«A Mestra» de Camilo Nogueira
Unha escola de pedra para Bouzas

«A mestra», do escultor Camilo Nogueira Martínez. / Alberte Reboreda
Alberte Reboreda
Entre as rúas estreitas da vila de Bouzas, nun recuncho onde o ruído do tráfico se transforma en eco mariñeiro, agóchase unha das esculturas máis entrañables e descoñecidas da cidade de Vigo. É A Mestra, obra do escultor vigués Camilo Nogueira Martínez, un grupo en granito que fala sen palabras do valor da educación e da tenrura compartida.
A escena semella sinxela: unha muller ergueita, envolta por un grupo de nenos e nenas que len con atención os seus libros, ao tempo que procuran refuxio e cariño apegados ao seu corpo. Pero detrás desa aparente serenidade palpita unha historia máis fonda: a da muller que coida e ensina, que acolle, que transmite coñecemento, afecto e confianza. A pedra converteuse aquí en escola, e o escultor, en cronista dun tempo que tiña fame de futuro.
Camilo Nogueira, fillo de Lavadores, formado na Escola de Artes e Oficios de Vigo e compañeiro xeracional de tantos creadores que fixeron da pedra galega un idioma, esculpiu esta obra alá pola década de 1970. Nun país que quería deixar atrás a ditadura e buscaba un novo tempo de esperanza, Nogueira non escolleu representar aquí heroes ou santos, senón unha mestra anónima, símbolo do esforzo silencioso que educa con empatía e comprensión.
O granito —duro, poroso, ás veces agre— cobra nas súas mans unha suavidade inesperada. As figuras infantís enrólanse arredor da muller coma nunha melé de confianza. Non hai idealización nin artificio: só o xesto natural, as mans que acariñan e transmiten coñecemento, o sorriso apenas insinuado, o equilibrio perfecto entre referente intelectual e delicadeza de nai.
A composición, ascendente e compacta, crea unha sensación de abrigo colectivo. Todo conflúe nunha harmonía que lembra o realismo humanista de Francisco Asorey, pero filtrado pola luz atlántica e a mirada próxima de Nogueira.O tempo regaloulle unha pátina que a integra entre as pedras da rúa Simancas, coma se sempre estivese alí. As chuvias da vila mariñeira baixan sobre ela sen prexuízo: son como unha lección escrita en pedra. Non é unha obra monumental nin ostentosa, pero posúe esa forza discreta das cousas verdadeiras, das que non precisan explicacións para conmover.

La galería al aire libre de la Alameda de Vigo / Adrián Irago
A Mestra fala da educación, si, mais tamén da muller como piar do coidado físico e intelectual da sociedade, como referente moral e cultural. Nun tempo en que moitas mestras sufriron a represión ou o exilio, este conxunto escultórico ergueuse como homenaxe tácita: a quen alfabetizou nas aulas, a quen ensinou a ler á luz dunha lámpada humilde, a quen fixo do saber un acto de resistencia.
Razóns históricas, culturais, económicas e estruturais fixeron que o ensino, sobre todo nas etapas de educación infantil e primaria, se feminizase progresivamente ao longo do século XX. Nogueira era consciente desa realidade. Ideada para coroar unha fonte, na actualidade a escultura pasa desapercibida entre boa parte dos viandantes pola perda de uso do manancial e, sobre todo, pola utilización do contorno como aparcadoiro de coches, que ocultan esta obra de arte inxustamente.
«Os nenos», como Nogueira dicía, «era un dos temas que máis lle gustaba esculpir, xunto ás representacións de figuras femininas e as maternidades», sinala a súa estudosa San Ildefonso Rodríguez (1996). «Nenos, desprovistos da carga transcendente dos adultos e refuxio da inxenuidade e candor que viven á marxe do drama (...) inxenuidade infantil chea de tenrura». Un feixe de rillotes que se arremuíñan en grupo arredor da muller-guía, como tamén acontece en Despedida, un dos conxuntos que o Fidias de Lavadores esculpiu para a Praza de Compostela.
Vigo, cidade de granito, ferro e sal, atopou en Camilo Nogueira un intérprete fiel da súa cara máis amable. A Mestra permanece alí, vixiante e serena, rodeada de nenos eternos. Cada ollada que a contempla continúa a súa lección, esa que non cabe nos libros de pedra que os cativos terman coas súas mans, pero que se grava na conciencia de quen a observa: que ensinar é un acto de amor, e que a cultura é o verdadeiro rostro da liberdade.
Escultor do humano
Camilo Nogueira Martínez (Vigo, 1904–1982) pertence á xeración de escultores galegos que converteron o granito en linguaxe de tenrura e emoción. Formado na Escola de Artes e Oficios olívica e influído polo realismo espiritual de Asorey, dedicou a súa carreira a retratar a vida común: mariñeiros, nais, campesiños, nenas e nenos que xogan ou cantan, mestras que ensinan.
A Mestra, situada no corazón da vila mariñeira de Bouzas, resume á perfección o seu estilo: un realismo simbólico e tenro, de formas sinxelas e contido social. A obra é un tributo á educación e á muller, mais tamén á idea de comunidade. Nogueira rexeita a grandilocuencia e aposta pola emoción contida, pola beleza do xesto pequeno.
O granito, traballado con suavidade, deixa ver o seu amor pola materia e pola xente. Os liques que cobren hoxe a escultura non son decadencia: é tempo petrificado, memoria viva dunha cidade que se recoñece nas súas heroínas anónimas.
Camilo Nogueira non quixo labrar monumentos que nos contemplen con suficiencia desde as alturas, senón presenzas agarimosas que nos miren de igual a igual, falándolle á nosa infancia, a mesma que Rilke identificara como a nosa patria verdadeira. Medio século despois da súa talla, A Mestra segue ensinando esa lección
Suscríbete para seguir leyendo
- La plaga británica de pulpos entra en la campaña navideña del sector pesquero
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- «No solo me arrancaron la pierna, me arrancaron la vida»
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- La parcela de la antigua estación de bus de Vigo será un espacio de encuentro social
- Adiós a un clásico de Samil: Vigo rechaza prorrogar la concesión de la cafetería Di San Remo