Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

VV. AA.

Quitar as máscaras

A historia sen edulcorantes

Lois Alcayde Dans

A forma na que nos contamos a nós mesmos é un xeito de poder. Describirnos aos nosos amigos e inimigos, describilos a eles, demarca o campo de xogo no que queremos colocar os demais e marca o lugar onde nos queremos posicionar. A editorial Laiovento vén de sacar do prelo As guerras: entre a retórica e a violencia, do profesor e historiador pola universidade santiaguesa José Carlos Bermejo Barrera.

A premisa, en concordancia cos tambores bélicos que se escoitan alén das nosas fronteiras e os tambores dialécticos que parecen chegar a través dos medios, é ben acaída. Bermejo Barrera demostra fineza cando aporta ao ecosistema político galego un xeito de contar que atrae e é fresco porque será incómodo a ollos dos que procuran na historia unha mina de ouro para os seus desmáns políticos aquí, no presente, para os que os temos que sufrir.

O historiador, nestas páxinas, afonda no horror da guerra para quitarlle o traxe ao emperador con mirada cáustica. Para iso, debuxa dende eles liñas que se retrotraen ao pasado e narra, ao mesmo tempo, a «arte» da guerra a través da historia. Faino mediante a mirada psicolóxica dos feridos e mutilados dos conflitos; é a mirada que xa traballaron antes autores como Enzo Traverso, ou Viktor Frankl, con vocación de entenderen as contradicións da alma humana na súa «procura do sentido» diante do horror dos campos de concentración.

Bermejo Barrera navega por conflitos como a Guerra de Secesión, a de Iraq, a Primeira Guerra Mundial ou a nosa guerra en España para falar de poder, de miserias e da historia que é real porque é tan burda, continxente e humana como os seus protagonistas de carne e óso. Hai neste libro unha interesante crítica ao concepto actual de «memoria histórica» á española, a cal denuncia o noso protagonista como ariete político empregado como instrumento para os políticos poderen pontificar nas liortas do presente.

A mirada de Bermejo Barrera é descarnada e así ten que selo. Non é, o seu, un ensaio deseñado para compracer ouvidos e a ben seguro máis dun que quererá ler nel a xustificación da súa ideoloxía terá enfronte un texto que o vai cuestionar, remexer (cousa dos bos textos) e que lle dará moitas das chaves xeopolíticas do mundo da realpolitik (a única que existe) no panorama contemporáneo

Imagen

As guerras: entre a retórica e a violencia (2025)

Autor: J.C. Bermejo Barrera

Editorial: Laiovento

Precio: 19,95 euros

Calidade e denuncia

Para ler ou reler

Xosé Feixó

Rinoceronte Editora, en tradución de Moisés Barcia, edita en galego a segunda novela de Anne Brontë (1820-1849), A inquilina de Wildfell Hall, de 1848, publicada baixo o seudónimo de Acton Bell. Foi unha das primeiras novelas feministas da literatura inglesa, e ten o valor engadido da súa enorme calidade literaria, o dominio do retrato dos personaxes e a crítica das estruturas socias que impedían a liberdade das mulleres.

A obra denuncia esa opresión na sociedade vitoriana, e trata tamén temas como o abuso doméstico, a infidelidade e a loita pola autonomía feminina, desafiando as normas sociais da época cunha narrativa intensa e valente que destaca pola profundidade psicolóxica dos seus personaxes, a súa estrutura epistolar e a capacidade da autora para retratar con realismo e coraxe sentimentos como a dor, a redención e a dignidade dunha muller que se nega a ser vítima.

Tras anos de abandono, a mansión de Wildfell Hall é ocupada por Helen Graham, unha misteriosa muller cun fillo pequeno. A súa presenza esperta a curiosidade e os rumores da veciñanza, que especula sobre o seu pasado e o motivo do seu illamento. Gilbert Markham, un novo agricultor, namórase dela. A través do diario da protagonista descubrimos a súa verdadeira identidade e o seu pasado, marcado por un matrimonio cruel e violento, do que fuxiu para protexer ao seu fillo. Un clásico para ler ou reler, agora en galego.

