Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Luz rupestre

Os petróglifos soliformes de Ventín

Motivos circulares e soliformes no grupo 2 do Regueiro da Costa.

Motivos circulares e soliformes no grupo 2 do Regueiro da Costa. / A. R.

Ao sopé da aba norte do Monte Maior, na parroquia de Ventín (lat. Ventinius ou Valentinus), repousan unhas pedras que semellan agochar un segredo antigo. Sobre a pel destas rochas humildes dormen un feixe de trazos prehistóricos gravados na pedra que falan dun tempo no que o ser humano comezaba a dialogar co ceo. Son os motivos soliformes, gravados que reflicten a mesma fascinación pola luz que alentou os primeiros cultos solares da humanidade.

Os penedos do lugar, estudados e documentados recentemente, amosan tres composicións circulares e unha cuadrangular (a única coñecida en Galicia) rodeadas de feixes de luz converxentes, ás veces acompañadas doutros motivos xeométricos coma círculos concéntricos, cruciformes e coviñas. Estes gravados, realizados utilizando a técnica do piqueteado, foron probablemente executados hai máis de catro mil anos, entre o Neolítico final e a Idade do Bronce. Nese tempo remoto, cando o calendario era aínda unha intuición e o ritmo da vida dependía estritamente da luz do día e das estacións, o sol era algo máis ca un astro: era a fonte de toda orde e de toda esperanza.

Os soliformes de Ventín insírense na ampla tradición da arte rupestre prehistórica mundial, que inclúe o estilo rupestre atlántico, que tatúa as pedras desde Galicia ata o norte de Portugal. Neste contexto, o ser humano prehistórico deixou pegadas semellantes: círculos concéntricos, labirintos, espirais, combinacións de coviñas, zoomorfos, armas e tamén motivos solares. A súa presenza en penedos illados, xunto a cursos de auga ou zonas de tránsito, como acontece nesta parroquia de Fornelos de Montes, suxire que cumprían unha función simbólica, quizais ritual ou de marcaxe territorial. Aínda que a interpretación exacta segue a ser un misterio, a arqueoloxía coincide en que estes motivos están vinculados co simbolismo solar e co ciclo da vida e da morte. Nos soliformes conflúen o nacemento, o crecemento e a decadencia, representados por dúas formas xeométricas perfectas e eternas: o círculo e o cadrado. A pedra convértese así nun espello do firmamento, un calendario pétreo onde o paso do tempo quedou detido ao abeiro do astro rei.

Petróglifos do Regueiro da Costa, I. Ventín, Fornelos de Montes.

Indicacións dos petróglifos do Regueiro da Costa, I. / A. R.

O grupo de Ventín, presente en dous soportes diferentes situados no monte comunal coñecido como O Regueiro da Costa, destaca pola boa conservación dos gravados, permitindo apreciar con nitidez os trazos e a fondura dos sucos. Nos tres soles forneláns, os raios son longos e regulares, suxerindo unha vontade de simetría que vai máis alá do decorativo. Hai algo de matemática primitiva, de harmonía buscada, como se o «artista» quixese capturar o equilibrio cósmico no que se sostiña o mundo. Estes petróglifos, ademais do seu valor artístico e cultural, teñen un enorme interese patrimonial. Forman parte dun sistema de representación simbólica que uniu, sen coñecerse entre elas, a boa parte das comunidades prehistóricas do mundo durante milenios. De Checta (Perú) a Newspaper Rock en Utah (EEUU) e de Galicia ao National Park de Murujuga (Australia), os motivos solares da arte rupestre prehistórica alumearon a creatividade e as crenzas dos nosos devanceiros.

Cada rocha gravada é unha mensaxe sen palabras que atravesa o tempo, un diálogo entre o ser humano e o territorio. Ventín, coma en moi poucos lugares da Galicia granítica, é un arquivo aberto onde a memoria da luz permanece escrita en pedra. O mesmo motivo está presente, por duplicado, nas pinturas parietais de Pala de Cabras (Carballeda de Valdeorras) que poderían datar de época Calcolítica (terceiro milenio a.n.e) segundo Tejerizo-García et alii (2020), que nos conectan coa arte esquemática do sueste da Península Ibérica.

Estas inscricións pétreas seguen a lembrarnos que esta estrela diúrna foi o primeiro reloxo e o primeiro deus. Quen se detén diante dos soliformes do Regueiro da Costa pode sentir esa mesma fascinación ancestral polo lume do ceo, a mesma necesidade de comprender o que se move enriba de nós.

Memoria do sol

No contexto peninsular, estes soliformes rexístranse sen solución de continuidade desde o Neolítico Antigo ata a Idade do Bronce. En Galicia estes motivos son escasos no rexistro arqueolóxico. Ata agora documentáronse na arte parietal megalítica (nunha laxe faliforme do dolmen da Ponte da Pedra, en Carballo, ou no dolmen da Costa de Mera, en Friol). Tamén na Idade do Bronce, á que Julio Fernández Pintos dedicou un traballo monográfico en 2024, en estacións rupestres coma a das Fragas e As Canles (Campo Lameiro), nos petróglifos da Gurita 1 (Porto do Son), no Monte de San Miguel (Santiago de Compostela) ou na Portela das Laxes (Cerdedo-Cotobade).

Estes exemplos de sol rupestre aparecen representados a través dunha forma circular ou pseudocircular, pero sempre rodeada de trazos radiais perpendiculares a ela. A luz desta estrela diúrna rexeu o calendario dos clans primitivos, deulles quentura no inverno e fixo medrar os cultivos que os alimentaban. Sen esta fonte de luz, que se sitúa no centro do noso sistema planetario, a vida nunca tería sido posible na Terra. Por iso, na historia do ser humano, deberiamos lembrar sempre a memoria do sol, albor de toda fonte de vida.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents