Teatro de máscaras
Cincuenta anos despois

As pezas breves de Teatro de máscaras, unha ollada simbolista e vangardista á Galicia de 1934.
Manuel F. Vieites
En 1975 un grupo de antigos alumnos de Ramón Otero Pedrayo editaba en Ourense un volume titulado Teatro de máscaras, que, con prólogo de Xosé Filgueira Valverde, recollía pezas escritas contra 1934 e que unha vez rematadas Otero enviara a Castelao, que as custodiou, quedando finalmente depositadas no Museo de Pontevedra, onde se recuperaron.
Naquela altura pasou desapercibido, pois Grial, altofalante da cultura galega naquela altura, apenas presta atención á súa obra dramática no seu número 52, primavera de 1976, que se lle dedica por enteiro con motivo do seu pasamento. Si se publica nese número unha carta inédita de Castelao, datada en 5 de marzo de 1934, na que este anuncia o seu proxecto dun teatro de arte, e urxe a Otero e a Risco a contribuíren ao mesmo escribindo algunha peza.
Na magna e aínda fundamental Historia da Literatura Galega Contemporánea (1981), Ricardo Carballo Calero informa do volume en nota a rodapé, ao entender o profesor que só contiña «esbozos de pezas breves». O conxunto colle unha certa sona cando en 1989 Galaxia o edita por man de Ana Isabel Boullón Agrelo e Fernando R. Tato Plaza, se ben Manuel Lourenzo e Francisco Pillado son dos primeiros en destacar a súa orixinalidade e transcendencia en O teatro galego (1979), sinalado distancias e diferenzas con Os vellos non deben de namorase, naquela altura, como hoxe, un paradigma a seguir para un sector da crítica e da academia.
Con independencia de todos cantos proxectos de acción cultural tivese compartido Castelao con Otero nos tempos en que os dous eran deputados en Cortes, e sen desmerecer o pulo que o rianxeiro lle puidese ter dado a escrita dramática do señor de Trasalba, os trazos formais e estilísticos así como a materia dramática do conxunto xa abrollan con forza en pezas breves como Tren mixto, publicada en El Pueblo Gallego en outubro de 1929, ou nalgunhas inéditas en castelán escritas na segunda década do século XX.
De termos que buscar pezas e autorías coas que vincular o conxunto, cabería lembrar Fausto de Goethe, A tentación de Santo Antonio de Flaubert, o Teatro en liberdade de Víctor Hugo, o ideario estético e dramático de simbolistas como Strindberg ou Maeterlinck, sen esquecer a Auguste Villiers de L’Isle-Adam, as comedias románticas e bárbaras de Ramón del Valle-Inclán e o capítulo 15 do Ulysses de James Joyce. Propostas moi vinculadas co que no seu día se denominou teatro para ler ou teatro mental, pola liberdade coa que a palabra constrúe a súa propia posta na escena, allea a calquera constrición.
O Teatro de máscaras recolle dezaseis pezas breves. Só unha delas, A mesa redonda, está incompleta, polo que non estamos diante dun feixe de retallos, guións ou bosquexos. En realidade todas obedecen a un patrón de composición moi estendido na literatura popular (entremeses, sainetes, diálogos, parrafeos, parolas...), pero tamén na culta, asentado na brevidade, e hai exemplos significativos, como O intruso de Maeterlinck, O encanto dunha hora de Benavente, Traxedia de ensoño de Valle-Inclán, ou O mariñeiro de Pessoa.
Igualmente as vangardas históricas, desde o futurismo, van potenciar consignas como síntese e brevidade como trazos da creación máis contemporánea. Otero, na súa escolla formal, sitúase a carón dunha corrente experimental, se ben o gusto pola brevidade estaba presente noutras formas escénicas e dramáticas igualmente célebres como o teatro por horas, de variedades ou do grand-guignol, do que, entre nós, tanto gustaba Antón Villar Ponte. Do segundo deles Otero foi un asiduo nos seus tempos de estudante en Madrid, segundo confesión propia.
Como nas comedias bárbaras de Valle- Inclán, Otero vén recrear a decadencia do Antigo Réxime, representado pola fidalguía, e ao tempo a riqueza cultural da Galicia irredenta, nunha celebración de natureza, vida e morte, feita con humor e condimentada icon ronía e non pouco sarcasmo, en liña sempre cun realismo máxico que aínda estaba por inventar daquela no plano literario.
Otero desatado
Houbo certamente en Europa un movemento que apostaba por un «teatro mental», consistente en escribir pezas con total liberdade para seren escenificadas na lectura, como defendía Alfred de Musset en 1833 no proemio a Un espectáculo nun sillón.
As obras de Otero, como as dos autores antes citados, hai que situalas nese paradigma que non pon límite ningún á palabra desatada e liberada de calquera obediencia escénica, nos mundos imaxinados. Así o fai e defende Hugo en Cromwell, no texto e no seu prólogo famoso.
No teatro de máscaras emerxe un dramaturgo experimental, innovador, que incorpora pegadas de vangardas diversas, como futurismo, dadaísmo e surrealismo, que aposta pola mestura incontrolada de mímese e diéxese, contradicindo teorías dramáticas e cuestionando calquera canon posible.
Con permiso de Quentin Tarantino, poderiamos falar dun Otero literariamente «unchained». Un volume que cincuenta anos despois segue a ser un modelo magnífico de composición dramática, pero tamén unha fonte de verdadeiro pracer para unha lectura provocadora, estimulante, creativa, liberadora.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas
- Sancionada con 30.000 euros una empresa del motor de Vigo por contratar trabajadores durante una huelga