Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
A picada da agulla
Unha narrativa singular
Pilar Ponte
Camariñas é o escenario único da novela da escritora e xornalista lucense Nerea Pallares, que mereceu o Premio Manuel García Barros 2025 co título Punto de Araña. Ari, a protagonista principal, chega a esta localidade da Costa da Morte nun momento no que acaba de acontecer o pasamento de María, unha rapaza da vila, que morre en estrañas circunstancias cando estaba en compaña do pai.
Este acontecemento é o desencadeante para que Ari, a nova encargada do museo do encaixe, viva unha situación que sobrepasa as mulleres da vila. Estas, palilleiras, redeiras ou traballadoras da conserva, pertencentes a tres xeracións, fartas de pasaren desapercibidas, fartas de que os homes sexan donos das decisións e dos cartos, mesmo daqueles que proceden do seu traballo, van tomar unha decisión que mudará todo para sempre desde a reivindicación e mesmo a rebelión.
Xa desde as primeiras páxinas atopamos unha estrutura singular na obra para nos achegar á trama principal, e así podemos advertir que ao carón dunha estrutura narrativa tradicional en capítulos nos presenta outros textos poéticos ou dramáticos, algúns mesmo con trazos da traxedia grega, outros vangardistas, todos eles precedidos dunha ilustración dun patrón de encaixe que nos indica se a trama se vai destecendo ou tecendo, isto é... a incorporación do elemento mítico e máxico do fío que destece e tece na arañeira da vida facilita asemade a incursión de tres mulleres fantásticas e temibles, as arañas, donas do océano e do encaixe e gardiás antigas e femininas invocadas para loitar contra o esquecemento e a inxustiza.
Atopamos no volume a presenza de figuras universais ou arquetipos como Ariadna ou Lisístrata, que achegan un pasado de conflitos comúns ao presente e contribúen á universalidade da obra conectando a realidade das traballadoras do mar e palilleiras con símbolos como as arañas e o arquetipo das fiandeiras con problemáticas sociais comúns.
Por outra banda, a autora consegue chegar ao retrato fiel do local a través do tratamento que se fai da linguaxe ao reflectir a lingua oral da zona tanto nos trazos xerais da variante dialectal como no vocabulario específico da zona e máis concretamente das fiandeiras, ata o punto de vertebrar a obra (destecer, tecer, enfiar...) e que lle imprime un realismo e unha procura da precisión que se conseguen desde as primeiras liñas e que cerran unha proposta narrativa diferente e singular.
Beiras literario
Fíos dun autor poliédrico
Laura Caveiro
Albert Camus foi, entre os escritores franceses, o maior número de veces traducido ao galego por Xosé Manuel Beiras. Agora, da man da profesora Esperanza Mariño Davila, podemos ler unha obra que tenta proporcionar unha visión integral da cara oculta do Beiras «literario». Analízase por Mariño Davila en Fíos de transparencia acesa, con rigor e pulcro estilo, a narrativa, a poesía e a tradución en X. M. Beiras.
Este ensaio esmiúza, pois, as diversas traducións feitas por Beiras: Antígona de Anouilh, en colaboración con Franco Grande, As moscas de Sartre, Adolphe de Benjamin Constant, Espertemos! de Morin… Percorreremos todas de vagar, pero sobrancean as catro traducións de Camus: Os xustos (1985), Calígula (1992), A desfeita (2019) e Catro cartas a un amigo alemán (1967, reeditada no 2018).
Contou o propio Beiras no seu limiar da reedición do 2018 que a tradución publicada na Revista Grial ficara alí, dende 1967, ata que un espírito rebelde como Lino Braxe mergullou nela para unha das súas combativas composicións teatrais. Despois será Miguel Anxo Fernán Vello quen lle proporá revisala e reeditala como Catro cartas a un amigo alemán e outros textos. Publicarase con prefacio do tradutor e dedicatoria a Aurichu. E talvez, coidamos, sexa Albert Camus o autor máis veces traducido ao galego por Beiras porque sempre estivo á procura, dalgún xeito, da «cara oculta da lúa camusiá». Como sempre procuramos nós a beleza, e moito máis, nas atípicas achegas literarias do poliédrico Beiras.
Polos vieiros do Big Concept
Distopía e aventura
María Navarro
Andrea Maceiras volta outra vez a engaiolar os membros do xurado do Premio Jules Verne con O corvo sobre a neve. Xa o fixera hai dez anos con Europa Express, e no 2025, cando se falla a edición décimo sétima, sorprende cun texto, se cabe, máis profundo, máis reflexivo e no que manexa o tempo narrativo dunha forma extraordinaria, consolidándose así como unha das escritoras de referencia no panorama literario galego e tamén no de fóra grazas á tradución de varias das súas novelas.
Mergullados na ciencia ficción da era glacial, dos Países Temperados, de Zonas Vedadas e de personaxes que se fan acompañar de asistentes virtuais creados coa Tecnoloxía Eterna, a coruñesa conduce os lectores e as lectoras polos vieiros dun Big Concept no que manifesta a incrible capacidade da vida e da tecnoloxía para mudar e sobrevivir a condicións completamente novas no que o clima e a supervivencia convértense en aspectos que condicionan a existencia, a adaptación ao medio contitúe unha necesidade e na que a intelixencia artificial permite ao ser humano unha evolución marabillosa que, na novela, se nutre con libros e o desexo dun mundo mellor.
Unha distopía en toda regra que dará que pensar á mocidade nun posible futuro cun código complexo no que a capacidade de cambiar para encaixar nun novo entorno se converte na forza máis poderosa do universo. Dita adaptación é a gran aventura!
Revisitar un clásico
Poesía de referencia
Héitor Mera
É dabondo coñecida a traxectoria de María Xosé Queizán nestes moitos anos de traballo literario incesante. Ensaio, narrativa e poesía son tres eixos fundamentais para unha mensaxe coral de resistencia e reivindicación. Se cadra, ler os seus ensaios é recomendable para mellor entender a súa xénea lírica. Evidencias, compilación de artigos previamente publicados en diversas revistas, sería bo comezo para entendérmonos as inquedanzas que hai detrás de cada páxina.
Metáfora da metáfora é un primeiro poemario tardío se o comparamos coas datas de publicación dos seus compañeiros de xeración. Os Bernardino Graña, Franco Grande ou Méndez Ferrín iniciáronse a finais da década dos 50 do século pasado. Este Metáfora… é do ano 1991 e, con todo, claramente un clásico, importante no canon literario posterior. De aí a necesidade de abordar unha reedición do mesmo. A metáfora poliédrica é rachadora. M.X. Queizán fai un xogo de espellos onde enfronta contra si mesma a tradición do ego poético masculino. Reivindica con grande habelencia, sen caer no poema –panfleto, outro mundo poético posible e faino coa sutileza e a forza da metáfora e a imaxe.
Estruturado como unha árbore con cadanseu brazo e, polo tanto, con cadansúa peculiaridade, a poeta vai sinalando cada un dos aspectos que requiren denuncia e reivindicación. Co poder que lle presta a palabra, coa sensibilidade e a sabenza dunha árbore poética sólida, o poemario non cae no escuro, no difícilmente identificable. Metáfora… ten os trazos da poesía de vez xunto á capacidade de comunicar con claridade todo o poder da mensaxe tan necesaria de chegar aos máis.
Sen dúbida, reedición acaída que animo facer extensible a tantos poetas que hoxe sería bo que estivesen presentes nas lecturas dos gozosos pola poesía e as autoras e autores novos que busquen referentes potentes para enriquecer a súa poesía.
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas