Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O santoral da troula

Festas pagás con aparencia tradicional

Os universitarios vigueses que nos anos 90 estudaban no CUVI viron nacer, ao abeiro da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións, a San Teleco, que axiña se foi conveter no obxecto de devoción máis aclamado no altar pagán das festas universitarias da cidade olívica. Rally humorístico, xincanas e moita festa para celebrar aquel patrón dos que non contaban cun santo oficial que os amparase.

Este feito, máis aló da casuística puntual, conforma un fenómeno en auxe no noso territorio galego, que conta xa cun destacado coro celestial de troula, mofa, festa ou reivindicación tradicional. Estes santos pagáns, algúns recentes pero moitos deles xa pasando a cincuentena ou máis, percorren o camiño inverso ao comezado pola relixión cristiá hai moitos séculos: se o cristianismo sacralizou vellas festas pagás, adecuándoas aos seus cultos e xeitos de entender o mundo, comézase agora a viaxe de volta, secularizando festas nas que se mantén a iconografía tradicional pero desacralizando e acentuando os caracteres de riso, exceso e diversión.

Hai neste panteón non sagrado orixes diversas. Por continuar co exemplo inicial, Santa Katabirra e San Pepe viñeron completar a trindade universiraria, patronos das Facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e da Escola de Enxeñería industrial respectivamente.

Outros santos homenaxean festas tradicionais e nacen a partir de agrupacións folclóricas e culturais que pretenden recuperar celebracións de antao. Así temos a Santa Ferreña, coa súa auréola de tapa de lata, á que se lle rende culto o primeiro sábado de xuño, e que conta procesión ao son das gaitas, danzas, oracións, e estampiñas, todo dentro do mosteiro de Carboeiro; Santa Palleta nas Pontes, que non ten festa desde hai un lustro; ou San Perillote en Teo, patrón das foliadas e avogoso de foliadeiros, que se homenaxea cunha festa inspiradas nas romarías dos anos 70.

Outros santos aparecen ao carón das festas de Entroido, como Santo Torrisco de Siracusa, patrón dos gaiteiros en Lalín, milagreiro que puido alimentar toda a cidade de Siracusa tirando liscos dun anaco de touciño; Frei Canedo, do barrio da Ponte de Canedo en Ourense, protagonista da procesión do luns de entroido; ou San Cunqueiro en Pontevedra, que procesiona o mércores de cinsa antes dun enorme cocido. E outros, como non, nacen das redes sociais, como San Quevin, patrono da fartura, o rebozado e o conxelador que invitaba a colgar imaxes das papanchas dos seus seguidores na web.

O grupo de santos máis abondoso é o dos devotos do bo xantar e moito beber, santos que teñen claros caracteres dionisíacos e ensalzan o viño ou as carnes; do porco, fundamentalmente. Contan con crentes fieis e practicantes que se reúnen en torno seu e comparten mantel.

Un dos precursores foi o redondelán Xan Carallás, do que xa se fala desde hai un século e que conta cunha estatua na vila. Tamén os dous San Caralampio, un deles patrón de borrachos, coxos e apicultores no barrio dos Pelamios, en Compostela, e o outro en Marín desde 2010; San Cutinocho, reaparecido en 1982 pero que xa existía nos anos 40, ao que se honra con concertos, pasarrúas e procesión do santo na Festa dos Botes en Arzúa a segunda fin de semana de agosto; Santa Purrela en Pontevedra, boneca que procesiona montada nun bocoi; San Pipote de Bardaos, bocoi cheo de kalimotxo levado en andas por cofrades vestidos con saias escocesas; San Pipotiño de Amoeiro, que abre os furanchos…

En definitiva, algúns dos membros deste novo santoral, un santoral de chacota e festa que reúne grupos de persoas con ganas de pasalo ben arredor dunha figura satírica que os xunta e define a propia festa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents