Única e popular
Arredor da arte de Castelao

Ilustración de Castelao para a portada de «Cousas».
Estro Montaña
Coincidindo co 75 aniversario do pasamento de Daniel Afonso Rodríguez Castelao, varias editoriais publicaron libros que veñen aumentar a extensa bibliografía de quen podemos considerar un dos grandes símbolos de Galicia, xunto con Rosalía de Castro e, en menor medida, Curros Enríquez.
O rianxeiro, grazas ao seu talento para a creación artística, para o ensaio, o teatro, a narrativa, o debuxo, a pintura foi quen de crear unha corrente de simpatía entre o pobo galego. Mais esa adhesión non acadaría as cotas actuais se no se tivese dado a identificación co propio pobo, mediante o seu limpo patriotismo, a súa honradez política e a busca da coincidencia dos seus intereses cos de Galicia. No tomo III da Historia da Literatura Galega (De 1916 a 1936), Xosé Ramón Pena cita as principais fontes de estudo do autor de Cousas e fai a súa particular análise da aportación de Castelao e da recepción da súa obra.
Xa en 2024 a editorial Alvarellos deu ao prelo un monllo de artigos ensaísticos que Méndez Ferrín publicara en FARO, na sección «No fondo dos espellos.» O título: Castelao é noso, verso dun famoso poema de Celso Emilio Ferreiro.
Da súa parte, Antonio Iglesias Mira vén de presentar A ditadura portuguesa contra Castelao, un axeitamento para a divulgación da súa tese doutoural, con prólogo de Alonso Montero. O libro analiza as tensións políticas e ideolóxicas coa ditadura salazarista que afloraron cando as autoridades portuguesas prohibiron un espectáculo dirixido por Ricart Salvat, no que se mesturaban as teorías de Brecht coa figura de Castelao e a arte de Seoane e Díaz Pardo.

Obra de Castelao. / FdV
O profesor Manuel Rei Romeu entregou un novo estudo, neste caso co título de Castelao, desta terra e deste tempo, no que fai un percorrido pola obra artística e polas chaves ideolóxicas do autor de Galicia mártir, desenmascarando os intentos de potenciar unha imaxe light do artista diferente da do político e reivindicando a vixencia do seu pensamento nacionalista.
Polo seu lado, Sempre en Galiza. Escolma posible é un eco da Escolma posible realizada por Marino Dónega, condicionada pola censura e publicada por Galaxia en 1964, ano en que a RAG dedicou o Día das Letras Galegas a Castelao. Na presente escolla, realizada por Henrique Monteagudo, presidente da RAG e director da Cátedra Institucional Castelao da USC, procúrase ofrecer unha imaxe fiel da obra para achegala a un público amplo.
Protagonista desta lembranza é tamén o volume-catálogo que recupera a exposición que acolleu o Museo Provincial de Lugo (no 2010) Castelao: a derradeira lección do mestre, na que foron comisarios Pilar García Negro e Felipe Senén, e que edita a Deputación de Lugo. O catálogo daquela extensa e exitosa exposición conta con numerosas imaxes, e con interesantes textos de Miguel Anxo Seixas sobre as artes gráficas de Castelao, Pilar García Negro sobre os álbumes de guerra, Felipe Senén sobre arte e compromiso con Galicia, escritos que se complementan con textos de Aurelia Balseiro, Francisco Rodríguez, Xosé Carlos Valle, X.C. Garrido Couceiro e Lois Diéguez.
Actualización dun libro de 2001 é a achega de Pilar García Negro en Laiovento titulada Arredor de Castelao no século XXI. A profesora luguesa, que parte da íntima unión da figura de Castelao co destino do seu pobo, comenta o concepto de soberanía por parte do autor de Retrincos, analiza a súa obra gráfica e os demais aspectos artísticos, a vixencia do seu pensamento e do compromiso coa lingua. Sen dúbida, a súa prosa destaca a importancia das súas ideas para o debate actual.
Tamén en Laiovento aparece o libro de Carlos L. Bernárdez, Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, que foi presentada este mes no MARCO de Vigo, lugar no que en xullo foi nomeado oficialmente membro da Academia de Belas Artes.

«El guateque», de la serie «Debuxos de negros» de Castelao. / FdV
Compromiso estético e denuncia
En Novo diálogo. Achegas á obra plástica de Castelao, Carlos L. Bernárdez, nunha fermosa edición, entréganos un volume que analiza, a través de dúas conferencias, a contribución do autor de Cousas á arte galega moderna.
Estuda a súa aportación anterior á Guerra Civil, a súa denuncia da inxustiza, o caciquismo, a emigración e o racismo. Como xa fixera en Breve historia da arte galega, pon de relevo o compromiso do autor cos desfavorecidos e a súa relación coas vangardas. Destaca a evolución do seu pensamento e da súa estética e aporta datos que, malia as opinións do rianxeiro sobre certos ismos de principios do século XX, establecen unha conexión clara co expresionismo alemán e con autores rusos preocupados polo popular.
De especial importancia é a segunda parte do libro adicada aos debuxos de negros, os negros que el ve na viaxe a Cuba e a Estados Unidos. É de agradecer a contextualizaron internacional que fai sobre a imaxe dos negros e a solidariedade que transmiten as imaxes das danzas fronte ao brutal racismo que sufrían en USA. Paradigmático é o debuxo da portada, clara mostra da fraternidade entre un traballador negro e un traballador branco galego. Bernárdez aborda esta temática desde unha metodoloxía da teoría das imaxes, próxima a unha perspectiva decolonial e ás teses marxistas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Un grupo de turistas se monta un picnic bajo las luces de la Navidad de Vigo
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido