Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cinema Caudillo: Franco a través do cine

Do panexírico á desacralización

Fotograma de «Madregilda» (1993).

Fotograma de «Madregilda» (1993). / Arquivo

Ao rematar a Guerra Civil, o novo réxime, seguindo os modelos cinematográficos da Alemaña nazi e da Italia fascista, adoptará o cine como unha velada arma a fin de moldear a sociedade en función dos seus obxectivos políticos. No cumio dese aparato autoritario estaba o ditador Francisco Franco, protagonista principal dun relato confeccionado por un entretecido propagandístico concibido para outorgar lexitimidade tanto ao réxime como á súa persoa.

Dous deses relatos fílmicos máis importantes tiveron lugar en Raza (1942) e Franco, ese hombre (1964), ambas dirixidas por José Luis Sáenz de Heredia. Respecto ao primeiro filme, Franco escribira no seu día unha narración dialogada baixo o seudónimo de Jaime de Andrade, no que se retrataba un drama familiar que abarca desde a Guerra de Cuba ata o fin da Guerra Civil. Neste panexírico, a figura de Franco desdóbrase entre o protagonista, José Churruca, con quen o ditador se identifica, e o propio Generalísimo, mencionado como un ente mítico e caudillista. Esta dualidade, como apuntaba o historiador Román Gubern, permitiu a Franco dúas formas de autogratificación diferentes e complementarias: a humana e a mítica.

Xa con motivo da celebración do aniversario de «25 anos de paz», Sáenz de Heredia volvería de forma máis explícita á figura do ditador co documental de Franco, ese hombre. O filme conxuga a montaxe de imaxes de arquivo, con testemuñas e elementos do biopic ficcional para amosar ao espectador como é e como debe ser a traxectoria dun heroe exemplar.

Estes documentos intégranse dentro do discurso de lexitimación da ditadura franquista, para resarcirse do que Nancy Berthier denominou «o pecado orixinal» do fascismo patrio: a sublevación militar contra unha república constitucional. Pero xa na democracia proliferaron títulos con formulacións totalmente antagónicas. Dragon Rapide (Jaime Camino, 1986), unha reconstrución con ínfulas de documental que narra a preparación e os momentos previos ao alzamento militar, e que non escatima escarnios cómicos e velados á figura de Franco, interpretado por Juan Diego.

Tamén como unha comedia amable atopamos Espérame en el cielo (1987) de Antonio Mercero, que especula coa posibilidade de que Franco (Pepe Soriano) tivera un dobre para substituílo en certas aparicións públicas.

Moito máis sagaz e incisiva resulta Madregilda (1993) de Francisco Regueiro, unha película na que sempre é de noite, como metáfora da escuridade dun tempo fantasmagórico. Un dos momentos máis sublimes da longametraxe —na que, por certo, Coque Malla interpreta un soldado de Cangas do Morrazo— ten lugar no tramo final, cando o capitán Longinos (Pepe Sacristán) é convidado a un xogo de cartas clandestino onde participa o propio xeneral Franco (Juan Echanove), representado dunha maneira esperpéntica e case grotesca, un home pequeno, ridículo, desconectado da realidade. Longinos, cargado de culpa, rompe co papel de servil militar franquista e prodúcese, entón, unha especie de anagnórese: o poder e a autoridade do ditador aparecen como pura farsa.

Hai poucas semanas, estreouse nas salas de cine a última película que encarna a Franco: La cena, de Manuel Gómez Pereira, que adapta unha obra teatral escrita polo dramaturgo José Luis Alonso de Santos —autor de pezas igualmente adaptadas ao cine como Bajarse al moro, La estanquera de Vallecas o Salvajes—, e que narra a historia que rodea un banquete que se celebra no Hotel Palace ao pouco de acabar a guerra e á que asistirá Franco (Xavi Francés). No evento traballarán un grupo de prisioneiros republicanos expertos en cociña.

Resulta curioso e significativo como coa chegada da democracia tal semella que esta impeleu os cineastas a abordaren a figura de Franco desde o humor, conscientes da súa forza desacralizadora, idónea para un individuo funesto que dicía ser xefe de estado «por dereito divino» e que encabezaba as procesións relixiosas baixo palio. O humor como ese espello valleinclanesco que deformaba os heroes da mitoloxía clásica.

NO-DO

Cando falamos da presenza de Francisco Franco no cinema hispano, non debemos deixar de lado a maior maquinaria propagandística do réxime: o NO-DO. Á fronte dunha ditadura represiva, os Noticiarios franquistas puxeron énfase en lexitimar un réxime por vía da exaltación do seu líder en todas as súas variantes posibles: político, militar, forzador industrial, pai de familia, avó, cazador, etc. Franco era practicamente o NO-DO e o NO-DO era Franco.

A vida institucional e cotiá da España franquista sempre converxía na súa persoa, como converxe, a modo de sinécdoque, o prexenérico fundacional do primeiro noticiario exhibido nas salas españolas en xaneiro de 1943, que no seu arranque conduce o espectador, a través dunha montaxe de imaxes de aproximación, desde o exterior do Palacio de El Pardo ata o interior do despacho no que Franco «traballa afanosamente polo benestar da nación». A partir dese momento, o NO-DO trazou o edificio da nova España e situou, do ditador cara abaixo, a cada un no seu lugar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents