Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Botade áncoras
Unha gran achega
Iago Fernández
Cómpre celebrar que a editorial Galaxia lle concedese o premio conmemorativo do seu 75 aniversario a unha novela destas características. Principalmente, porque o premio non exalta nin a aptitude comercial nin a contemporaneidade da obra galardoada, senón un modo comprometido e esixente de entender a literatura e o quefacer literario.
A grandes trazos, poderiamos categorizar O lanzador de coitelos coma unha novela do século XX, que recolle o fío da literatura modernista e o anoa cos hábitos narrativos e discursivos da posmodernidade. O primeiro capítulo xa nos devolve a un paradigma literario doutro tempo: componse dun monólogo de cincuenta páxinas onde abundan as subordinadas interminables, as reflexións digresivas e os acenos metaliterarios. Desde o punto de vista narrativo, bebe da cultura de masas e, en particular, dos subxéneros e da serie B: a historia trata dun sicario atolado que segue os pasos dun poeta invidente con residencia en París. Do primeiro capítulo en adiante, o sicario participa nunha trama que se remonta ao pasado do poeta como lanzador de coitelos e prisioneiro dun campo de concentración nazi. O único que non me convence é que, de cando en cando, os arranxos de serie B resultan demasiado frívolos e comprometen a fondura da proposta narrativa.
En relación ás constantes literarias do noso tempo, O lanzador de coitelos semella unha novela excepcional, kamikaze e xustificadamente intimidatoria, pero, aínda así, dista de ser un cabo solto. Ao meu ver, axústase con facilidade a unha corrente estética e filosófica non moi coñecida que xurdiu no norte de Europa a comezos do século XXI: o metamodernismo. Esta corrente asume o legado formal do modernismo sen renunciar á conciencia irónica da posmodernidade, desmarcándose insistentemente da frivolidade e da autocompracencia intelectual dos discursos académicos e artísticos das décadas precedentes.
En termos prácticos, a razón principal para considerar O lanzador de coitelos unha obra metamodernista é que, a fin de contas, recorre ás ferramentas tanto do modernismo coma do posmodernismo coa intención de indagar a fondo nun dos maiores traumas colectivos do século pasado: a experiencia concentracionaria. Unha vez enunciado isto, coido que xa contamos cunha medida oportuna para valorar a relevancia desta novela e a idoneidade do galardón que recibiu. Parabéns!
Innovadora escrita
Nos inicios da novela gótica
Xosé Feixó
A editorial Galaxia vén de publicar Os castelos de Athlin e Dunbayne (1789), de Ann Radcliffe (de nome real Ann Ward, Londres, 1764-1823), novelista clásica que foi na súa época a máis famosa de Inglaterra, e pioneira da novela gótica de terror.
Esta obra, ambientada nas Terras Altas de Escocia, que no seu momento tivo pouca relevancia tanto por parte do público como da crítica, cousa comprensible dada o seu carácter innovador e rompedor, foi pola contra a que fixou o ton da súa escrita, na que aparece sempre algunha moza heroica nun castelo tétrico en mans dalgún señor, misterioso en sí e de misterioso pasado. Nela mestúranse historias de amores, crimes, traizóns, vinganzas, honra, nobreza, lealdade, honradez... integradas nun relato animado cheo de aventuras e mudanzas imprevisibles, nunha paisaxe que, quen a coñece, sabe espectacular.
Radcliffe, que distingue perfectamente entre terror e horror, diferénciaos en que o terror eleva o espírito mediante a incerteza e a intuición, segundo ademais afirmou nun ensaio póstumo, mentres que o horror explícito anula a imaxinación. As súas heroínas racionalizan o inexplicable. O sobrenatural, máis ca presenza real, é intuición desbordada, que suxire a través de obsesións, pesadelos, febres, sombras, dobres inquietantes e segredos familiares. Neste sentido, moi interesante para os comezos deste xénero, e tamén entretida para pasar o tempo.
A forza da palabra
Sabedorías innatas
María Navarro
A forza da palabra maniféstase en Coplas analfabetas dunha forma extraordinaria. O seu autor, Antonio Tizón, aproveita a memoria da súa avoa María Dominga Cordeiro García para falar de explotación, analfabetismo, discriminación, guerra, feminismo, miseria, esperanza, resistencia, dignidade, da vida e da morte en forma de coplas de dezaseis versos cada unha no que constitúen romances encadeados, de modo que o último verso de cada composición coincide co primeiro do seguinte romance.
O volume é todo un luxo literario que ademais incorpora unha adaptación musical, coordinada pola actriz e cantante Eugenia Sanmartín, para que o público coñeza unha época pasada, que ben podería ser a actual, aquí ou en calquera parte do mundo, e que honra a tradición oral popular que permanece no imaxinario colectivo do pobo galego, que é base de inspiración para a música de hoxe e que establece un diálogo fermosísimo entre signos lingüísticos e sons nun tándem perfecto que apunta directamente á capacidade de expresión xenuina a pesar de que a que fala non sabe nin ler nin escribir.
Os versos «coplas analfabetas/alfabetizan misterios/misterios que son instantes/instantes que son eternos» recollen unha sabedoría innata, albergan a arte da palabra que é quen de descifrar o inexplicable e achegan verdades profundas que se transmiten de corazón a corazón. A trascendencia no tempo obra a maxia e chega ata nós coma escintileos que -degoiro- iluminen o futuro.
Poesía de interior
Con lirismo e crudeza
Oriana Méndez
Habitar as fendas, de Gisele Mato, recoñecido co Premio XII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, asume o risco de escribir desde a vulnerabilidade como lugar de resistencia. A autora fai do poema unha tentativa de convivencia coa perda, coa violencia e co silencio.
Dividido en tres partes —«Silencio», «Casa non hai» e «Entre as vértebras»—, o libro debuxa unha xeografía emocional que se despraza desde a intemperie ata o interior do corpo. Cada sección amplía o sentido da fenda, ese motivo central que funciona ao tempo como imaxe física e como categoría existencial. «A fenda devora todo ao seu paso», lemos no evocador limiar asinado por MN Soutelo, e esa voracidade convértese nunha metáfora da vida mesma: a materia do poema, do corpo e da memoria son devorados polo paso do tempo e polas perdas.
O estilo de Mato, que traballa a precisión, combina lirismo e crudeza, lembrando en ocasións a influencia de voces coma Yolanda Castaño ou Silvia Penas. A sintaxe aberta e a puntuación mínima reforzan esa sensación de que o poema foxe de toda clausura, coma se o mesmo discurso fose tamén un territorio de fisuras que non se dan pechado. Identifícase con claridade unha poética do corpo-campo de batalla: «dóesme ti no oco das vértebras, a última terra que non me era hostil». Ao mesmo tempo, as metáforas orgánicas —os ósos, o sangue, a pel— conviven con imaxes domésticas que teñen algo de ruína: as portas que baten, as plantas murchas, a casa sen fiestras. Non obstante, a metáfora da fenda ou da ferida para revelar a vulnerabilidade xa se converteu case nunha convención lírica do noso tempo.
Mato logra revitalizala en moitos momentos, mais o punto de partida e o camiño que transita corren o risco de caer nunha simboloxía se cadra previsíbel.
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas
- Sancionada con 30.000 euros una empresa del motor de Vigo por contratar trabajadores durante una huelga