A Pena do Equilibrio de Arcos
Retrato dun monumento natural

A Pena do Equilibrio de Arcos (Ponteareas) na actualidade. / Alberte Reboreda
Alberte Reboreda
«A pedra vacilante de Arcos é unha das máis curiosas que existen en España, tanto se a consideramos como un bloque errático que permanece no seu natural equilibrio, como aproveitado para os usos dun culto que descoñecemos, pódese admitir como unha das nosas primitivas antigüidades». Deste xeito describía A Pena do Equilibrio ponteareán a Guía do Turista publicada polo Balneario de Mondariz en 1912, un vademécum para visitantes do establecemento termal que propuña visitas culturais no eixe Mondariz-Vigo-Santiago.
Efectivamente, sobre a parroquia de Arcos érguese unha das xoias máis sorprendentes da comarca do Condado: a Pena do Equilibrio, tamén chamada Penedo do Capón. Agochada entre os carballos, coma tantas outras que balizan o ascenso ao monte da Picaraña, a paisaxe muda por completo ao chegar a ela: a natureza fala en redondo, as grandes pedras toman o protagonismo e, de súpeto, aparece ela: unha rocha xigante pousada sobre outra apoiada nunha superficie mínima, coma se un deus rebuldeiro a pousara alí momentaneamente sen rematar o traballo.
A xeoloxía explícase en termos fríos: o vento, a chuvia e o tempo modelaron o granito durante milleiros de anos ata dar lugar a esa forma imposible. Os científicos chámanlle meteorización esferoidal. Pero quen contempla a Pena do Equilibrio entende que non é só iso. Hai algo de escultura inconsciente, de arte sen autor, nesa pedra que desafía a lóxica. É coma se a natureza xogase a ser escultora, imaxinando un instante detido no tempo, un xesto suspendido entre o peso e a lixeireza.
Hai máis dun século, a escritora e tradutora británica Rachel Challice (1840-1909), asociada de artes de Oxford, describiu The Stone of Arcos como «unha grande alteración do equilibrio da Natureza» que «resultaba naturalmente un misterio para as xentes primitivas. Máis alá do outeiro sobre o que pendura a pedra, todo é paz e fermosura. As abas do monte están cubertas de arborado, e a ampla e fermosa chaira esténdese vestida de viñas e millo». Challice, a quen os irmáns Peinador lle encargaran en 1908 a edición do álbum A monograph of Mondariz para dar a coñecer o Balneario no Reino Unido, recoñecía que «Galicia precisou sempre de pedras encantadas. Se o pobo o demandaba, a Providencia encargábase de fornecer esta ou aquela marabilla». A pesar disto afirmaba que «a pedra de Arcos só pode ser obra da man humana».
Mirala é lembrar que todo equilibrio é inestable. O bolo granítico, aparentemente inmóbil, é o reflexo dunha verdade máis fonda: o mundo sostense en forzas opostas e só a harmonía entre elas evita que todo se esborralle. Hai unha lección filosófica nese penedo: a fortaleza non sempre está na inmobilidade, senón na capacidade de manterse, de resistir en equilibrio, de atopar un punto exacto de harmonía que evite a caída.
O camiño que leva ata a Pena discorre entre carballos, piñeiros e penedos irmáns: a Pena dos Namorados, a Pena do Monxe, os outeiros da Picaraña. Cada un garda a súa historia e a súa forma. Pero cando se chega á do Equilibrio, o tempo parece deter o noso reloxo. Como acontece ao chegarmos á fachada do Obradoiro compostelá, en Arcos tamén cómpre deterse e sentar, deixar que o vento fale, que o tempo pase, e aceptar que, ás veces, a marabilla e o prodixio están pousados nas pedras.
Este bolo forma parte dun roteiro plausible ideado pola veciñanza de Arcos. Comuneiros, Casa Cultural e a asociación de veciños e veciñas entenderon con acerto que o monte é moito máis que arborado, senón un abano de recursos que, como a pedra, deben convivir en equilibrio.
En Galicia e en todo o mundo hai moitos exemplos de pedras cabaleiras (denominadas de tal xeito porque cabalgan unhas sobre as outras) ou balancing rocks. Os Penedos de Traba e Pasarela en Vimianzo e Laxe, o Tor de Dartmoor en Inglaterra, a Piedra de Peñausende en Zamora, a Pedra de Kjeragbolten en Noruega, A Porta do Alén da Serra do Cando, ou así mesmo os penedos do bosque de Huelgoat situados na Bretaña (Francia) son outras tantas mostras de domos graníticos monumentais mundialmente coñecidos. A Pena do Equilibrio de Arcos non desmerece de ningún deles.

O rochedo, nunha postal antiga. / FdV
Lendas en movemento
O pobo non sempre se conformou cunha explicación científica para dilucidar a estabilidade destes bolos graníticos monumentais. Contan que a Pena do Equilibrio pódese abalar; que un home forte pode facela vibrar; que hai quen viu romper botellas soas baixo o seu apoio, o que demostraría que a pedra superior móvese. Outros aseguran que monxes do Mosteiro de Canedo intentaron derrubala, convencidos de que agochaba un tesouro, mais a pedra resistiu todos os golpes e rezos.
Quizais por iso, neste tempo no que a natureza é o centro de novas formas de espiritualidade, moitas persoas soben ata a Pena do Equilibrio para meditar, para admirala, ou mesmo para procurar respostas transcendentes. Non hai santuario nin templo construído, pero o sitio ten algo de sagrado e sobrenatural que nos supera como humanos.
A Pena do Equilibrio non é só unha rareza xeolóxica: é un espello da vida, unha metáfora do que somos. Vivimos tentando manter o noso propio equilibrio sobre o mundo, e moitas veces, coma ela, facémolo desafiando as forzas encontradas que se compensan anulándose mutuamente.
Suscríbete para seguir leyendo
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo