Cravo, noz moscada e mar
A rivalidade polas especias e o mundo moderno

Magalhães e Elcano: dous nomes e un mesmo mar. A rivalidade, o risco e a procura das especias que fixeron o mundo máis grande. | FDV
Se seguimos aquela máxima de Petete dun libro «que ensina e entretén», non cabe dúbida que Especias, de Roger Crawley (Ático de los Libros) ilustra de forma amena sobre a rivalidade de España (cabería dicir Castela) e Portugal por dominaren o comercio das especias no século XVI. Unha rivalidade na que as historias oficiais adoitan salientar os grandes feitos e esquecen a contrapartida das ambicións humanas, fosen oficiais ou persoais.
Así, a primeira volta ao mundo completada por Magalhães e Elcano, malia os seus resultados científicos, non perseguía outra cousa que obter parte das importacións de cravo e de noz moscada. A coroa portuguesa, en réxime de monopolio, víñaa efectuando desde que navegantes lusos chegaron á India. Estando a ruta atlántica e índica na banda que o Tratado de Tordesillas concedera, con sanción papal, a Portugal, a Castela do emperador Carlos tentou a vía de occidente para chegar ás Molucas.
A primeira viaxe, a de Magalhães, tivo que procurar un paso para transcender o continente americano. Cando Elcano colleu o mando da Victoria, o regreso polo camiño feito resultaba inviable: para non cruzar augas asiáticas de dominio portugués, foi polo sur do Índico para chegar ao Atlántico con destino a Sevilla. A Terra comezaba a ter personalidade de seu.
A segunda expedición, a que comandada por G. J. Loaisa partiu uns anos despois desde A Coruña, repetiu o paso por Terra do Fogo para atravesar o Pacífico. Malia ter experiencia da primeira, os resultados non foron os esperados. Con outro problema engadido: como a travesía do Pacífico foi con ventos favorables nas dúas expedicións, era difícil determinar a distancia daquela gran mar. Pensaron que o planeta era máis pequeno e non se podía situar correctamente o antemeridiano ao establecido en Tordesillas. Polas dificultades do paso austral, as novas expedicións sairían da costa occidental de Nova España (México). Calculada así mellor a distancia daquel océano e despois de diversas expedicións e de moitas peripecias, España conseguiu establecer unha base no que despois serían as illas Filipinas.
Portugal e España apoiaban os caciques da rexión enfrontados entre si para gañaren cadansúa adhesión. A iniciativa portuguesa pasara do comercio en portos do sur do continente asiático a conseguir a compra directa de especias nas Molucas. E esa era a disputa que tiñan que aturar cos españois. Doutra banda, o comercio coa China estaba moi complicado porque a dinastía Ming pechou os seus portos aos estranxeiros: as compras tíñanse que facer por intermediarios malaios nunha illa que quedaba afastada de terra firme. Só co tempo, os portugueses conseguiron establecer unha base en Macao.
Para aproveitaren as viaxes de regreso, españois e portugueses traían obxectos fabricados na China, con boa saída comercial en Europa. Unha situación que se viu modificada cando as autoridades chinesas, para frearen a inflación do papel moeda, estableceron a prata como patrón. Daquela, España pasou a ter a hexemonía grazas ás minas de Potosí. Pero como a vontade humana é feble, houbo fuxidas de prata cara ao Brasil que permitiu a compra de escravos africanos, pagados en destino con máis prata de contrabando.
Con todo, os regresos non eran doados: sempre había piratas á espreita dos convois no Caribe e no Atlántico central. No combate destes, Portugal perdeu o seu rei e a súa independencia. Co remate do século XVI e malia seren potencias marítimas, o solpor chegaría en Oriente para as coroas ibéricas. Cando en 1600 se constitue a VOC (Compañía das Indias Orientais) nos Países Baixos, o seu obxectivo era dominar o comercio das especias ao prezo que fose. Conseguírono, pero esa é outra historia.
Suscríbete para seguir leyendo
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo