Teo Soriano: rigor e sutileza
Unha mostra en SVT Espacio de Arte

Exposición de Teo Soriano en SVT Espacio de Arte. / Eli Regueira
A pintura de Teo Soriano, que agora se presenta no espazo de arte SVT, dun rigor e sutileza extremos, remite desde o noso punto de vista a conceptos como coñecemento e sensación. En conxunto é unha pintura que nos sitúa no territorio da linguaxe e que nos transporta ao campo semántico da percepción, mais mantendo un duplo valor porque a esencia material é o alicerce de toda a construción, da obra toda que o cadro proxecta.
O traballo de Teo Soriano transmite, pois, unha carga fortemente reflexiva e outra profundamente intuitiva, de captación directa, e, en conxunto, é un magnífico exemplo de como o punto de partida estético permite «abrir a visión» para transformar a percepción e o pensamento, para, en certo modo, recrear o real.Entre a obra e o espectador establécese unha tensión que permite ollar un xeito diferente, e este ollar posibilita abrir o pensamento a unha experiencia espacial e ao tempo interior. Posibilita un pensamento visual.
Contemplando estas obras, xórdenos o concepto de «transvisual», que é como chamaba o historiador de arte e pensador Carl Einstein (1885-1940) a unha categoría que, ultrapasando os fenómenos puramente ópticos, funciona como unha caravilla dialéctica entre «vista» e «visión» (Sehen e Schauen no orixinal alemán). A pintura de Teo Soriano permite, xa que logo, unha auténtica abertura da visualidade. Ese «abrir o ver» que reclamaba o mesmo Carl Einstein no contexto da crítica da vangarda histórica hai xa un século.

Exposición de Teo Soriano en SVT Espacio de Arte. / Eli Regueira.
Teo Soriano reforza a relación singular e sutil entre interior e exterior, tan característica do conxunto da súa produción, xogando neste sentido a modulada paleta un papel fundamental que reforza as calidades envolventes das obras. Estamos, pois, perante unha vontade de construír unha ligazón específica co soporte desde a mirada cun resultado para o espectador claramente envolvente.
A luz é unha das chaves para a comprensión do traballo do pintor extremeño, co lumínico e o cromático como dominates, sendo a pincelada e a imaxe revelada baixo efectos lumínicos, non un límite, senón un ámbito para suxerir a profundidade ou para o reflexo. A luz abre o espazo nunha dupla dirección: para adentro e para fóra, afondando, proxectando para un interior virtual e espellando cor e luz, nun diálogo non realizado en pura complementaridade senón entendido como aberto e libre.
O resultado é extremadamente equilibrado, deixando no ollar do espectador todo un abano de suxestións con tramas de austera concepción onde brillan alfaias de luz e cor.Hai, pois, en todo o traballo, unha sensación de perda de límites, que se consegue por medio dunha aposta completa e moi meditada pola técnica pictórica, o que axuda tamén a modular as sensacións e a crear complementarias e desemellantes percepcións.
Se callar, unha das chaves do seu traballo é ese carácter ao tempo aberto e concentrado, que desde o pormenor e a pincelada nos leva á abertura espacial e á modulada sensación lumínica, e desde esta novamente ao punto inicial, nunha espiral envolvente.
Porque, a final, o que nos propón o artista son distintas maneiras de ollar, mesmo no sentido máis literal, ollar desde distintas distancias e puntos de vista. Un tema tan vello, produto dun debate case académico, que nos levaría ao mundo barroco que subxace no fondo da obra do artista, mais que na súa proposta se torna plenamente actuante e pertinente.
Alberto González-Alegre
A mostra vai acompañada por un interesantísimo texto elaborado no ano 2015 por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre para unha exposición de Teo Soriano en Santiago de Compostela, na Casa da Parra.
Un exemplo excelente do traballo do recentemente finado crítico e historiador de arte Alberto González-Alegre, unha figura fundamental durante décadas para a análise e divulgación das prácticas artísticas contemporáneas no noso país e a quen se debe unha homenaxe que lembre as súas achegas e o seu fundamental papel na dinamización das nosas artes plásticas desde o rigor e o optimismo da vontade.
Suscríbete para seguir leyendo
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo