Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Fragmentos da Apocalipse

A IA e a fin do mundo

Cartel de «Terminator 2» (James Cameron, 1991).

Cartel de «Terminator 2» (James Cameron, 1991).

É máis doado imaxinar a fin do mundo que a fin das guerras ou da pobreza. Será por iso que dende sempre temos prognósticos sobre a Apocalipse; cada época imaxina a inminencia do desastre ao seu xeito. Hai numerosos textos ao longo da historia que revelan enigmas apocalípticos, non só na cultura xudeocristiá, tamén en textos apócrifos ou doutras culturas.Dende o seculo III antes de Cristo até agora é unha constante e hoxe augúrase polo desenvolvemento da IA.

Prognostícase que transformará o humano pero isto non é novidade, a tecnoloxía transfórmanos sen descanso. Para algúns, a fin do mundo sempre é próxima. Un paradoxo máis da nosa existencia que dende sempre está a piques de ocorrer, unha inminencia que dura 2.500 anos e algúns, os que teñen diñeiro, constrúen búnqueres, mercan billetes ao espazo para salvarse: pero en realidade sempre estamos a punto de morrer.

A insurrección das máquinas é un tema frecuente no cinema pero tamén hai escenarios catastróficos vinculados á perda dos recursos ou o colapso do abastecemento de alimentos. Como desaparecerá o mundo? Secarémonos? Explotaremos? Deixará de funcionar a tecnoloxía? Morreremos e outros animais sobrevivirán? Desaparecerán os pactos sociais e comezaremos a matarnos? Avanzará un deserto infértil? Será unha inundación planetaria? Unha intoxicación masiva? Un meteorito? Un tsunami? Comezará cunha apagada eléctrica? De ser así, un colapso tecnolóxico, hai que tratar de ter un veciño agricultor antes que un informático.

A simboloxía da Apocalipse tamén é intensa e sucede que hai que anticiparse: eclipses, falsos profetas, lúas de sangue, números reveladores e animais tolos. Como non vai estar presente se a teoloxia está baseada na fin do mundo? Na narrativa teolóxica apocalíptica o mundo tivo un principio e terá un final e o final redimirá de todo o malo e volveremos á orixe. Deste xeito a Apocalipse revela unha oportunidade que é, en realidade, o seu verdadeiro sentido: dar paso a algo novo. Dalgún xeito é liberadora; despois de todo, o mundo non é precisamente un lugar paradisíaco.

Pero o Edén tamén está presente porque a IA abre escenarios sinistros e positivos. Hoxe convivimos con cartas de científicos advirtindo de catastróficas consecuencias e con robots que operan cousas complexísimas con éxito e con mínimas intromisións nos corpos, ou máquinas que nos liberan de traballos perigosos ou que poden transformar o mercado laboral nunha realidade que nos permita traballar menos.

Pero é certo o determinismo da tecnoloxía? Estamos destinados a un futuro nalgunha dirección en particular? Para algúns está claro que nos acercamos ao final, onde deixaremos de ser o que somos pero isto é algo que esta acontecendo dende sempre. Do mesmo xeito que a IA pode seguir diferentes camiños, a nosa visión ética desta evolución tamén, xa que hai moitos matices entre a Apocalipse e o Edén. Estes cambios nos que estamos agora non son diferentes a outras imnovacións que desenvolvimos, dende internet á escritura pasando pola revolución industrial ou a enxeñería xenética. O impacto da IA confronta os limites do humano e revela as nosas propias limitacións máis que a das máquinas. Descobre a nosa fraxilidade na vida porque abre interrogantes sobre a desarticulacion do noso mundo.

O nivel da autonomía da IA dependerá dos nosos intereses e valores porque somos nós os que regulamos os límites, as bases de datos sobre os que opera, as estruturas matemáticas que organizan esa actuación e a materialización deses comportamentos sobre a realidade. Con este control nas nosas mans, é imposíbel que os robots alcancen a absoluta autonomía e teñan a capacidade de actuar sobre a realidade con vontade. As máquinas poden ser moi intelixentes pero a experiencia subxectiva, a vivencia dos sentimentos e emocións, circunstancias das que se deriva a nosa capacidade moral é outra cousa. Por outra banda, cal sería o interese de producir estes sistemas absolutamente autónomos?

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents