Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Coller o fusil

A guerrilla dos 70 en Latinoamérica

Guerrilleiros das FARC (Colombia).

Guerrilleiros das FARC (Colombia).

Cando os barbudos que lideraban Fidel e Raúl Castro, Ernesto «Che» Guevara e Camilo Cienfuegos entraron na Habana o 1 de xaneiro de 1959, ben lonxe estaban de pensar que nos anos seguintes habería diversos grupos armados que loitarían á maneira que eles fixeran en Sierra Maestra.

A morte de Pepe Mujica é unha boa ocasión para lembrar os anos nos que toda América Latina tivo grupos rebeldes alzados en armas, nas cidades ou nas selvas. Estando dominados a maioría de estados por oligarquías, o éxito do Movemento 26 de Xullo en Cuba inspirou a formación de grupos que optaron pola vía armada.

Os primeiros foron os colombianos FARC e ELN constituídos en 1964 (no segundo, militaba o crego Camilo Torres). Optaron, á maneira castrista, por combater nas selvas. En 1966, e nunha xogada impulsada por Fidel Castro para –posiblemente- apartar un rival, Ernesto «Che» Guevara –ao seu regreso do Congo- foi enviado a Bolivia para organizar unha guerrilla. Fíxoo con comunistas locais, entre eles os irmáns Peredo, e cun estrafalario (e rico) filósofo e escritor francés, Regis Debray. Bolivia contaba cun potente sindicato mineiro, a COB, e tiña unha importante tradición de loita política contra a oligarquía e os militares pero co concurso da CIA, Guevara morreu. Para sempre, o Che quedou mitificado á maneira dun Cristo das esquerdas.

Naqueles mesmos anos, e despois do golpe de estado contra João Goulart en 1964, no Brasil apareceron diversos grupos armados que apenas puideron facer nada contra a ditadura militar. No Uruguai, e polas propias características deste país, a actividade guerrilleira tivo que ser necesariamente urbana. Militantes procedentes de diversos correntes de esquerdas converxeron no chamado MLN-Tupamaros.

As súas primeiras accións foron asaltos a bancos, roubos de armas e apresamento de camións con alimentos, feitos que non causaban especial controversia e incluso lles daban unha áurea romántica. Declarado o estado de emerxencia pola grave situación económica, as accións do grupo foron máis serias ata cometer un erro estratéxico: o secuestro e asasinato de Dan Mitrione, axente do FBI que asesoraba a policía no uso da tortura. Radicalizado o goberno, a loita contra a guerrilla foi durísima.

Algo semellante ocorría na Arxentina como reacción á ditadura militar que estivo ata 1973. Desde grupos de ideoloxía trotskista, xurdiu o Exército Revolucionario do Pobo; desde o amplo movemento peronista, un sector de esquerdas promoveu o grupo armado Montoneros. Os primeiros promoveron o roubo de alimentos para repartilos nos barrios obreiros. Os segundos tiveron como primeira acción o asasinato do ditador P. E. Aramburu, un dos golpistas que provocaron o exilio de Perón en 1955. Incluído nunha fronte ampla, o seu candidato gañou as eleccións. Forzado polas dereitas extremas, tivo que dimitir despois da matanza do aeroporto de Ezeiza, cando ao regreso de Juan Domingo Perón militantes montoneros foron atacados a tiros co resultado de doce mortos e diversos feridos. Pouco tempo despois, aparecía a Alianza Anticomunista Arxentina, que preparou o terreo para a ditadura de Videla.

Nunha dobre acción urbana e rural, houbo diversos grupos guerrilleiros na América Central aparecidos anos despois. En Nicaragua, e fundado en 1961, o Frente Sandinista de Liberación Nacional gañou o poder en 1979 despois de derrocar a dinastía dos Somoza; inspirado no anterior, no Salvador apareceu o Frente Farabundo Martí. En 1994, no estado de Chiapas, con profundas raiceiras indíxenas e contra o tratado de libre comercio da América do Norte, apareceu o Exército Zapatista de Liberación Nacional. A súa actuación militar sen accións armadas cruentas, chamou a atención internacional por deixar en evidencia ao goberno mexicano.

Da coca ou do goberno

A loita armada é relativamente doada de comezar pero se os gobernos non acaban con ela, os impulsores nunca sabe cal vai ser a saída. Algunhas foron liquidadas polos militares con malas maneiras, como na Arxentina. As que triunfaron, como en Cuba ou en Nicaragua, acabaron en ditaduras. Outras, persistiron na loita, como as FARC ou o ELN colombianos, para derivaren en grupos narcoterroristas. Ou quen quixo imitar o delirio khémer, como Sendero Luminoso no Perú.

En troques, houbo guerrillas que souberon adaptarse á evolución social é pasaron a exercer a política axustándose á nova legalidade democrática. Sería o caso dos tupamaros que se integraron no Frente Amplio e conseguiron que un antigo membro seu, Pepe Mugica, chegase á presidencia da república en 2009. Unha traxectoria semellante á de Dilma Roussef, dos grupos COLINA e VAR Palmares, presidenta do Brasil en 2011. Ou caso do actual presidente de Colombia, Gustavo Petro, membro do M-19, grupo que en 1990, tras a súa desmobilización, se transformou na Alianza Democrática M-19.

Un verso libre é o actual presidente de El Salvador, Nayib Bukele, quen colaborou, desde a súa empresa de publicidade, co Frente Farabundo Martí, xa desmobilizado. Integrouse activamente nel para as eleccións municipais e agora, desde a presidencia, que exerceu con dureza, está ao servizo de Trump.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents