Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Augas que curan

A fonte de Lourido e o balneario de Ermelo

Na Galicia encantada por millares de ríos —entre eles o Tea e os seus afluentes— e por carballos centenarios emerxen dous testemuños de mananciais aos que se atribúen poderes medicinais, deses aos que desde tempos inmemoriais se foi «tomar as augas». Nacentes que curan ou, polo menos, que consolan son os da Fonte de Lourido, no termo de Covelo, e a antiga casa de baños de Sabaxáns (Mondariz), coñecida tamén como balneario de Ermelo. Dentro do termalismo as augas sulfurosas son as que conteñen maior número de indicacións terapéuticas, desde eccemas a catarreiras e moitas outras doenzas.

A Fonte de Lourido escóndese á beira do río Tea, nun tramo agreste que obriga a baixar con coidado —hai, de feito, unha senda acondicionada e pasamáns de madeira que acentúan a sensación de acceder á fondura do bosque—. Ás súas augas, descritas desde sempre como sulfurosas, fóronlle atribuídas propiedades beneficiosas para a pel e as vías respiratorias; e os veciños usáronas desde que teñen memoria como remedio para afeccións cutáneas, catarros e outros males. Hoxe a fonte aparece sinalizada e é, ademais, punto de paso para roteiros de natureza que teñen o dobre encanto da densa paisaxe entre fervenzas.

En dirección a Barciademera aparece primeiro Pazos e, pasando a vila, a uns dous quilómetros pode verse o cartel indicativo que sinala a fonte e a súa senda co nome de Lourido. Baixando aparece o manancial brotando entre as rochas onde se aprecia o sedimento branco que deixan os minerais. Ricas en compostos de xofre, as augas teñen propiedades antiinflamatorias, antisépticas e desintoxicantes. Por iso se usan para tratar diversas enfermidades da pel, reumatismos e afeccións respiratorias. Perto, a menos de media hora de distancia, nun bosque que abriga as ladeiras de Tatín, atópanse os restos da casa de baños de Sabaxáns ou balneario de Ermelo, no seu día punto de grande actividade para tomar as augas. Erixida entre finais do século XIX e principios do XX, a casa de baños non chegou a alcanzar a fama do veciño Mondariz-Balneario, pero funcionou como foco local de tratamentos: tres bañeiras e unha fonte que brota do subsolo granítico son as pegadas que quedan dunha actividade termal que chegou a ter recensións médicas no século XIX.

En textos decimonónicos, como o tratado do doutor Pedro María Rubio (1853), xa aparecen referencias ás augas da bisbarra; estas crónicas científicas temperás contribuíron á imaxe terapéutica de mananciais que, sen a fama das grandes estacións termais, atraían xentes en busca de alivio. O doutor Pedro María Rubio e Nicolás Taboada Leal referían estas augas —dentro da clase de sulfurosas frías— como beneficiosas para paliar os efectos de enfermidades como a diabetes, a anemia, as pedras no ril ou os problemas e afeccións da pel, ademais de tratar o reuma, as afeccións respiratorias e dermatolóxicas. Rodeado de frondosos carballos e outras especies autóctonas, un carreiro entre o bosque —ten mantemento e cartel— chega ata as ruínas do vello balneario que conserva a beleza das súas pedras do século XIX cubertas por musgo e fentos e que hoxe, aínda semiderruido, mantén o eco doutro tempo, o trazo do esplendor que un día atraeu a veciños e visitantes de toda a comarca.

Sobre ambas as fontes —Lourido e Sabaxáns— deixou pegada o traballo de recompilación e investigación de Maximino Fernández Sendín, propietario da casa museo Pazo da Cruz, na Ermida, que ademais de espazo museístico ofrece información e roteiros turísticos pola contorna. Sendín acompañou visitas e documentou estes lugares, contribuindo a que estes puntos non desaparezan da memoria viva da comarca. Hai máis de dez anos que o polifacético historiador e etnógrafo deseñou un itineario chamado Roteiro dos Museos nun traxecto que dá a coñecer o patrimonio monumental e histórico-cultural da zona e que, dependendo da climatoloxía, inclúe a visita a ambas as fontes.

Riquezas da bisbarra

O propio Sendín, propietario da Casa Museo Pazo da Cruz, adoita exercer de guía ameno e didáctico dun traxecto no que, case en liña recta, se descobren «riquezas artísticas e naturais moi significativas da comarca», di. A visita comeza na propia casa museo, un edificio de pedra do século XVII que acolle máis de seis mil pezas de valor cultural e histórico, froito do labor recompilatorio do propietario. Cada elemento, cada moble, cada ferramenta, está situada no seu contexto para recrear a vida cotiá da Galicia de outrora. Os materiais pódense tocar, cheirar ou experimentar con eles, xa que é un museo vivo.

Entre as moitas coleccións que alberga atópase a dedicada a Alfonso Graña, o galego que foi rei dos xíbaros –cunha cabeza auténtica reducida nunha vitrina– ou a escola dos anos cincuenta. Os mananciais de Lourido e Sabaxáns están incluídos no roteiro, que ten parada en moitos outros sitios de interese, como o cruceiro de Covelo, a casa museo Leonides ou a ponte sobre o río Cabras, entre outros. Esta ponte está constituida por unha lousa de granito de seis metros de lonxitude da que di Sendín que pode ser do Neolítico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents