Populismos e autoritarismos
O fascismo (e III)

Intento de golpe de estado en Turquía (2016). / Arquivo
Nos anos sesenta Arendt asimilara o nazismo co stalinismo –os inimigos do «mundo libre»–. Xa nos anos setenta, e da man de Friedrich e Brzezinski, chegouse á identificación do totalitarismo co comunismo, o que deixaba o camiño aberto para establecer a seguinte secuencia cronolóxica no ámbito da extrema dereita: o fascismo italiano dos anos 1920; o nazismo alemán dos anos 1930; e, xa nos tempos da Guerra Fría, as diferentes ditaduras militares ou cívico-militares de dereita, que habilmente xa non eran totalitarias, xa que ese termo quedou definitivamente asociado ás ditaduras comunistas, dende a URSS até Cuba, pasando por China e Angola.
A secuencia renovaríase, unha vez concluída a Guerra Fría, xa nos tempos da globalización, co xurdimento dunha nova expresión política: os populismos.
O termo populismo, o mesmo que pasara co termo totalitarismo, é un produto de academia elaborado a partir dos anos posteriores á «fin da historia» anunciada por Francis Fukuyama. O obxectivo desa nova creación intelectual non era dotarse dun concepto analítico, senón articular un termo co que identificar os inimigos da democracia liberal que, tras do colapso comunista, era o sistema político hexemónico no mundo.
Nese contexto, os novos inimigos, tanto pola dereita como pola esquerda, eran os populismos: un conxunto de discursos políticos –non sempre coincidentes en todos os ámbitos que tratan–, que teñen por obxectivo atraer as masas, ás que dotan dunha identidade colectiva común en contraposición das elites políticas que, pola súa propia natureza, se opoñen aos intereses do pobo.
Neste sentido, a propia definición exclúe os «populismos de esquerdas», xa que o obxectivo da esquerda non é «atraer as masas», senón situar o pobo como suxeito político activo que desenvolva políticas comprometidas coa transformación da sociedade. Neste sentido, unha vez delimitado o concepto, o nexo común a todos os populismos –de dereitas, que son os únicos realmente existentes–, é o seu discurso supremacista, arredor do cal se articula a identidade dun pobo homoxéneo, unha identidade que polo xeral é étnica, relixiosa ou nacional. Velaí a razón pola que os populismos son interclasistas.
Daquela, a partir dos anos 90 empregouse o termo populista –cun certo sentido pexorativo por parte da academia e os políticos tradicionais (liberais, demócrata cristiáns, socialdemócratas...)– para identificar un conxunto de figuras carismáticas capaces de atraeren coa súa oratoria unha maioría de votantes que asumían como válidas as promesas de que a solución aos seus problemas nun contexto de crise eran as políticas xenófobas e identitarias, polo que nalgúns casos se presentan baixo vernices soberanistas fronte a globalización...

Alberto Fujimori. / Arquivo
Ora ben, que pasa cando os populismos acceden aos gobernos? Que pasa cando o discurso dá paso á acción de goberno?
De populismo a fascismo
A resposta ás anteriores preguntas é sinxela: aplican políticas económicas que benefician exclusivamente ás elites (redución de impostos, recortes en servizos sociais...), poñen en marcha políticas antimigratorias orientadas a frear a chegada de migrantes ou directamente promoven a súa expulsión, exercen un estilo de goberno autoritario preciso para frear o descontento popular...
Velaí están os populistas que chegaron ao poder, primeiro en América Latina: Uribe en Colombia, Menem na Arxentina, Fujimori en Perú, Calderón en México...; logo en Europa: Berlusconi en Italia, Orban en Hungría, os irmáns Kaczynski en Polonia...; e finalmente por todo o mundo: Trump en EE UU, Modi na India, Erdogan en Turquía... e de volta a América Latina: Milei en Arxentina, Bolsonaro no Brasil, Bukele no Salvador... e a Europa: Meloni en Italia...Isto é, cae a máscara e convértense en modernos fascistas.
Un aire familiar
Alén de todas as diferenzas que atravesan as diferentes manifestacións da extrema dereita fascista ao longo da historia: Mussolini, Hitler, Franco, Somoza, Mobutu Sese Seko, Suharto, Pinochet, Menem, Fujimori, Berlusconi, Orban, Modi, Erdogan, Bolsonaro, Meloni, Netanyahu, Milei ou Trump, aos que se poden sumar aspirantes, como Weidel, Le Pen ou Abascal, entre todas se pode identificar un «aire de familia» no que se poden apreciar algunhas características comúns.
A primeira é que exercen políticas económicas que benefician ás elites económicas respectivas; segunda, desenvolven estratexias políticas autoritarias, ben ditatoriais ou ben orientadas a impor límites ao desenvolvemento democrático das sociedades; terceira, apóianse en discursos irracionais, como o negacionismo científico, o revisionismo histórico e os discursos identitarios.
Un conxunto de estratexias que se manifestan de xeito diferente en función das condicións concretas de cada momento histórico e lugar, pero sempre buscando un mesmo obxectivo: a perpetuación da burguesía no poder co apoio das maiorías, que se identifican co poder.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido