Galiza vital
O proxecto de Castelao e Risco

Debuxos de Castelao para a revista «Nós» (1920), presentes na exposición / Arquivo
A Fundación Vicente Risco, na súa sede de Allariz, presenta desde o pasado sábado a mostra Vicente Risco e Daniel Castelao. Galiza como proxecto vital centrada na relación entre dúas figuras como Castelao e Risco, fundamentais no cultural e político na historia do noso país.
A magnífica mostra documenta con rigor, por medio de debuxos, manuscritos e correspondencia, esta relación, tocando temas moi variados de carácter histórico, político, literario e artístico. Imos centrar estas notas no ámbito artístico, que na exposición é de relevancia notábel ao ter a fundación importantes fondos de debuxos e publicacións ilustradas en que participaron ambos creadores.
É ben coñecido que Vicente Risco e Castelao son figuras centrais da cultura galega e que tiveron o principal ámbito de encontro na revista Nós (1920-1936). O primeiro, director literario da mesma; e o segundo, director artístico. Ambos evidencian un fondo interese pola actualización dos discursos estéticos e plásticos do contexto cultural galego.
Castelao, coa creación do Álbum Nós na segunda metade da década dos dez, é o primeiro artista galego que de xeito manifesto rompe co costumismo e coa tópica dominante na arte galega desde finais do século XIX, afastándose dun ambiente que, aínda que se fora anovando en termos formalmente modernistas e simbolistas, evidenciaba unha notoria compracencia no temático.
A súa obra delata unha constante preocupación pola linealidade cunha notoria evolución estética que parte das formas modernistas para chegar a un expresionismo singular. Arte popular, primitivismo e expresionismo son algunhas das constantes da súa obra, que se poden enxergar no conxunto do seu labor. A recepción de influxos posimpresionistas e expresionistas percíbese nos seus debuxos do Diario 1921, sen que desapareza a linealidade e o tratamento de superficies de influxo modernista e referentes simbolistas.
Alén diso, cos seus textos sobre estética, moitos publicados na revista Nós e/ou divulgados en palestras como «Arte e galeguismo», foi un axente central no debate estético na Galicia dos anos anteriores á Guerra Civil.
De por parte, Risco non foi propiamente un artista plástico e a súa actividade como debuxante non supuxo unha dedicación fundamental dentro da súa polifacética personalidade intelectual. O noso escritor utilizaba o debuxo de xeito instrumental, moitas veces como auxiliar da escrita, ao tempo que delataba, nos seus escritos e debuxos, unha enorme atracción pola actividade artística, que manifesta xa desde a década dos dez divulgando entre nós os correntes estéticas de vangarda.
Divulgación estética e visualidade
Sen pretender ser un artista plástico, Risco si debuxa constantemente -nas súas viaxes e visitas a exposicións e como complemento aos seus traballos de investigación etnográfica-, reflectindo con este labor non só unha actitude de curiosidade estética, senón unha clara liña de preferencias culturais e mesmo unha determinada maneira de ollar, que se pode pór en clara relación coa súa formación intelectual.
Estes debuxos adquiren, non obstante, unha poderosa significación de termos en conta o importante número deles que se conservan e o enorme valor que teñen para comprendermos aspectos importantes do seu traballo de creación literaria e de reflexión intelectual.
É significativo que unha importante cantidade de debuxos procedan de viaxes porque para Risco, na tradición ilustrada, a observación visual é un medio privilexiado de coñecemento, testemuñando o debuxo esas inquedanzas do autor que ve o mundo natural e cultural como un esculcador que se desmarca das máis vulgares actitudes contemporáneas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social