En tempos da Santa Compaña
Tradicións de noso no culto aos mortos

A Santa Compaña (ou Estadea) camiñando na noite polos labirintos de Vigo. / Alba Villar
Agora que estamos próximos ás datas de Defuntos, e sen necesidade de importar tradicións, podemos repasar unha das nosas crenzas populares de máis raigame. Referímonos á Santa Compaña, que ocupa un lugar destacado na cultura tradicional galega dentro dos cultos antigos aos mortos.
A Compaña, Estadea, Procesión das Ánimas ou Visión é un cortexo fúnebre de almas vestidas con túnicas brancas que levan nas súas mans candeas acesas e que discorre pola noite por zonas solitarias ou camiños antigos da Galicia rural. Procesión de mortos que se mantén moi viva no imaxinario colectivo, xa sexa como crenza asumida ou mesmo desde unha lectura máis moderna e actual, como símbolo identitario.
O caso é que lendas e narracións sobre a Compaña teñen aparecido ao longo de todo o noso territorio: O Morrazo, Terra de Montes, A Paradanta, Tui, A Estrada, a Comarca do Eume, Arzúa, Ordes, Melide, a Montaña Lucense, Viana do Bolo, A Gudiña, Verín, a Ribeira Sacra, etc., son escenarios da marcha fúnebre das ánimas do lugar.
A procesión vai encabezada por un guía. Esta figura é importante, pois adoita ser a única persoa viva da comitiva, aínda que existe tamén en determinadas zonas a versión de que hai algún vivo máis procesionando. O guía -chamado tamén estadeiro, portador da cruz ou alma viva- é o individuo que vai á fronte, cunha cruz ou caldeiro de auga bendita na man, abríndolle camiño ás ánimas. Antes do amencer debe devolver a cruz e a auga á igrexa e espertará ao día seguinte sen lembrar nada. Claro que vivirá permanentemente esgotado, pálido e doente, coas conseguintes consecuencias que isto producirá nas relacións sociais da aldea.
Calquera pode ser o elixido para ser guía, e isto é visto coma unha maldición ou castigo. Ou mesmo podería ser froito do destino, ou ser a persoa escollida polos mortos por ter o don de ver. Aínda que é un labor fundamentalmente masculino, non faltan na tradición mulleres guías, normalmente as que teñen o don, viúvas ou mulleres solitarias, ou mesmo as que herdaron este traballo da familia.

Viñeta de Luis Davila sobre a Santa Compaña / FdV
Seguindo o guía vén o cortexo de ánimas, que non son todos os mortos do lugar, senón unicamente aqueles que aínda non atoparon o descanso ou teñen algunha misión pendente. Ánimas do purgatorio que penan e piden oracións e misas aos vivos para seren liberadas ou ánimas castigadas, que cumpren penitencia polos males cometidos en vida. Tamén hai lugares onde a Estadea está formada por ánimas que saen avisando dunha morte próxima: se paran nunha casa, é sinal de que alí morrerá alguén aos poucos días. Ou mesmo levan xa as almas dos que van morrer axiña sen eles sabelo aínda.
Tradición de posible raíz indoeuropea e posteriormente cristianizada, similar a outras aparecidas no norte de Europa, a Santa Compaña exerceu na sociedade un importante papel de control moral e relixioso: podes evitar ser unha alma en pena se foxes do pecado e vives de acordo coas normas morais da Igrexa.
Tamén actuou como regulador da conduta social, marcando claramente as accións aceptables e as desviadas: non saias pola noite, non sexas solitario, non vaias a lugares prohibidos, non andes fóra de hora facendo o que non debes... E se tes que saír, que sexa protexido: se ves a procesión, fai o sinal da cruz, non fales con eles, debuxa un círculo no chan e métete dentro, leva sempre unha cruz ou un escapulario polo que poda pasar…
Deu resposta a condutas desviadas, a individuos raros ou antisociais que o grupo podía ubicar; serviu para transmitir esas normas e valores de xeración en xeracións… En definitiva, serviu para fortalecer unha identidade colectiva hoxe en decadencia. Claro que, como dicía un informante actual, «eu non a vin, pero iso non quere dicir que non exista.»
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas