Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Loita Amada: resistir é vencer

Festa, emoción, rebeldía

O grupo Loita Amada.

O grupo Loita Amada. / Cedida

V. Neira

Resistir é vencer: velaí o novo traballo discográfico de Loita Amada, un proxecto que en tres anos, desde o 2022 e nun exercicio de extraordinaria everfescencia creativa, chega así á súa terceira entrega despois dos anteriores Viva a loita amada revolucionaria, co que debutaban, e do recente Rematou o simulacro, estreado no 2024.

Desta volta, outra vez atopamos un grupo cunha fame voraz por non se poñeren límites estilísticos aínda que todo co denominador común do rock gobernando as liñas mestras dun traballo no que os Loita tamén percorren carreiros salferidos por evidentes e necesarias pingas de punk, de ská, de folk, de tradicional e incluso de pop, nunha sorte de retrousos que se viran cantables a cada escoita.

Coa poesía da revolución como motor de absolutamente todo e partillando o nexo conceptual arredor do propio nome da banda: unha actitude que lle confire ao proxecto unhas tremendas e gozosas solidez e consistencia.

Jásper como letrista, voz principal e guitarra; Davide Salgado á guitarra; Alberte Fernández ao baixo; Xiana Naval co trombón, Ana Novo á trompeta e Amós Varela na batería atinan aquí coa tecla xusta para ofrecernos festa, emoción e rebeldía a partes iguais e tamén unha precisa luminosidade que, a cada nota, nos arreda da derrota e do pesimismo mentres nos cargan de enerxía para a resiliencia e para a batalla que necesariamente temos, e teremos, que dar pola nosa propia condición de seres humanos con carácter e dignidade.

Cancións sociais e políticas que impiden con claro acerto calquera aceno de esquivar o problema ou plantexarnos calquera mínimo intento de poñernos de perfil. A pasividade de Europa ante o xenocidio do pobo palestino, o activismo político e musical, o amor, a amizade e mais o respecto polo legado dos antergos son algunhas das cuestións que transcorren por este Resistir é vencer nunha viaxe polos territorios rockeiros máis reinvindicativos e cunha colección de cancións nas que custa escoller a preferida dado o notable nivel no que o disco se defende ás mil marabillas ao longo dunha escoita enteira e na cal as pezas van perfectamente da man, dándolle todo o sentido ao conxunto do labor discográfico como tal.

Todo iso, entón, gravado e producido por Kaki Arkarazo nos seus Gárate Studios ubicados en Andoain (Gipuzkoa) e dándolle o mellor verniz a unhas cancións que ademais contan co regalo dalgunhas e escollidas colaboracións artísticas da talla de xente como, entre outros e outras, Tanxugueiras, Nuno Pico de Grande Amore, Hartiz Zabaleta de Ameba, Luken Arkarazo de Odolaren Mintzoa, Mini Rivas de Fuxan os ventos e A Quenlla, Xiana Lastra de A banda da loba, o trikixilari Joseba Tapia ou a voz dun tal «o da Gándara» e que, nada máis escoitarlle unha sílaba, abofé que recoñeceredes a palabra e mais voz do probablemente máis grande vocalista de punk en castelán da historia.

Tres anos de Loita Amada, xa que logo, e estreando o seu terceiro disco e xa pstos cun camiño pola realidade festivaleira, e de música en directo do país, que os converte por méritos propios nunha das bandas de referencia da nosa escena.

Concerto de Motorhead en Vigo (2010).

Concerto de Motorhead en Vigo (2010). / FdV

Motorhead en Vigo

Quince anos van aló do concerto que deron os Motorhead en Vigo e estamos seguros de que se hoxe achegas a orella a calquera das trabes que sosteñen a estrutura do pavillón das Travesas, aínda nelas resoan os ecos dos finais dalgunhas das cancións daquel repertorio.

Hai días que quedan marcados para sempre na historia musical dunha cidade e no corazón, de coiro e chapas, dos presentes nunha cerimonia rockeira que o bispo Lemmy Kilmister inauguraba con aquela inequívoca e lendaria declaración de intencións: «We are Motorhead and we play rock and roll». O demais foi e é pura historia.

Lemmy e os seus dous socios de ouro, Phil Campbell e Mikkey Dee, pasaron por Vigo como un F-117 engraxado e disposto a un bombardeo sen concesións con mísiles da talla de «Overkill», «Iron Fist», «Rock Out», « Killed by Death» ou a icónica e imprescindible «Ace of Spades» entre outra metralla rockeira que dispararon coa solidez, volume atronador, carisma e coa máis fascinante enerxía da que probablemente era a mellor banda de rock´n´roll en directo no mundo.

Dicía Lemmy, un tempo antes do seu pasamento, cando o trataban coma un deus, que el non era deus, que vira a Deus un día e que este era un tipo moito máis alto ca el. Nós, en Vigo, aquel agosto de hai 15 anos, estamos absolutamente seguros de que alí vimos a Deus ou, polo menos, a un dos deuses do rock, diga Lemmy o que diga.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents