Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Máis que música

O fenómeno fan en Galicia

Andrés do Barro.

Andrés do Barro.

Judith R. Iglesias

Cando Manuel de la Calva e Ramón Arcusa subiron ao seu primeiro escenario como o Dúo Dinámico na Barcelona de 1958, España aínda era en branco e negro. Había poucas radios, moita distancia e miles de persoas á espera de que algo lles falase de esperanza. O tempo foi cubrindo de cor a súa traxectoria e, coa recente morte de Manuel de la Calva, o baleiro énchese agora dunha inevitable nostalxia musical. O artista faleceu en Madrid o pasado 26 de agosto, deixando tras de si un legado que transcende as fronteiras da memoria.

No ano 2019, o grupo levou a súa «Xira 60 aniversario» ao Palacio da Ópera da Coruña, pero a experiencia foi alén da música. Aquilo era conexión interxeracional; cancións de outrora removendo os pensamentos de hoxe. Uns fíos invisibles parecían enlazar as voces dos fieis seguidores de sempre coas da mocidade que comezara a escoitar «Quince años tiene mi amor» en listas de Spotify. Se falamos do chamado «fenómeno fan», o certo é que algúns artistas, máis que artistas illados, ilustran unha colectividade atemporal: son pezas do noso panorama da cultura.

Desde a música ata o cine ou a televisión, o fenómeno fan representa un aceno de identidade, perfectamente recoñecible e imposible de cualificar. Esténdese sen límites, creando novas obras, comunidades organizadas e removendo emocións compartidas arredor do mundo. Así, a peregrinación é quizais unha das súas expresións máis soadas. Existen miles de lugares aos que viaxan fans buscando a esencia dun referente, xa sexan casas-museo, tumbas ou monumentos, espazos de rodaxes, escenarios de libros ou mesmo recunchos que algunha vez visitaron. Con todo, o impacto emocional na xente é o punto de partida.

En Galicia, artistas como a arzuá Ana Kiro (1942–2010) marcaron un antes e un despois. O escritor e músico Antón Reixa referiuse a ela como «a nosa Tina Turner»; e, de certo, a súa voz converteuse na alma da música galega, cunha presenza que foi sinónimo de festa popular, romaría e verbena. Despois do seu falecemento, no setembro de hai xa quince anos, non foron poucas as homenaxes no seu nome, como a da Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña, que a recoñeceu como «a emigrante que fuches»; e mesmo realizáronse capelas ardentes para que o público puidera despedirse dela na Coruña.

Na mesma liña, o ferrolán Andrés do Barro converteuse nunha lenda ao levar o pop galego ao número un das listas nacionais. Aconteceu na década dos 70, cando alcanzou este posto na emisora dos 40 principais; e non foi ata o 2019 que outra persoa chegou a encabezar a mesma lista cunha lingua oficial que non fora o castelán: Rosalía, co seu tema «Milionària», en catalán. No 2020, o Festival Outono Códax rendeu homenaxe ao cantautor, festexando os 50 anos do seu primeiro disco, Me llamo Andrés Lapique do Barro.

Ademais, este traballo fora producido por outra importante figura da nosa escena musical: Juan Pardo (1942). Compositor dalgúns dos grandes éxitos de Marisol (Pepa Flores) nos anos 70 e doutros artistas como Luz Casal ou Xil Ríos, foi homenaxeado nun concerto tributo no marco da programación Baiverán 2025, en Baiona. Deste xeito, o fenómeno fan móvese arredor desa efervescencia creativa que mece as mareas culturais, mediante a atención e o apoio de todas as persoas que seguen o percorrido dos seus ídolos.

A identidade é unha peza clave para entender este furor popular. Por ese motivo, grandes festivais como o Noroeste Estrella Galicia (A Coruña) non só inclúen a recoñecidos grupos internacionais, senón tamén ás voces de noso que emerxen seguindo (e rompendo) o fío da tradición galega. Foi así como Fillas de Cassandra ou The Rapants compartiron cartel cos Crystal Fighters en 2024, tecendo co seu repertorio un eco de autenticidade na praia de Riazor. Agora, o recente falecemento de Manuel de la Calva levou a centos de fanáticos, que mesmo superaron o millar deles, a despedirse da metade eterna do Dúo Dinámico.

Orquesta Panorama.

Orquesta Panorama. / FdV

O boom das orquestras en Galicia

Cada verán, as festas patronais enchen o calendario galego; e, cada verán, hai un momento no que é inevitable dicir: «Hoxe vén a Panorama!». Con esas catro palabras, a diversión parece estar asegurada. E non é para menos: as orquestras compoñen unha parte fundamental da nosa cultura popular e algunhas delas son capaces de mover as masas cun espectáculo que sempre supera as expectativas.

O seu éxito é bastante lóxico: tenden a engadir no seu repertorio os grandes hits do momento, acompañados dalgúns clásicos e mesturando diferentes xéneros musicais. O resultado é a sensación de pertenza entre o público local e a capacidade de chegar a unha gran variedade de asistentes.

De novo, estamos ante un furor colectivo que, no caso da Panorama, atrae miles de espectadores cada mes de agosto. A clave desta orquestra está en que todo o fai ao grande, manténdose sempre á vangarda musical e visual. Con todo, non é a única. A veterana París de Noia, fundada en 1957, foi pioneira neste concepto de espectacularidade; mentres que El Combo Dominicano, Los Satélites e Olympus contan con importantes clubs de fans en toda Galicia. O ronsel da verbena esténdese así pola nosa xeografía, axuntando tradición e modernidade e sen esquecer o seu «fandom», un fenómeno que sempre vai alén da música.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents