Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mirando a herba medrar

Bar Ban Sónicos a contracorrente

Desde a Pobra do Caramiñal, o garaxe rock dos Bar Ban Sónicos.

Desde a Pobra do Caramiñal, o garaxe rock dos Bar Ban Sónicos.

V. Neira

Hai quen afirma que moi axiña o rock estará de moda outra vez e que será o argumento principal do noso máis exitoso ecosistema festivalero e aínda das listas de reprodución máis masivas. O que non podemos asegurar, en todo caso, é que a moitos músicos de rock lles preste esa idea, un tanto superficial, da moda e de todo o que conleve esa propia situación de seu.

O rock máis auténtico vive case sempre, agás dalgúns nomes históricos ou mainstream, precisamente nesas marxes nas que a liberdade estética e discursiva manda máis que unha popularidade comercial e submisa a canons establecidos e a fórmulas triunfais que case sempre, e equivocadamente, confunden o feito de acadar a popularidade co de atinxir o éxito máis auténtico e artístico. O rock entendido como unha forma de vida e como unha linguaxe comunicativa e de pura expresión persoal. O rock atemporal e sen correas no pescozo ao menos que o espello e os gustos persoais o demanden.

E, xustamente dese xeito e neses parámetros, habitan dende hai uns anos os Bar Ban Sónicos, dende a Pobra do Caramiñal, que esta semana veñen de publicar o seu novo disco co título de Mirando a herba medrar. Neste seu terceiro disco preséntannos dez cancións que outra vez percorren eses carreiros do rock «feito aquí» e atendendo exclusivamente a necesidade humana de expoñer un proxecto e unhas cancións que foxen das receitas da moda como alma que leva o demo.

Eles fan garaxe rock, por poñerlles unha etiqueta común, pero os Bar Ban Sónicos móvense nese punk rock no que se deixan ver diferentes paus dentro do abano estilìstico que a eles os marcou.

Batería, baixo, guitarra eléctrica e voz para unha proposta na que a propia banda asegura que consolidan o seu estilo e a súa propia maneira de entender o rock de guitarras de toda a vida, após un seu primeiro álbum inmaduro, dubidativo e confuso e un segundo, Sede de ruína, onde xa se ía configurando e asentando o seu característico estilo e un código musical propio.

O álbum foi gravado nos estudios Garaxeland de Santiago de Compostela co traballo de Edu Vidal na gravación e nas mesturas e nel atopamos seguramente un reflexo bastante fiel do que o grupo ofrece nos seus directos e no seu local de ensaio. Cancións directas de riffs sólidos e poucas ganas de especular co tempo. O trío da Pobra fai cancións e toca collendo os atallos precisos para non perderse en voltas innecesarias nin bailarnos a auga mentres durmimos a sesta.

Manel Casal na voz e guitarra, Amroth Lopes no baixo e coros, e Abel Cores na batería deixannos. cancións tan atinadas como «Golpe a golpe», a propia «Mirando a herba medrar» ou a nosa preferida, «Escravos da túa pel», que, xunto ao resto do disco, estamos seguros que non foron feitas para estaren no máis alto das listas de consumo de música na que probablemente nunca andarán, pero si estamos certos de que serán altamente reconfortantes para quen valore o rock como marabilloso exercicio de liberdade musical, de expresión persoal e de saber viaxar sempre a contracorrente.

Lumedoloop.

Lumedoloop. / .

Lumedoloop

Chega o Lumedoloop pero non se alarmen. Este é un lume do bo, do que quenta e constrúe, do que xunta ao seu carón as vellas e os nenos; a rapazada e os que xa imos tendo unha idade; os que prestamos de escoitar un bo conto a os que somos de botar unha parolada cos amigos sobre calquera tema que se nos poña diante.

Un lume de lareira para poñer a pota e para quentar os pés mentres se coce o máis saboroso dos menús. Lume de hip hop para axudarnos a entender como funciona o mundo, para non ter a escusa de que non estabamos avisados e tamén como forma de arte e como imprescindible motor de transformación.

Botando leña neste lume, temos tres vellos coñecidos: os DKTC Jamas, como voz principal, e Mou tamén na voz e na produción musical, e para completar o trespés aí temos nos scratches, ollo, o DJ Mil. Eles mesmos afirman que o lumedoloop non se trata únicamente de facer rap senón de expandir o xénero, de reinventarse e sacar fóra moito do que medra dentro.

Os tres teñen dado a volta ao contakilémetros do escenario e tamén moitos anos de traballo xuntos, e por separado, en alianzas musicais e rapeiras que xa trascenden ata da propia música. O Lumedoloop preséntase cunha canción que xa podemos escoitar polas plataformas adiante; «Rico de sabor» onde repararamos nas liñas mestras polas que probablemente percorra a súa música vindeira: loops xeitosos, palabras afiadas, neuronas espilidas e flow a esgalla para contarnos iso das nosas vidas que ben sabemos pero que moitas veces nin queremos pensar.

Todo calidade como non podía ser doutro xeito cando miras os abaixo asinantes. Presentados quedan eles e nós coas ganas tolas de escoitar o disco completo que, parece ser, verá a luz a primeiros do 26.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents