Blanco Amor e a escena
Un autor dramático entre dous mundos

Eduardo Blanco Amor.
Da man de Roberto Salgueiro, que asina unha introdución ben interesante e suxestiva, que deixa pegada no seu título, Eduardo Blanco Amor. Rir e provocar. Obra teatral, chéganos este volume editado por Galaxia para acubillar un total de catorce textos que, malia diferenzas formais e temáticas evidentes, partillan esa vontade de combinar risa, humor e crítica social, e que ven arrequecer a Biblioteca do autor.
Son textos xa publicados en Ediciós do Castro, Farsas pra títeres (1973), Galaxia, Teatro pra a xente (1974), Sotelo Blanco, Proceso en Jacobusland (1990), ou no segundo volume da súa obra completa (Galaxia, 2010). A eles, para completar as achegas publicadas de Blanco Amor no eido dramático, habería que sumar catro pezas breves escritas en castelán, que presenta en 1993 Luis Pérez Rodríguez con Ediciós do Castro, responsable da versión galega. Quedan, con todo, algúns textos aínda inéditos.
A magnífica compilación documental, asentada en fontes numerosas e pertinentes, presentada en 1995 por Camilo Fernández (a.k.a. Camilo Valdehorras), co título de Blanco Amor e o Teatro, segue a ser fundamental para explicar a peripecia do noso autor nos eidos da creación dramática e da ideación teatral. Para o primeiro caso, o da fabulación literaria, resulta igualmente imprescindible un traballo non menos espléndido de Damián Villalaín, «La obra dramática de Eduardo Blanco Amor. Entre la emigración y el exilio», contido na colectánea El teatro gallego en el exilio republicano de 1939, editada por Inmaculada López Silva e Euloxio R. Ruibal, na colección Biblioteca do Exilio, que dirixe Manuel Aznar Soler e mantén a Editorial Renacimiento, cun xa elevado número de volumes, moi interesantes para coñecer esoutra parte da nosa historia que mesmo a veces se quere silenciar.
Aquel volume, elaborado cunha coidada e moi rigorosa escolla documental polo profesor da Universidade de Barcelona, incluía un texto de Blanco Amor lido nunha conferencia ditada en Vigo en 1974, «Teatros libres de preguerra», onde, amais de mostrar un sólido coñecemento do teatro de expresión castelá e mesmo de correntes educativas en boga como a Escola Nova e a Escola Moderna, que outros estudos confunden, Blanco Amor mostra claves para entender a xénese e desenvolvemento da súa dramática.
Como ben expresaba o profesor Villalaín, esta xéstase a medio camiño entre a influencia dun grupo de xentes de teatro que procuran na tradición popular formas novas de facer na escena, e a necesidade de darlle un pulo renovador ao teatro de expresión galega da emigración, que Blanco Amor coñece en Bos Aires nos anos vinte, quer na perspectiva dos textos dispoñibles como na súa escenificación.
En Madrid, nos anos trinta, Blanco Amor toma contacto, como explica na dita conferencia, con directores de escena como Cipriano Rivas Cheriff e autores como Federico García Lorca, animador da compañía La Barraca, que busca recuperar a dramática máis popular da tradición clásica, pero tamén co Retablo de Fantoches que dirixía Rafael Dieste ao abeiro das Misións Pedagóxicas. Pouco despois xa en Buenos Aires, e durante a Guerra Civil, segue con moito interese as iniciativas que se desenvolven no bando republicano para facer do teatro unha ferramenta de instrución e lecer, adaptando as propostas ás necesidades dun público ávido de entretemento e cultura.
Así abrolla o que diferentes persoas teñen cualificado como vontade misional, que tanto se transparenta no prólogo que Blanco Amor escribe para Teatro pra a xente, onde, fuxindo do culturalismo, a vangarda, o experimental ou o enxebre, propón apostar por un teatro que aos poucos incremente o capital cultural da cidadanía, pois unha das súas teimas máis constantes foi a de formar públicos para mellor artellar un teatro concibido para chegar á maioría, para as xentes do país. Unha teima que a día de hoxe segue a ter todo o sentido.
Un teatro do agora
O volume elaborado por Camilo Fernández, contén unha biografía cronolóxica de Blanco Amor na que se inclúen traballos en prensa e conferencias, onde emerxen con forza obra e figura de Ramón María del Valle-Inclán. Unha relación certa que Euloxio R. Ruibal analiza en Valle-Inclán e o teatro galego, e Villalaín vincula con cuestións temáticas e estilísticas, pois un dos trazos que mellor definen a dramática de Blanco Amor é a requintada escolla dos rexistros expresivos orais dos personaxes, sen esquecer nunca a tradición popular galega, cos seus parrafeos, desafíos, copras e prantos.
Así compuxo Blanco Amor, nunha mestura única, farsas de luxuria e lascivia, autos con aroma sacramental, un cantar contra a represión caciquil, tres contos escénicos, versións de entremeses de Lope de Rueda ou Cervantes, unha fantasía alegórica sobre un castelo enmeigado, con recendos célticos e artúricos, e una peza de axitación e propaganda, o tal Proceso en Jacobusland. Obras que non perderon o seu engado e seguen pedindo palco para facer un teatro moderno, provocador, arriscado e arrichado, do presente, para rir, pero, como lembraba Salgueiro, para reflexionar tamén.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido