Crónica de Tespis
Facer teatro desde A Coruña

José Redondo, á dereita, en compañía de Fernando Rey.
Manuel F. Vieites
Hai tempo que Francisco Oti Ríos vén publicando traballos ben interesantes para recuperar e poñer en valor a historia teatral do país desde mediados do século pasado, centrando a súa procura no acontecido en todo o arco ártabro. A diferenza doutros traballos que se ocupan da carteleira dos teatros das vilas galegas máis importantes, en ocasións promovidos por José Romera Castillo desde a UNED, nunha liña de investigación moi salientable e necesaria, no caso que nos ocupa dáse noticia de compañías e axentes da creación escénica, en escenografía, interpretación ou dirección, sen esquecer os repertorios, o que implica xerar unha interesante nómina de autores e autoras de obra dramática, propios e alleos, e neste último caso apuntando unha historia posible da tradución ao galego. Unha mirada global, pois.
Neste novo volume, centrado no contexto teatral coruñés, o eixe arredor do que se fía o relato é a traxectoria da asociación teatral Tespis, creada por José Redondo Santos, quen inicia a súa andaina nos palcos na cidade da Coruña co Teatro de Cámara da Asociación Cultural Iberoamericana, que, con dirección de Antonio Naveira Goday, presenta en 1959 o espectáculo O incerto señor Don Hamlet, a partir do texto homónimo de Álvaro Cunqueiro, e en 1961 Os vellos non deben de namorarse, neste caso sobre a afamada peza de Castelao. Dous fitos significativos para o teatro de expresión galega, promovidos desde una agrupación teatral que desde os anos cincuenta realizaba numerosas presentacións escénicas, a maioría en castelán.

Representación de «O incerto señor Don Hamlet» de Álvaro Cunqueiro (1959). / FdV
Acerta o autor deste traballo, Tespis e o contexto teatral coruñés, editado por Invasoras neste ano que andamos, na proposta de lectura do acontecer teatral na cidade da Coruña e na súa contorna, ao optar por una mirada intersistémica e integradora, pois moitos das grandes figuras do teatro en lingua galega tamén fixeron teatro en castelán, como poida ser o caso de Manuel Lourenzo, quen con Tespis dirixe A cantante calva, de Eugène Ionesco en 1966, e nese mesmo ano A derradeira cinta, de Samuel Beckett, e Sonata de espectros, de August Strindberg.
Fitos importantes na recuperación dun pulo teatral propio e lonxe da deriva comercial, a pesar de todos cantos atrancos existían daquela, que eran moitos, máis aínda no caso do uso escénico da lingua galega.
O volume iníciase cunha mirada ao contexto no que xorde Tespis, o que permite dar conta da actividade doutros grupos e persoas, recuperando figuras e traxectorias relevantes naquela altura, ofrecendo abundante documentación. Segundo Manuel Lourenzo e Francisco Pillado, o colectivo que será Tespis bota a andar contra 1961, ben que Francisco Oti sitúe os espectáculos primeiros con esa denominación en 1965, aínda que en 1960 Redondo xa aparece vinculado como director de escena a un grupo de nome Gerión, co que dirixe dous textos de Molière.
Desde aquela, e durante máis de vinte anos presenta unha manchea de espectáculos, con textos de Edward Albee, Mikhail Chéjov, Noël Coward, Eugène Ionesco, Slawomir Mrozek, Ramón María del Valle-Inclán, Daniel Cortezón ou Álvaro Cunqueiro, e ao tempo converte Tespis nun viveiro moi dinámico e produtivo de vocacións teatrais, e así foi, por exemplo, nos casos de Fely Manzano, Xosé Manuel Vázquez (Tuto), Luisa Veira, Raúl Dans, Santiago Fernández, Víctor L. Mosqueira, Santi Prego ou María Pujalte.
Parabéns para o autor e o editor por un volume que acaba sendo unha homenaxe merecida a José Redondo, un dos máis activos promotores da vida teatral da cidade da Coruña e alma mater de Tespis, pero tamén constitúe unha lembranza necesaria de outras moitas persoas das que se recupera nome, paixón escénica e memoria. Un acerto.
Historias por construír
Seguindo o fío principal que vertebra o traballo, como é a peripecia da agrupación Tespis, do contexto van emerxendo outros grupos e persoas que, dunha ou doutra maneira, participan no agromar da actividade escénica nos anos cincuenta e sesenta, dando conta de moitas historias por escribir aínda, e para as que o volume xa ofrece fíos dos que tirar e comezar a enfialas. Pois na Historia do Teatro feito en Galicia queda moita fariña por peneirar, con independencia das linguas de uso.
Tal é o caso de María Luisa Durán Marquina, xornalista e directora do Conservatorio de Música, onde promove a posta en marcha dun cadro artístico, ou de Luis Iglesias de Souza, quen ademais dunha moi notable investigación sobre o teatro lírico, crea en 1943 a Agrupación Artística La Farandula.
Nese contexto é no que inician a súa traxectoria escénica persoas como José Redondo ou José Luis Fernández Caramés, moi vinculado co teatro universitario da cidade nos primeiros anos sesenta, que tivo unha certa actividade nas escolas de comercio, náutica ou maxisterio da cidade herculina. Así tamén se potenciou o teatro en lingua galega. Por contaminación ou contraste.
Suscríbete para seguir leyendo
- Marisco de Canadá, Portugal y Marruecos devuelve el producto gallego de la lonja al mar: «Hay gente que lo vende como si fuese de aquí»
- Hallan un cuerpo colgado de un árbol frente a la Diputación de Pontevedra
- Condenan por intrusismo a un falso médico que atendió 9 días en Urgencias del hospital Álvaro Cunqueiro
- Los dueños del colegio Atalaya deben devolver 180.000 euros que les prestaron 5 docentes por hacerlos indefinidos
- Muere Amaya, la mujer del ingeniero vigués que hace cuatro meses hizo un llamamiento desesperado para salvarle la vida
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Educación abre una investigación en un colegio de Vigo por acoso a una niña de 5 años
- Vigo acogerá el próximo desfile del Día de las Fuerzas Armadas