«En vela», a banda deseñada de Ana Penyas
Insomnio e capitalismo

Ana Penyas e a portada da súa nova obra. / FdV
Seguramente haxa na túa contorna alguén que lidia co insomnio. Probablemente sexa máis dunha persoa. Quizais mesmo ti sexas unha delas. Un estudo de hai uns anos destacaba que España é o país do mundo cun maior consumo de benzodiacepinas (fármaco ansiolítico e hipnótico). Este dato alarmante tamén chamou a curiosidade da autora Ana Penyas (Valencia, 1987), quen xa con anterioridade puxera o foco, ou o lapis, en temas sociais.
Homenaxeou a súa avoa, e á de todas, en Estamos todas ben (Salamandra Graphics, 2018): un exercicio de memoria e xustiza que a converteu na primeira muller en recibir o Premio Nacional de Cómic ese mesmo ano. En 2021, sinalou o impacto do turismo e a especulación inmobiliaria en Todo baixo o sol, publicado dentro do mesmo selo. Agora chega ás librarías o seu último traballo, En vela, no que Penyas retrata o insomnio como unha enfermidade social derivada do capitalismo.
Tras documentarse sobre o tema, recompilar testemuños e poñerse en contacto con médicos da Unidade do Soño do Hospital da Macarena, en Sevilla, cidade na que actualmente reside, a autora toma prestadas algunhas voces e constrúe unha obra coral de múltiples insomnios que converxen nunha orixe: a precariedade.
A obra transcorre ao longo de seis noites e un día. Cada capítulo corresponde a unha noite e comeza coa inserción dunha dobre páxina sen texto onde ilustra como durmía a humanidade en diferentes épocas, desde a Idade Media ata a revolución industrial, ofrecendo unha mini cosmovisión da evolución do soño a través dos diferentes modelos de produción, contrapoñéndoo ao capitalismo actual.
Coñecemos a oito personaxes con diferentes perfís demográficos que padecen insomnio. A pesar da súa diferenza de idade, xénero, orixe ou posición socioeconómica, os oito teñen dificultades para durmir… e os oito atópanse nunha situación de ansiedade por preocupacións derivadas dalgún tipo de precariedade, xa sexa incerteza laboral, problemas económicos, discriminación racial ou desigualdade de xénero.
Nesta banda deseñada, Ana Penyas utiliza un estilo gráfico diferente aos seus anteriores traballos co que consegue que a persoa lectora «vexa» a falta de sono. A obra ten unha paleta maiormente lúgubre, relacionada directamente coa escuridade da noite pero tamén co estado mental dos protagonistas: unha mente opacada pola extenuación. Os tons grises xeran unha atmosfera difusa, entre a lucidez e o desvelo, e os contrastes de luces e sombras evocan tanto o insomnio como o esgotamento visual cando non se logra durmir. O uso de lapis acuarelables, grafito e carbonciño outorga un trazo irregular que reforza esa sensación de vulnerabilidade. Así mesmo, o tempo escollido para a narración, esa secuenciación de noites, crea un efecto acumulativo que transmite case sensitivamente o desgaste progresivo que ves nos personaxes.
A aparición de pantallas no medio destas noites insomnes —que lle permite un xogo de luces e sombras gráfico fantástico nos dous sentidos do termo—, ademais de familiar, é rechamante. A hiperconexión sempre presente, trasladando a incapacidade de desconectar ao proceso de soño. Un illamento colectivo, a vixilia perpetua. A obra está dominada por unha atmosfera de opresión, cansanzo e desesperanza.
Ana Penyas logra debuxar o insomnio, pero non só iso, faino retratando con sensibilidade unha angustia que se vive de forma moi íntima e solitaria, aproveitando toda esta carga expresiva para dar visibilidade a un problema actual moi extendido e para facer unha crítica social do malestar contemporáneo. Unha obra moi complexa, ben resolta tanto a nivel gráfico como narrativo.
Premios Castelao á venda
Toca seguir a falar de outros premios nacionais de cómic, neste caso, os Premios Castelao de Banda Deseñada, convocados pola deputación da Coruña. Xa se poden atopar publicados os títulos gañadores da categoría infantil e xuvenil dos últimos dous anos.
Aira Editorial publica A raíña cadáver, obra de Laura Suárez (Dumbría, 1994), Premio Castelao 2024, onde ao longo de 56 páxinas a toda cor a autora resume cun estilo gráfico moi persoal a lenda medieval de Inés de Castro, a raíña galega que foi coroada en Portugal despois de morta.
O día de San Martiño, que se fixo co galardón en 2023, do autor Cristian F. Caruncho (A Coruña, 1997), tamén destaca, sen dúbida, polo seu estilo. É unha novela híbrida moi pop ubicada no rural galego, que mezcla xéneros como o western cunha estética con toques manga. A obra, autoeditada polo autor, saiu á venda o día 11 de novembro, coincidindo coa data da festa do mesmo nome.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido