Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Presentes de azul

A apropiación da estética falanxista

Traslado dos restos de José Antonio desde Alacante a El Escorial (1939).

Traslado dos restos de José Antonio desde Alacante a El Escorial (1939). / Arquivo

Malia o risco de empachar, cómpre sinalar a aparición de dous estudos sobre a apoteose falanxista que supuxo o traslado dos restos de José Antonio Primo de Rivera desde Alacante ata El Escorial en novembro de 1939. Eran os días da vitoria dos sublevados e fronte á nula estética castrense, o novo réxime precisaba dun boato que só o falanxismo podía aportar. Tratábase de levar a ombreiros de «camisas vellas» (os afiliados a FE de las JONS antes de xullo de 1936) o cadáver do, ata entón, «Ausente» nunha mortalla de 300 quilos ao longo de 467 km.

Un traxecto que, con precisión de cronista, narra Paco Cerdà en Presentes (Alfaguara), recente Premio Nacional de Narrativa. Para este xornalista valenciano, trátase da cerimonia máis inverosímil da historia contemporánea española. Unha manobra, a do traslado, que quería camuflar o engano que ao longo da guerra mantivo o goberno sublevado: José Antonio foi o «Ausente», sen recoñecer que morrera fusilado en novembro de 1936. Agora, naquel sinistro traslado que quería imitar o do cadáver de Filipe «o Fermoso» urdido por Xoana de Castela, o «Ausente» era máis presente que nunca, malia estar morto.

Un traslado que quería xerar unha retórica da morte polas ideas. Unhas ideas que, en definitiva, levarían a que fosen outros os que matasen a prol daqueles –os de sempre– que procuraban os seus intereses. E no centro, o Mártir, en blasfema comparación con Xesús, tamén morto aos 33 anos. Unha devoción ao Xefe Nacional que non deixaba de ser un casto homoerotismo. Personificación dun proxecto de revolución nacional que, unha vez o país foi dominado polos poderosos, quedou como revolución pendente. Sine die.

Sorprende a magnitude do cortexo funerario se observamos que FE de las JONS –excluída das listas das dereitas– en febreiro de 1936 apenas obtivo 40.000 votos no conxunto de España. Pero era necesaria a sacralización da morte coa estética falanxista-carlista e da Lexión.

Rafael Sánchez Mazas, o falanxista resucitado

E no centro da operación, o falanxista resucitado, Rafael Sánchez Mazas, de quen vén de aparecer unha espléndida biografía escrita por Maximiliano Fuentes Codera, Sánchez Mazas (Taurus). Moderno e reaccionario, quen foi número tres de Falange Española defendeu un nacionalismo integral que o levou ao núcleo intelectual do partido. Bilbaíno oposto ao ruralismo do PNV, cultivou a pureza católica tradicional, que coñeceu como correspondente de ABC en Roma e que exerceu en terras familiares de Coria.

Foi escéptico fronte ao fascismo italiano malia recoñecer que combatía as esquerdas. Pero Sánchez Mazas quedou abraiado pola súa estética civil: mitos e símbolos que facían que Roma volvese ser Roma. Pero cando José Antonio funda Falange, el está aí, a favor dun fascismo estatalista fronte ao fascismo revolucionario de Ramiro Ledesma.

Coa Guerra Civil, Sánchez Mazas emprende a peripecia de sobrevivir no Madrid fiel á República: embaixadas, fuxida a Barcelona, detención. E de aí, coa diáspora republicana, o seu non fusilamento no santuario do Collell. Suceso maxistralmente descrito por Javier Cercas en Soldados de Salamina, feito que constitúe a súa segunda resurrección.

Regresado ao Madrid vencido (gañado, para el) tenta refacer a súa imaxe, apenas belixerante durante a guerra. Organiza o traslado dos restos de José Antonio, é nomeado ministro pero non oculta a súa incompatibilidade con Franco e as súas maneiras. Retírase a Coria a escribir, con éxito. Velaí a novela de corte autobiográfico La vida nueva de Pedrito de Andía. Feito que demostra –en palabras de José Carlos Mainer– que se pode ser bo escritor e fascista.

Con todo, Sánchez Mazas simboliza as ideas para que outros maten (e morran) por elas. Nunca foi (por incapaz) un home de acción e por iso non podía comungar co Ramiro Ledesma, que sostiña aquilo de «facer a revolución ou escribir sobre ela».

A tarefa sucia

Aos numerosos traballos dedicados ao falanxismo, no caso galego podemos engadir o de Luís Lamela Golpistas e represores (Laiovento). Malia algunhas incorreccións intranscendentes, este estudo aporta unha nómina moi exhaustiva sobre quen foi quen nos días que seguiron á sublevación militar de xullo de 1936

O comportamento dos galegos afiliados a FE de las JONS non foi moi diferente ao que tiveron outros civís naquelas zonas onde o exército insurrecto dominou. Produciuse unha inmediata incorporación de entusiastas que, en moitos casos, agochaban comportamentos psicopáticos (manifestados na crueldade contra persoas de esquerdas) e arribistas, á espreita do beneficio fácil (extorsións, coaccións) naquel río revolto. Moito máis nas zonas rurais e vilegas que nas cidades.

Individuos que, tarde ou cedo, pasaron a factura ás novas autoridades, desprazando moitas veces a aqueles que, antes de 1936, creran con mellor ou peor acerto que o totalitarismo era a solución á situación española. Idealistas ou non, os falanxistas de vello e de novo cuño foron, en definitiva, a ferramenta para a tarefa sucia –sempre ingrata– que é a eliminación física do adversario. E se para iso serviron na retagarda, os que marcharon ás frontes de guerra foron carne de canón, envoltos na épica do heroísmo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents