Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Voces plurais
Outra achega ao conto galego
Fabio Rivas
O volume Compostela inscríbese dentro dun proxecto literario meirande ao tomar a remuda de Miño, que xa o mesmo facía con Fisterra, como abeiro do que o propio coordinador, X. M. del Caño, denominou «antoloxía aberta». Con esta terceira entrega xa van arredor dun cento de autores e autoras reunidos coa vontade de colaborar na formulación dun mapa da narrativa galega contemporánea onde cada voz, por distinta que sexa, atope o seu espazo e contribúa a un retrato coral do país.
Sinala no limiar Malores Villanueva que no libro «florece unha iniciativa aglutinadora e radicalmente libre, pois non se sinalan lindeiros nin marcos á creación, non hai pautas nin premisas». O único criterio, xa que logo, é o da imaxinación e o respecto pola lingua; esta liberdade vese reflectida na variedade temática e tonal: desde relatos de memoria e esquecemento, historias de amor e perdas, viaxes interiores e exteriores, ata textos cuxo celme é o humor.
Ademais, hai unha selección consciente e equilibrada de escritores consagrados —por exemplo, Vicente Araguas abre o libro cun conto que lembra o aire combativo e político dos anos 70— e outros pertencentes ás novas xeracións, como é o caso de Sara Vila e Sica Romero, que desenvolven unha narrativa se cadra máis visual, cunha sensibilidade máis contemporánea. Nesta conxunción de xeracións e formas de narrar reside unha das maiores fortalezas do volume: Compostela funciona como lugar de tránsito e diálogo. En poucas páxinas, o lectorado pode pasar dun conto que recupera a atmosfera densa e politizada da Compostela universitaria a outro que se somerxe en dilemas afectivos e sociais da vida actual para, a seguir, introducirse nun universo máis íntimo, doméstico.
Mais tamén aparece a emigración, unha das temáticas máis recorrentes na nosa literatura, na proposta de Xesús Fraga; Antía Yáñez e Xosé Monteagudo escriben con cadansúas perspectivas sobre os primeiros amores; a achega de Anna R. Figueiredo fala sobre a culpa pola ausencia de coidado; e outros como Gonzalo Navaza prefiren a intriga e o misterio.
Polo dito, é Compostela unha nova parada nun camiño —agardemos que extensísimo: advírtese no limiar que Ourense e o sur de Lugo han continuar esta antoloxía aberta— que dalgún xeito actúa tamén coma unha xanela desde a que observar o noso territorio. Ao cabo, hai poucas formas mellores de entender un país que escoitar as voces que o contan.
Unha obra pioneira
Crítica social e dramatismo
Xosé Feixó
A primeira novela de Amantine Aurore Dupin (George Sand) foi Indiana (1832), que agora publica Galaxia en tradución de Isabel Soto, reivindica a figura dunha escritora que denunciou que as mulleres tiñan sempre máis que perder, sendo pois obra pioneira que combina crítica social e dramatismo romántico, e interpela sobre liberdade e igualdade, polo que a súa lectura é necesaria para calquera xeración.
Constitúe unha denuncia das duras condicións das mulleres na Francia do XIX: Indiana é unha moza crioula e aristócrata que, con apenas 19 anos, queda atrapada nun matrimonio gris co coronel Delmare, moito maior ca ela e despótico. A súa vida muda ao coñecer a Raymon, sedutor frívolo que esperta nela o desexo e a ilusión, mais tamén a decepción. Abórdanse sen pudor temas tabú (o adulterio, a paixón feminina, a emancipación...), retratando a sociedade convulsa da época e combinando intriga sentimental e reflexión política e social.
Amantine dota os personaxes de intensa profundidade psicolóxica, empregando unha linguaxe poética para describir paisaxes e emocións. Obra mestra que se converteu en alegato contra os prexuízos e a hipocrisía do matrimonio de conveniencia. A autora, rebelde e inconformista, renunciou a un título nobiliario, divorciouse e mesmo se vestiu de home para acceder a espazos culturais vedados ás mulleres, e foi unha das voces máis influentes da literatura europea.
Fluída narración
Equilibrios no tempo
María Navarro
A morte do avó supón, ademais dunha pena enorme entre os seus familiares, un cambio na vida de quen está afeito a vivir en comunidade ao redor dun negocio que o paso do tempo se encargou de reforzar estreitando lazos afectivos moi intensos cos clientes.
En O Peculiar, Comba narra os acontecementos que se van sucedendo tralo falecemento de quen fora o principal activo do bar. Ata agora un espazo no que tiñan lugar as relacións máis particulares e especiais onde Capi, O Coxo; O Biscaíño; Segunda e Dosinda; Cecilio e Evaristo; Filemón, o Filósofo ou Sebas desenvolvían a súa vida entre conversas, liortas e desencontros se converte noutro establecemento trala chegada do tío Bal coas súas innovadoras ideas que practicamente anulan o que fora a esencia do que noutrora era lugar de reunión da veciñanza.
A intervención da rapaza, apoiada polos pais e a avoa, consegue que no renovado espazo teñan cabida tamén o pasado e, por suposto, aqueles que formaban parte da familia de O Peculiar.
A mestura de pasado e presente semella o camiño do futuro se manda o equilibrio e o sentido común, por iso, a historia de Comba e a súa familia que tan ben deseña Érica Esmorís pode lerse en clave de mellora onde cada un debe ceder e adaptarse e, como na vida mesma, ir encaixando as modificacións que as circunstancias impoñen.
A narración fluída, o vocabulario preciso e o humor, pola súa parte, aderezan o texto que vén de publicar cuarto de inverno e que prenderá no maxín do lectorado dende as primeiras liñas.
A variable do azar
O único que nos queda é o amor
Pilar Ponte
Un amigo da infancia acode ao teu casamento e tempo despois conducindo o teu coche velo na rúa e torce a cara para ignorarte. Unha parella que sae dunha cidade por un problema familiar líbrase da morte nun restaurante que sofre un ataque terrorista. A unha persoa pásanlle cousas terribles e a outra, en idénticas circunstancias, o azar lle sorrí ou cando menos lle permite librarse polos pelos dunha desgraza... disto vai a segunda obra de ficción do xornalista de FARO Javier Fraiz, Amar Azar publicada en Galaxia igual que a anterior Morte no espello (2022).
A voda de Xan e Lucía semella o punto inicial da novela pero vai ser moito máis ca iso. Partindo deste evento o autor expón unha dualidade que nos vai acompañar ata as páxinas finais: de que maneira se entrelazan ou mesmo se opoñen o amor, como forza elixida, e o azar, como forza externa e impredicible. A novela quere facer unha reflexión sobre isto, o destino como algo imprevisible que fai que xente que noutrora foi importante nas nosas vidas xa non estea nelas ou circunstancias semellantes nunha persoa desencadean feitos felices e noutra, mesmo a morte.
Para isto Fraiz escolle diversos escenarios: Allariz (voda), Cea (infancia e vida familiar), Ourense (matrimonio), París (viaxe de lúa de mel atrasada) e nesta última localización fai coincidir a ficción cos atentados terroristas do 13 de novembro de hai dez anos, feitos que inflúen de xeito decisivo e diferente nos personaxes a través da sorte. O autor quere inclinar a balanza desta dualidade a favor do amor, esa forza que, mesmo en circunstancias adversas, une os seres humanos e pon en valor a capacidade humana de sobrepoñerse a elas.
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido