Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Queremos o noso veciño?

O Alejandro de la Sota máis próximo e menos atendido

Edificio de vivendas, obra de Alejandro de la Sota, na cidade de Pontevedra (1970).

Edificio de vivendas, obra de Alejandro de la Sota, na cidade de Pontevedra (1970). / Lois Alcayde Dans

Lois Alcayde Dans

Xa nestas páxinas falamos un chisco do pontevedrés Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996). De la Sota importa hoxe porque non precisaba materializar no discurso a Galicia para evidenciar en toda a súa traxectoria o diálogo do país aberto co resto de tendencias en España e no eido internacional. Xa falamos del como un dos meirandes representantes do movemento moderno humanizado en España, con senlleiros casos entre nós con suma mestría, como acontece coa Casa Domínguez.

Mais sabemos coidar como pobo da herdanza destes mestres modernos do século XX? Un podería dar un paseo por cidades como Pontevedra e pensar, máis ben, o contrario. Se miramos hoxe arriba, veremos como moitas veces temos o tesouro entre nós e temos aínda como comunidade a meta de crear, fornecer e manter estruturas e comportamentos que nos permitan conservar o fermoso, o patrimonio tamén recente que fai así unha visión colectiva da cidade e do país.

Foi na súa cidade natal onde De la Sota realizou obras que, sexa por desleixo ou falta de coidado das persoas que as habitan, remataron por amosar unha fachada ben distinta á facha ben lucida e pensada que o mestre arquitecto concibiu.

Un deses exemplos de arquitectura maltratada foi o doente caso do edificio de vivendas que o mestre de arquitectos do século XX español proxectou para a vella rúa Gondomar, hoxe rúa Pastor Díaz, na esquina con Marqués de Riestra. «Non hai nin unha parvada na arquitectura galega popular, nin sequera na urbana, que podería estar mais sofisticada», dixo nunha conferencia en Barcelona ao respecto deste edificio de vivendas de até seis alturas, cunha fermosa galería corrida na primeira.

Nas fotos orixinais aprézase unha marquetería única, sabedora de como xogar coa horizontalidade. Na propia visión do pontevedrés sobre o propio edificio hai tamén un debate sobre as orixes da arquitectura e as fontes das que bebe cando se fai nun lugar concreto, así «en Pontevedra, como en moitas partes de Galicia, a arquitectura ten unhas características perfectamente definidas: xanelas a rentes, por poderosas razóns ancestrais, e galerías, por outros motivos ancestrais».

Edificio de vivendas, obra de Alejandro de  la Sota, na cidade de Pontevedra (1970). LOIS ALCAYDE DANS

Imaxe antiga do edificio de De la Sota. / LOIS ALCAYDE DANS

Estas xanelas, se o paseante, despois de ler estas páxinas, decide achegarse ao cruce das dúas rúas mencionadas antes, están cambiadas por unhas simples, atopables en calquera outra fachada de calquera outra cidade. Non é detalle frívolo, como tampouco o é o material que nunha construción empregamos para o illamento ou o tipo de rocha que queremos que se enfrente co mar nunha casa de costa. Non, a visión que do mundo temos está marcada por ese curioso e desatendido foco-oco do ollo na parede, a ventá. Por proseguir no dito por de la Sota, unha arquitectura que pode ser «igual de mala» en Pontevedra como Murcia. Hai aquí un debate. Un debate no cal é inevitable pensar se a practicidade das novas ventás, feas e comúns, era superior en calidade-prezo á renovación ou rehabilitación das deseñadas por De la Sota. Convídoos a ver as imaxes en internet deste edificio para cerciorarse de como este panelado non só falaba de Pontevedra, senón dun xeito de observar o horizonte.

Pero vaiamos ao fondo do debate: pensaron sequera os veciños se cabía a posibilidade de conservar iso?

Afondo nisto último, por dar onde doe o dente: pensou aquela comunidade se pagaba a pena conservar un exemplo dun arquitecto premiado internacionalmente? Xa nas vontades poderiamos ler a visión que como comunidade temos dos mestres de noso entre nós. Todas estas preguntas, porén, sempre poderán caer esfareladas baixo a escusa da ignorancia ou da vida cotiá, que nunha reunión veciñal pode decantarse por un novo sistema de tuberías como por destrozar unha marquetería exemplar, e, a pesar da fraxilidade, a vida seguiría igual.

A mala sorte dun tempo

Amén do exemplo veciñal, temos tamén o caso dun edificio municipal ao que a mala sorte e planificación lle xogou outra mala pasada ao pontevedrés De la Sota na cidade do Lérez. Trátase do pavillón dos deportes, sito ao carón do Burgo, despois das múltiples pontes que cosen os accesos ao casco aristocrático.

Proxectouno cando xa era un mestre consagrado da arquitectura moderna española, e nel amósase a súa capacidade creadora e a súa forma característica de pensar o proxecto: atopar unha idea luminosa e resolver o problema coa máxima sinxeleza. A idea era erguer unha caixa inundada de luz, anónima e silenciosa; o xesto, unha estrutura lixeira e precisa que fai posible a ingravidez da cuberta, unha malla espacial apoiada en ménsulas equilibradas, case coma nunha balanza, relembra nun texto o profesor da UDC, Fernando Agrasar.

O resultado é unha obra de aparente humildade que non foi ben acollida polo tempo e as sucesivas reformas, que, en vez de conservar, deformaron o discurso do pontevedrés na súa propia cidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents