangardas.

Ademais, David Delfín e Bimba Bosé eran coñecidos non soamente como creador e musa, senón tamén como performers na pista de baile, actuando como disc-jokeys. Aínda se recorda o verán que ambos actuaron en Pontevedra, na praza do Teucro. Tamén, pola súa banda, Bimba era una famosa modelo internacional e tamén era cantante no grupo The Cabriolets e tivo senlleiras actuacións en solitario e co seu tío Miguel Bosé.

As modas de David Delfín eran intelectuais pois facían moitas referencias a cuestións de historia da arte e formas creativas alén das fronteiras da indumentaria. Tiñan, sen dúbida, unha linguaxe contemporánea co emprego do tagging ou asinado das prendas en lugares visibles. E empregaba ademais o recurso das citas para ilustrar xerseis e camisetas.

En fin, esoutro recurso de branco e negro era asemade un sinal de identidade da costura de Delfín, basculando entre a elegancia de idade dourada da alta costura e os roles da cultura underground de clubes e festas techno. Esa fusión de alta e baixa cultura conformaba o máis significativo de Delfín, un creador que desafiaba fronteiras.

Caligrafía

Un sinal de identidade de David Delfín era a caligrafía coa que ilustraba as prendas e o branding da casa. Unhas letras que recordaban á gráfica que empregara o artista alemán Joseph Beuys ou os signos do artista español Antoni Tápies. Como no caso doutros xenios da moda, a escritura en David Delfín era significado e significante, recordemos aquí as artes ológrafas de Yves Saint Laurent ou Karl Lagerfeld que eran en de seu obras de arte e prezados obxectos de colección que representaban con fidelidade os seus universos.

A localización de David Delfín dentro da arte conceptual é un feito coa persoal caligrafía impresa nas prendas deste modista expresando aforismos como «Each man kills de thing he loves», o cal nos leva a recordar o filme Querelle de Fassbinder e a Jeanne Moreau entonando esa luctuosa cantinela que evoca a Oscar Wilde. Noutros dos xerseis e camisetas de Delfín podíase ler «Protect me from what I want» (nunha dobre cita a Jenny Holzer e ao grupo Placebo).

A caligrafía de Delfín xunto a Bimba escribiu a páxina máis fermosa, valente e sincera da arte do século XXI en España. Dende a escena da moda, botamos de menos a súa anxelical presenza.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents