Fronteiras líquidas
Artistas polacos en Apo´strophe

Exposición «Fronteiras líquidas» na sala Apo’strophe de Vigo. / Eli Regueira
Cinco artistas polacos presentan a súa obra, baixo o título de «Fronteiras líquidas», no espazo expositivo de Apo’strophe Sala de Arte, unha galería que día a día consolida o seu proxecto expositivo no centro de Vigo, toda unha aposta en tempos moi complicados para os espazos galerísticos.
A mostra, comisariada pola tamén artista polaca Monika Molenda, presenta pinturas, esculturas e instalacións. Máis en concreto, a pintura está representada na exposición polo traballo de Joanna Burda, Dorota Iskrzak e Andrzej Matras. A escultura está representada por Pawel Jackowski mentres Małgorzata Więcław-Szafrańska presenta unha instalación.
A pintura de Joanna Burda, entre a figuración e a abstracción, aposta por unha creatividade moi meditada, por unha ligazón estreita e fluída entre as fases e factores da súa creación: icónicos, cromáticos e espaciais, que se fan explícitos como parte do acto de creación, mais sen afogaren o valor do puramente plástico. É a súa unha pintura que ten moito de construción colorística que busca entender o ser humano en diferentes contextos, mergullando o espectador no seu mundo e abrindo o espazo para a súa imaxinación.

Obra exposta en Apo’strophe. / Eli Regueira
A pintura de Dorota Iskrzak transmite variadas olladas sobre un universo creativo onde está en primeiro plano o caligráfico. Nela percibimos unha vontade humanística, recorrente na arte de todos os tempos, mais que na actualidade se converte en ineludíbel nunha sociedade como a contemporánea en que asistimos á presenza de síntomas nítidos da ruína moral, social e cultural da condición humana. A súa obra, fascinada polo xesto e o signo, demostra que a arte segue a ter sentido se vai unida a unha auténtica procura formal e a unha intensa vontade de comunicación.
Andrzej Matras presenta obras dun ciclo chamado «Estelas cósmicas», de inspiración ecolóxica e formalmente concibidos entre o obxectual e o fluír da mancha que pretende «expresar» máis que «representar», no sentido de que a súa pintura se estende polo lenzo como unha descarga de tensión. A relación entre o obxecto e a pincelada non obedece a simples razóns ornamentais, ben pola contra, trátase dunha actitude que poderiamos cualificar de distanciamento reflexivo, unha acción ligada a unha intensa carga emocional, con moito de xesto expresivo.

Outra das pinturas expostas. / Eli Regueira
Pawel Jackowski, o artista máis veterano, presenta esculturas de formas totémicas, de evocación naturalista. No seu traballo podemos percibir a camada profunda, o substrato, a pura materialidade, ligada a formas orgánicas, sobre as que calquera imaxe abre un mundo de suxestións e diálogos. Desta forma crea unha realidade de comunicación en que o material dá a pauta de relación co outro. O artista, sobre este fondo, forza a forma, intensifica as calidades de textura, a mostrando o seu interese pola plasticidade do material, construíndo así un magma creativo a partir do que agroma a materia entre o natural e o cultural.
Unha instalación
A instalación de Małgorzata Więcław-Szafrańska «Alí onde o ruído se apaga», título da peza, evoca o monte Ślęża, perto de Wroclaw, unha especie de Pico Sacro polaco, cheo de segredos e lendas, chamado Montaña dos Deuses ou Montaña do Sol.
En «Alí onde o ruído se apaga» a natureza xa non é máis «paisaxe» senón que é realidade activa e actuante, materia viva que evidencia a súa dimensión física e tamén a presenza do humano como parte da dialéctica complexa do noso presente en relación co medio natural.
A artista elabora a peza de xeito que a podemos captar e pór en común desde a emoción, desde un tipo de elementalidade que xorde da simplicidade obxectual, a que deita e que permite que agrome a súa potencial poeticidade, o sentido ao mesmo tempo obxectual e poético.
Suscríbete para seguir leyendo
- Guardias civiles expertos en ciberdelitos: «Vemos a jóvenes gallegos que, por 100 euros, abren cuentas bancarias destinadas a dinero estafado»
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Mueren una mujer de 51 años en un accidente de tráfico en Muíños y su marido tras recibir la noticia
- El ministerio niega la entrada a puerto al buque arrastrero «Novaya Zemlya»
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Cae un balcón de un tercer piso en la plaza de Compostela, junto al mercadillo de Navidad: «Pudo haber sido una desgracia»
- Un accidente de moto acaba con la vida del hijo del concejal del PP de Cangas José Luis Gestido
- Ábalos pregunta sobre Vigo al Gobierno: ¿qué ha provocado la visita del PP a la narcocasa de Cabral?