Imagen

A inquilina de Wildfell Hall (2025)

Autor: Anne Brontë (Tradución: Moisés Barcia)

Editorial: Rinoceronte

Precio: 22 euros

Cara ao Planeta Vermello

Divulgación científica

María Navarro

Dicía Konstantin Tsiolkovski que «a Terra é o berce da humanidade, pero non se pode vivir eternamente no berce», por iso, hai quen dedica os seus esforzos en procurar novos espazos e novos mundos nos que instalármonos e convertérmonos nunha especie interplanetaria.

Dada a proximidade e semellanza coa Terra, Marte ten sido obxecto de exploración e nel deitaron a súa ollada Eduard Altarriba i Bigas, Sheddad Kaid-Salah Ferrón, Guillén Anglada-Escudé e Miquel Sureda Anfres, expertos en bases planetarias que aunaron os seus coñecementos para presentarlle ao lectorado unha fascinante aventura cara o Planeta Vermello e na que plantexan un modelo de cidade no que se poidan corrixir as eivas do planeta Terra, coidando o que ofrece Marte para asegurar unha convivencia harmónica entre os habitantes e un uso sostible dos recursos.

Logo de analizar a etimoloxía do planeta irmán, os autores adéntrannos nos retos aos que habería que enfrontarse para facelo habitable. O vento solar, a magnetosfera, a radiación cósmica, a atmosfera, o clima ou a procura de auga son algúns dos aspectos que haberá que ter en conta á hora de pensar en construír unha cidade habitable e amable.

A divulgación científica en forma de álbum ilustrado proporciona as ferramentas e a información necesarias para que a mocidade adquira unha opinión fundamentada sobre asuntos relacionados coa ciencia e as súas repercusións, incentívaos a interesarse polas áreas da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas e permite un achegamento á cultura científica moi interesante.

Velaí as excelencias dun texto como Unha cidade en Marte que vén de publicar Edicións Embora.

Imagen

Unha cidade en Marte (2025)

Autor: VV.AA. (Ilustracións: Eduard Altarriba)

Editorial: Embora

Precio: 19,90 euros

Intimismo e filosofía

Sólido edificio poético

Héitor Mera

Inicia a Deputación de Ourense a publicación dunha colección de poesía nutrida por un certame dependente do Servizo de Publicacións. Nesta primeira edición, a gañadora foi Rochi Novoa con este poemario: Arame e fío.

A estrutura do libro parte do suposto achado da súa avoa dun monllo de poemas nunha caixa. Eses poemas atados cunhas cores determinadas veñen visibilizar cada unha desas partes nas que se evocan distintas mensaxes coa escusa e implicación emotiva desta boa señora. E cómo non, cada un dos atados de poemas céntrase nun aspecto, ás veces recorrente, ás veces con certa orixinalidade.

Reflexión evocativas sobre a realidade, sobre cousas ou obxectos concretos, sobre a natureza… cada un destes apartados teñen unha función representados nos breves poemas que van tecendo o poema. Hai intimismo, reivindicación, observación, moita filosofía. Rochi Nóvoa conforma, aos poucos un edificio poético sólido tanto nos alicerces como nas pólas que van marcando camiño e ao tempo achegando distintas visións da vida, da interioridade.

O lector hase decatar que a poesía de Nóvoa o envolve, lévao exactamente cara a onde ela quere. Inzada de imaxes vertebradoras dunha mensaxe(s) diáfana, a fermosura impregna a meirande parte dos poemas. Esa procura, que ben se nota que é un dos obxectivos da autora, artella un libro equilibrado e, ao tempo, potente. O estilo, a lírica, a evocación e a sensibilidade rachadora ao servizo dun proxecto literario que se antolla unha opción óptima para iniciar un proxecto como o dunha colección poética.

Rematamos chamando a atención sobre a diversidade conceptual de cada unha das partes en beneficio dun resultado perfectamente cohesionado. Non nos parece nada fácil conseguilo mais, neste caso, forma parte da esencia e virtude do feito creativo. Denota unha escrita consistente, planificada e, ao tempo, cos trazos que se esperan da mellor poesía. Se ben é certo que a autora non é novata -sorpresas as xustas- si é certo que se falará deste poemario.

Imagen

Arame e fío (2025)

Autor: Rochi Nóvoa Vázquez

Editorial: Deputación de Ourense

Precio: 14,43 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents