Vento mareiro, mar roleiro
O VII Premio Laudamuco

Vento mareiro (Castelao, 1929) / v
Manuel F. Vieites
Julio Fernández Peláez e Alberto de Casso Basterrechea escolleron un título suxestivo para este texto escrito en parcería, Vento mareiro non dá voltas, co que gañaron neste ano que andamos o VII Premio Laudamuco de textos dramáticos, que convocan o Concello de Brión e a Academia Galega de Teatro, e vén de publicar Positivas.
Destacaba o xurado que a peza recrea intres na convivencia cotiá para presentar temas da actualidade, como ecoloxía, violencia ou racismo. Na capa traseira do libro tamén se sinala algún outro: o fascismo e, a xeito de conclusión, a incapacidade para reaccionar ante problemas que poden converter as relacións humanas nun inferno (in)soportable.
Vento mareiro é o título dun poemario que Ramón Cabanillas publica en 1915 e fai referencia a un vento que vén do mar e trae un recendo doce e salgado. Un vento de forza variable que en ocasións pode acariñar os corpos e as mentes, e ter ese efecto reparador que, ao mellor, busca un dos protagonistas neste texto cando arela ir pasar uns días cabo do mar, para que lle cure as feridas, para que lle alimente o corazón, xusto o que parece precisar para facer fronte a unha situación familiar e vital que, por seguirmos cos símiles mariñeiros, semella un mar roleiro. Ao mellor, insistimos, pois o texto, na súa apertura, admite interpretacións diversas.
A peza recrea momentos na vida dunha familia acomodada, que atravesa unha situación de crise provocada por diversos problemas de relación, entre eles as tensións permanentes dun pai e dunha nai, dos que só sabemos que son El e máis Ela, coa súa filla adolescente, de nome Nuria, pero tamén cunha asistenta do fogar procedente de Marrocos, Amina, e co presidente da comunidade de veciños. Problemas que, ao mesmo tempo, son aumentados polas leas de todos os días ou por algunhas outras liortas que teñen que ver con visións, ideas, ideais e fins de vida, como a militancia ecolóxica del e un dó irreprimible e incesante por unha acacia de Constantinopla que acaban de cortar no patio da comunidade, a retransmisión da barbarie desatada en Gaza, ou os espazos escuros do desexo nel e nela.
Artéllase en trece escenas, das que as doce primeiras son monólogos breves, seis nas que El é quen fala e outras seis nas que fala Ela. Na última, de maior duración, os dous manteñen un diálogo que ben se podería entender como unha posta en común dos diversos aconteceres, pareceres e cerelladas que van verbalizando nos monólogos, e nos que se ven implicados de forma directa os tres personaxes ausentes: Amina, Nuria e o dito veciño. Pouco a pouco van abrollando, na lembranza, diferentes situacións que son fonte de conflito, sempre a través das perspectivas desas dúas persoas que falan, sen termos realmente unha visión certeira da veracidade de determinados feitos, aínda que ao mellor tampouco non a teñen nin El nin Ela. A memoria como construción.
As ditas liortas teñen moito que ver coa vida en parella, que presenta un desequilibro moi inestable, e igualmente coas relacións paterno e materno filiais cunha moza duns dezaseis anos que está a vivir un período especialmente convulsivo e que busca afirmarse, adoptando en aparencia posicións racistas e asumindo supostamente determinadas ideoloxías. Por aí propoñen unha chamada de atención moi atinada diante de escollas políticas, moitas veces pouco analíticas, dun sector da mocidade que non dubida en valorar positivamente valores, traxectoria e figura de coñecidos ditadores.
Finalmente no texto paira unha sensación de fracaso, pola incapacidade para construír unha relación de parella que supoña o recoñecemento e a valorización do outro e das súas formas de entender a existencia, e pola dificultade para establecer coa filla un dialogo permanente e construtivo, e aceptar unha autonomía persoal que mete medo. Un retrato descarnado no que se recoñecerán moitas familias.
Parcerías
Malia haber algúns casos notables de autoría compartida, entre eles estaría o de Jorge Luis Borges e Adolfo Bioy Casares, non abundan as investigacións ou estudos arredor deste modelo non habitual de composición, que entre outras finalidades terían a de desentrañar os procesos por medios dos cales os autores van fiando o texto ou que é o que achega cada un deles.
Resulta máis doado de abordar no caso do ensaio en diferentes campos do saber ou no da literatura científica, e neste último agroman moitas cuestións éticas, pero no da creación literaria non se atopan moitas achegas.
En Galicia, e no caso da creación dramática, cabe lembrar algún exemplo moi notable, comezando por Eugenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida que asinan varios textos moi célebres nos anos vinte do pasado século, ou a colaboración entre Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas na concepción e realización da peza O mariscal.
Máis recentemente temos o caso de Xosé Manuel Pacho Blanco e Zé Paredes, que en 2013 gañan o Premio Rafael Dieste con Teatro ou xeitos de cargar un arma. Velaí un mundo ben suxestivo por explorar e sistematizar, para ben da teoría e da historia literaria
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Ábalos pregunta sobre Vigo al Gobierno: ¿qué ha provocado la visita del PP a la narcocasa de Cabral?
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse