Mordomos en crise
Canda os éxodos da aristocracia

Anthony Hopkins e Emma Thompson en «O que resta do día» (James Ivory, 1993).
A figura do mordomo está estreitamente unida á visión que temos daquela sociedade británica vitoriana na que o diñeiro das industrias, dos bancos e das colonias fluía sen límite. Os mordomos, especialmente se atendían homes solos ou ao goberno de grandes casas, eran auténticos multiusos que debían saber tanto como preparar combinados como organizar un servizo de mesa para unha recepción ou atender os desexos ou caprichos materiais de cadanseu señor.
Un mundo recreado en series de televisión como Upstairs, Downstairs (entre nós, «Arriba e abaixo», 1971-1975), con Gordon Jackson, e máis recentemente Downton Abbey (2010), con Coyle Brendan. Unha figura presente na historia do cine, desde rexistros dramáticos como o de Eric Von Stroheim en O solpor dos deuses (1950), Dirk Bogarde en O servente (1963), Anthony Hopkins en O que queda de día (1993) ou, máis preto no tempo, John Malkovitch en O mordomo inglés (2024). Ou en rexistro cómico, Mario Moreno «Cantinflas», como Passepartout, en A volta ao mundo en 80 días (1956) ou John Gielgud como o enxeñoso Hobson de Arthur, o solteiro de ouro (1981).
Sendo os mordomos os que mellor coñecían os segredos das casas e dos señores, na imaxinación popular e por influencia dos relatos de misterio, sempre eran os primeiros e principais sospeitosos ou, por contra, os que sabían quen podería ser o criminal. Sen ir máis lonxe temos o recente caso de Paolo Gabriele, o mordomo de Benedito XVI, quen filtrou documentos no chamado «caso Vatileaks».
Non sendo España país de grandes riquezas familiares, os mordomos non formaron parte da nosa visión cotiá. Coma moito, sempre teremos o mordomo do limpa metais Netol. Unha excepción —cabería dicir dobre pola vinculación sentimental do protagonista coa esquerda antifranquista— sería a anécdota que explican de Pepito, o mordomo da casa paterna de Jaime Gil de Biedma.
Disque en 1956, tras uns días de lecer na casa que tiña en Navas de la Asunción (Segovia) co tamén poeta Gabriel Ferrater, este foi detido pola policía. Dous días despois, dous axentes da BPS presentáronse na casa dos Gil de Biedma Alba na barcelonesa rúa de Aragó. Recibiunos o mordomo, que avisou a Jaime: «'Señorito, hai dous policías da Social'. 'Dígalles a eses señores —respondeu o poeta- que esperen no salón azul'». Pepito, o aplicado mordomo, conduciunos á estancia e pechou a porta. Pasado un bo anaco, Jaime Gil de Biedma presentouse no salón, altivo e severo como un emperador: os policías marcharon espantados.
Os tempos que corren xa non son propicios para os mordomos malia o aumento de multimillonarios e de que os seus salarios non sexan tampouco unha cousa do outro mundo (120.000 euros anuais na banda máis alta). Nin os señores teñen xa gustos refinados nin tampouco queren seren escravos da etiqueta que un mordomo impón. Tampouco a situación lles é propicia en terras británicas, o paraíso do servizo de alta calidade.
Ademais, o perfil dos mordomos variou. Hoxe xa non levan chaqué ou «rabo de andoriña» nin chaleco de traballo. Moitos visten «casual», atenden asuntos como as tecnoloxías (para aplicación doméstica), a lexislación internacional e falan idiomas. Proceden de academias especializadas e calcúlase que haberá uns dez mil en Gran Bretaña.
Pero despois do ascenso dos laboristas ao goberno con Keir Starmer e a eliminación de privilexios fiscais, hai un éxodo de millonarios, uns 10.000 na segunda metade de 2024. Circunstancia que tamén supón a eliminación de postos de traballo no servizo, máis aínda se os patróns tiñan -como era habitual- máis dunha residencia. Cos mordomos, marchan choferes, gardacostas, cociñeiras, doncelas. Agora son contratados por días e incluso por horas, se os señores regresan un breve lapso a Londres.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- «Tuve que renunciar a mucho y adaptar mi vida para conseguir ser jueza»
- El buque «Novaya Zemlya» descargará en Cuba tras el veto a hacerlo en España
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»