Nubes de pedra
A primeira Pontevedra na basílica de Santa María

Inauguración de la fachada de la basílica de Santa María, en Pontevedra, este mes de agosto. / Gustavo Santos
Lois Alcayde Dans
Nunhas prácticas docentes, conteilles aos meus temporais alumnos que unha igrexa, amén dun templo e lugar de culto, é tamén un enorme disco duro de memoria: unha memoria pendurada na pedra sobre o relato que queremos contar de nós mesmos e a fe, sempre entretecida ao popular e á luz propia e local dun mundo.
Se ben hoxe en día coñecemos moito da almacenaxe de datos na nube ou nas pequenas pílulas metálicas do pendrive, nos tempos vellos a narrativa abofé existía e abofé tomaba as formas, ben en relevo, ben en efixie, ben en mural, do duro material. O cambio do material ao inmaterial quizais explique ese desinterese das novas narrativas polo realismo e a súa atración polo fantástico, pola fábula. Lamentablemente para os nostálxicos, isto non é nada novo e vén de moi longo. Temos en Galicia un tesouro narrativo que nos conta, dentro do mesmo espazo, escenas cotiás, escenas míticas, escenas bíblicas e da antigüidade clásica dunha cidade galega marcada pola súa ilustración e a súa peculiar situación, Pontevedra.
A basílica de Santa María, un dos templos máis fermosos construídos no país, asentado nun promontorio, berce da cidade do Lérez e rodeada de casas de hai case medio milleiro de anos, foi testemuña dos primeiros anos dunha poboación ás beiras dun río de navegación e de comercio. Á súa beira, en tempos romanos, unha mansión da que pouco queda medrou e decaeu.
Pontevedra sinalou no mapa, antes de ser ela, só un lugar baleiro que o fora outrora lugar de memoria: o topónimo «ponte vella» era o único que alí existía até que edificios centrais como a igrexa que logo foi basílica tomaron forma. Dentro dela, outro tesouro, unha contraportada que nace como advertencia, tratábase do século XVI e a Igrexa Católica temía o contaxio da herexía protestante.
A contraportada da basílica de Santa María advirte en pedra contra o Inferno. Un mural ausente hoxe de cores que conforma un caso ben particular dentro da arte da civilización europea. Un edificio ten ambas caras mais aquí as dúas da moeda se amosan e dialogan entre si, a fachada de gótico isabelino, plateresco e de impronta manuelina, destaca a dormición da Virxe, entre numerosas escenas. Na contra-face, cabaleiros diante da cidade, árbores froiteiras e escenas

Pontevedra en los relieves de la contraportada de Santa María. / FdV
Este grande imaxinario, deseñado nun primeiro intre polo mestre Cornelis de Holanda, axudado or Juan Noble, sufriu diversos atentados das obras e do tempo. A memoria énos así. Cornelis tamén deixou a súa, en forma de nostalxia, con paisaxes inzadas de muíños de vento, unha das cousas presentes tamén en Galicia que ao artesán lle deberon lembrar ás cousas que deixou atrás alén de Flandres.
Na contraportada observamos non só escenas do Antigo Testamento, como Deus Creador, Adán e Eva ou Caín e Abel, observamos tamén como Pontevedra se ve a si mesma. Así, neste relevo con escenas que nos relemebran o misterio de Hieronymus Bosch, amosa a primeira «paisaxe» coñecida do urbano daquel Renacemento, o primeiro «retrato» que temos da cidade contra o ano 1570, con parte da súa muralla. Pontevedra loce así como Xerusalén Celeste, mais non é unha cidade idealizada, é o rostro da propia vila, do lugar no mundo daquelas galegas e galegos que nos precederon.
Mais abaixo desa peza albiscamos, noutra, unha serea, o perigo do mar, que quizais nos evoque a lenda do mítico cabaleiro Rolán na illa de Sálvora. A lenda conta que, mentres paseaba, Rolán observou o corpo dunha muller na area, que resultou ser o dunha serea, Mariña, coa que tivo un fillo. Isto deu orixe, conta a lenda, á linaxe dos Mariño. Unha orixe mítica, como de tantas outras historias non de realidades virtual, senón medieval que sustentan o imaxinario aristocrático herdeiro do Antigo Reino.
Non só bíblicas ou populares, as imaxes do elevo na pedra tamén nos falan dunha visión cristiá da sociedade que con interese abranguía o mundo clásico. Pontevedra, cidade en expansión á altura do século XVI, ten neste mural de pedra o propio heroe Hércules escollendo entre o camiño da virtude ou o do vicio, entre o ben e o mal. Están tamén Píramo e Tisbe, co león que destrozou o veo da segunda. Son só uns poucos dos moitos relatos dunha vila que trouxo o mundo ao seu propio lugar celeste de pedra, esculcando entre o medo á perda da Fe e aquel espirito do sapere aude do renacemento.
A ollada petrucia e literaria
A memoria tamén traballa á descuberta, como cando o académico e escritor Manuel Murguía relatou o re-descubrimento da peza embaixo da parede, cuberta polos séculos embaixo do manto do cal. No repiqueteo para abrollar a memoria, a piqueta levou detalles das facianas e dos espazos que nos fan máis difícil entender non só o medo á conversión dos piadosos católicos en protestantes, senón o medo á perda do poder atestemuñado na pedra gravada.
A contraportada como retrato pétro e escapista á interpretación do presente, aparece e desaparece no relato como a escorrediza muralla, sexa debaixo do flamante museo provincial ou aos pés do sacro edificio, cal scenae dun casco histórico tranquilo, reformado e señorito. O escritor e alcalde da Boa Vila, Filgueira Valverde, que vivía ben preto do templo, falaba dun Hércules traballado en madeira, símbolo de respecto para os mareantes, transmutado en Teucro, fundador mítico da vila. Cousas do relato da historia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas